domingo, 14 de julio de 2013

O Valedor diríxese á defensora europea para que actúe ante a Comisión Europea en defensa do sector naval galego


12 de Xullo do 2013

Valedor do Pobo
As competencias de control da Comisión Europea correspóndenlle á defensoría do pobo de Europa. Na queixa de oficio remitida á última hora de onte a este organismo europeo, o Valedor alude ás dramáticas repercusións económicas e sociais que a devolución do tax lease podería ocasionar ao sector naval e o conxunto da sociedade galega. Pon en dúbida o principio de boa administración nas actuacións desenvolvidas ao respecto pola Comisión e as rebate con cinco argumentos de peso.
Santiago de Compostela, 12 de xullo 2013. O Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez, dirixiuse nas últimas horas á recén nomeada defensora do pobo europeo, Emilly O'Reilly, para que actúe ante as institucións europeas en defensa do sector naval galego. "Acudimos ante a súa institución como órgano imparcial e supervisor da actividade as institucións e órganos da Unión Europea, solicitándolle o inicio das actuacións de investigación cara a dirimir a posible vulneración dos principios de boa administración por parte da Comisión
Europea no exercicio do cumprimento do dereito comunitario sobre competencia", explica o defensor galego na súa comunicación. No documento que achega á defensora de orixe irlandés, José Julio Fernández califica de "dramáticas" as posibles repercusións económicas e sociais que a devolución do tax lease suporía para o sector naval e o conxunto da sociedade galega.
O Valedor do Pobo iniciou nas últimas horas unha queixa de oficio movido pola apertura, por parte da Comisión Europea, do expediente sancionador contra España, como consecuencia da posible vulneración da normativa comunitaria en materia de axudas de Estado mediante a aplicación do réxime fiscal comunmente coñecido como tax lease. Agora dirixe o mesmo á Defensoría Europea co obxecto de demandar que cumpra coas súas competencias de control da Comisión Europea e interceda polo naval galego ante esta dificultosa situación.

"Entendemos que, no contexto concreto deste expediente, obsérvanse indicios de que a Comisión Europea pode non estar respectando os principios básicos de boa administración polo que consideramos oportuno interesar a actuación do Defensor do Pobo Europeo respecto ao mesmo", explica José Julio Fernández no seu escrito.
Cinco argumentos
O Valedor rebate a posición da Comisión con base nos seguintes argumentos:
1.- A participación como inversor no esquema de deducións fiscais do tax lease non estivo legalmente limitada a residentes do estado español senón que permaneceu aberta a calquera inversor comunitario que tivo a posibilidade de integrarse nas agrupacións de interese económico beneficiarias deste réxime polo que parece difícil afirmar o carácter selectivo das axudas fiscais postas en dúbida.

2.- Os beneficios fiscais derivados do tax lease non se recoñecen exclusivamente a agrupacións de inversores que financien a construción de buques en estaleiros españois senón que está contemplada igualmente para a fabricación de navíos en establecementos situados no resto do territorio da Unión Europea.

3.- A posible devolución das axudas por parte dos beneficiarios, se eventualmente estas son consideradas contrarias ao dereito da Unión Europea, supón unha creba patente do principio de confianza lexítima e unha ruptura da seguridade xurídica que debe amparar a toda persoa, física ou xurídica, nun estado de dereito.
"O artigo 14 do Reglamento (CE) nº 659/1999 do Consello contempla expresamente que a Comisión poderá renunciar de oficio a esixir a recuperación das axudas cando esta sexa contraria a un principio xeral do dereito comunitario; e iso é o que deberá chegar pasar, se a axuda se declara ilegal, neste caso", explica o Valedor.
"Debe recordarse que os beneficiarios das deducións accederon ás mesmas amparados na legalidade vixente e que todas e cada unha das operacións realizadas contaron coa autorización expresa e individualizada da Agencia Tributaria española polo que resulta francamente difícil admitir desde unha posición coherente coa tutela dos dereitos do administrado, que este deba reintegrar, varios anos despois da súa concesión, o importe dunhas deducións fiscais ás que accedeu cumprindo con todos os requisitos marcados pola lei", engade.

4.- Resulta fundamental que a Comisión Europea poida actuar con discrecionalidade na defensa da libre competencia e na persecución das distorsiones do mercado interior "pero consideramos que para que o exercicio deste poder non xere arbitrariedade resulta igualmente esencial que se produza un respecto escrupuloso dos dereitos dos administrados; e no expediente do tax lease naval español a protección destes dereitos queda en dúbida", manifesta José Julio Fernández.
A criterio do defensor galego "neste caso non se trata de que, de acordo cunha consolidada pero discutible práctica comunitaria, as empresas deban corresponsabilizarse da recepción de axudas cando o Estado que as concedeu non cumpriu coa obriga formal de notificalas debidamente á Comisión", senón que no asunto do tax lease, engade, "a situación de desprotección dos beneficiarios é aínda máis aguda posto que a Comisión alega que as eventuais axudas concedidas pola administración española son só parcialmente ilegais, ao exceder os parámetros establecidos no punto 11 das Directrices comunitarias sobre axudas de Estado ao transporte marítimo, que foron á súa vez consideradas coma axudas legais".
Segundo a institución galega, obrigar a un operador económico a realizar o xuízo material de determinar que parte da axuda recibida é conforme ao dereito comunitario e que parte non o é, resulta desproporcionado; sobre todo "se temos en conta que cada operación foi visada e autorizada pola Agencia Tributaria do Estado membro, neste caso España".

5.- A confianza lexítima dos operadores económicos beneficiarios das deducións no sistema do tax lease español viuse ademais reforzada pola aceptación do esquema que fixo en diversas comunicacións a anterior comisaria da Competencia, así como polo feito de que a Comisión non reaccionou ante a denuncia formulada en maio de 2006 ata o mes de xuño de 2011, dando a entender -coa súa inactividade durante cinco anos- a validez do sistema. Nun caso idéntico, a propia Comisión admitiu tanto a súa responsabilidade á hora de xerar un fumus bonis iuris por relación a unha axuda de Estado como a consecuente necesidade de exonerar aos beneficiarios da devolución da mesma .
Por todo o exposto, O Valedor do Pobo remitiu o argumentario a súa homóloga na Unión Europea co obxecto de que estude toda a documentación e inicie as actuacións de investigación que lle corresponden co obxecto de "dirimir a posible vulneración dos principios de boa administración por parte da Comisión Europea".

No hay comentarios: