miércoles, 24 de octubre de 2012

O PSdeG critica que o proxecto do dique foi ''unha sucia trampa electroral''



24/10/2012 - Galiciaé LV / Axencias
A deputada Beatriz Sestayo manifestou hoxe que o atraso na convocatoria da comisión de seguimento do proxecto para construír un dique flotante na ría de Ferrol foi unha "sucia trampa electoral" tal e como "sospeitaba" o seu partido, o PSdeG. "Esta mañá quedou demostrado que o atraso da comisión de seguimento, tres días despois das eleccións, foi unha sucia trampa electoral", declarou Sestayo.

A terceira reunión da comisión que estuda a viabilidade técnica, económica e xurídica do dique flotante estaba inicialmente prevista para agosto, pero foi atrasada a outubro e celebrouse esta mañá en Ferrol coa presenza dos directivos da Sepi e Navantia, alcaldes da ría e os sindicatos.

Sestayo, nun comunicado remitido esta tarde aos medios, tamén critica que o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, non acudise a unha reunión sobre "unha infraestrutura transcendental para a cidade" e reprocha a súa actitude de desprezo "covarde" ao sector naval, motor económico de toda a comarca.

Para a dirixente do PSdeG, as razóns que esgrime o PP para "non facer o dique" na ría de Ferrol son "un insulto á cidadanía", unha "burla sen paliativos" e un "tiro mortal a un sector que non levanta cabeza". "Hai tempo que quedou claro que o que se pretende é construír unha ferramenta de traballo para mellorar a competitividade e que entra dentro das competencias dos estaleiros da ría", conclúe a deputada electa ao Parlamento galego.

Sestayo tamén cuestiona o baile de cifras sobre o custo do proxecto que oscila entre "212, 140 ou 86 millóns de euros", segundo datos achegados por ela. "Reclamamos que sexa a Sepi a que financie o dique con cargo á súa tesourería, porque temos constancia de que ascende a 1.300 millóns de euros", sinala.

No hay comentarios: