2º.2.- Moción do grupo municipal do BNG de apoio ó levantamento do veto a ASTANO de data 1 de xullo de 2010.
A continuación pide o uso da palabra o voceiro do grupo municipal do BNG, Manuel Polo Gundín quen, unha vez concedido manifesta que a urxencia ven determinada porque onte rematou a quenda da presidencia española da Unión Europea e dende o BNG entenden que logo de seis meses de marxe hoxe era o día no que o Pleno tiña que mostrar a súa satisfacción ou insatisfacción en relación aos compromisos adoptados polo presidente do goberno en sede parlamentaria en relación con Astano, polo que urxe politicamente, un día despois da finalización da presidencia europea e di que non tiña sentido levar isto previamente á Comisión, por non estar cumpridos os seis meses da presidencia europea, e podía ser que aínda estiveran en tempo de ter conseguido algún logro relativo ao levantamento do veto, polo que entende que hoxe era o día en que o Pleno do Concello de Fene se posicionase a prol do levantamento do veto a Astano e respecto da aptitude dos distintos ministros e do propio presidente do Goberno.
De seguido, a Presidencia somete a votación ordinaria urxencia do asunto, sendo aprobada por unanimidade dos membros presentes.
Seguidamente o concelleiro do grupo municipal do BNG, Edgar Antonio Vigo López, fai uso da palabra e pasa a dar lectura da moción, que transcrita literalmente di:
“MOCIÓN DE APOIO AO LEVANTAMENTO DO VETO A ASTANO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O pasado mércores 30 de xuño, onte, rematou a presidencia española de turno da Unión Europea.
Isto non sería noticia no noso concello, de non ser polas esperanzas que o señor presidente do goberno e o seu grupo político trataron de trasladarnos aos veciños e veciñas de Fene sobre a oportunidade para realizar a negociación sobre o levantamento do veto a Astano.
Como todos e todas sabemos, o Presidente do Goberno español adquiríu en tres ocasións o compromiso político perante o Pleno da Cámara de que desde a Presidencia da Unión Europea faría o traballo necesario para levantar o veto á antiga ASTANO.
Por outra parte, en maio de 2009, o Congreso dos Deputados aprobou a seguinte resolución, a instancia do BNG: “Apertura dun proceso negociador para revisar os acodos do ano 2004 que limitan ata o ano 2015 a actividade produtiva do estaleiro de Fene a tarefas auxiliares do estaleiro Navantia-Ferrol, coa finalidade de que o estaleiro de Fene poida desenvolver plenamente as súas actividades produtivas en todos os ámbitos da construcción naval civil”.
Transcorrido o mandato da Presidencia da Unión Europea, Rodríguez Zapatero non realizou ningunha xestión para suprimir as limitacións que pesan sobre o estaleiro de Fene.
E non só iso, senón que o Ministro de Industria declarou en dúas ocasións no Senado, que o Goberno non decidira se sería convinte negociar coa UE o fin do veto ao estaleiro de Fene e deixou ver, ademais, que o executivo español non tiña vontade de realizar ese traballo.
O pasado mércores 23 de xuño, no debate sobre o resultado da presidencia europea, Rodríguez Zapatero indicou que este é un tema moi complicado e que por iso non puidera avanzar nada, coma se iso fose unha novidade, incumplindo a súa palabra e o mandato do parlamento e demostrando a sua incapacidade e falta de vontade para negociar aspectos vitais para o noso concello.
Para continuar, engadindo mentiras e falsas esperanzas, cando o ministro de fomento José Blanco visitou o noso concello (31 de marzo), realizou unhas declaracións nas que mantiña que o Goberno central propuxo «en todas las oportunidades que ha tenido» o levantamento do veto, pero escudouse en que «se trata de una decisión de la Unión Europea». «El Gobierno español lo ha planteado en todas las oportunidades que ha tenido, yo mismo se lo he planteado al comisario de la Competencia, Joaquín Almunia», sentenciou o mandatario de Fomento.
Pero como a improvisación e descoordinación lideran o día a día da xestión do goberno do estado e do seu partido, o comisario da competencia, tamén do partido socialista, reitera en varias ocasións, xa próximas ao remate da presidencia europea, que el non recibiu ningunha petición en ningún momento para o levantamento do veto a Astano (¿quén minte?) e que se así fora, habería que devolver todas as axudas: “cualquier modificación supondría la devolución, por parte del Estado, de 975 millones de euros, en concepto de la devolución de la subvención otorgada ilegalmente para la reestructuración de Izar en 2001” . É dicir, cando a comisaria non era española, afirmou que se podería estudiar que as axudas fosen devoltas en proporción a quen as recibiu e polo tanto o máximo que tería que devolver Astano ao estado español (non son axudas a devolver a Europa) serían como máximo do redor de 60 millóns de euros. ¿Para qué serve ter políticos españois en Europa?
Outra mostra do desaguisado que representa o PSOE nesta comarca, son as verbas de Xavier Carro, deputado pola provincia de A Coruña e que chegou en varias ocasións a votar no parlamento do Estado contrariamente ao que o seu partido votara no parlamento galego con respecto ao levantamento do veto. Este deputado, é capaz de querer facer ver que o traballo do goberno é incansable, pero que aínda que non o fose, Astano non ten oportunidades de futuro nestes intres. É dicir, cando alguén do goberno lle pregunta a alguén que coñeza o tema, o interlocutor é este home que defende que se se lle levanta o veto a Astano, ninguén sabería que facer. Este home debería de estar máis informado e saber que a Fundación Ferrol Metrópoli có apoio do Colexio de Enxeñeiros de Galicia, fixo un estudio financiado polo Ministerio de Industria no que se estudan tódalas posibilidades de futuro do estaleiro e a súa viabilidade no contexto actual e ademáis, debería de ser consciente do dano que lle está a causar aos seus concidadáns.
Todas estas situacións esperpénticas, que nesta comarca levan sucedendo varios anos e afectando totalmente á empresa principal do noso concello, non so tiveron a súa resposta polos políticos nacionalistas en tódolos seus eidos de actuación, senón que provocaron tamén a creación nunha asemblea por réxime de autoconvocatoria, dunha comisión promotora para conseguir realizar unha I.L.P. que como punto principal solicita o Levantamento do Veto a Astano. Esta comisión leva o nome de Rumbo 21 e conseguiu nesta comarca máis de 15.000 sinaturas para lograr este obxectivo, ademáis de acordos unánimes no parlamento galego. Rumbo 21 conseguiu mudar a situación de pasividade na sociedade e puxo enriba da mesa o problema principal que provoca a perda de emprego no noso concello e comarca e nós, non podemos máis que apoialos e felicitalos polo traballo feito, non olvidándonos do que é un clamor na sociedade da comarca e que o goberno do estado non fai nada para solucionar.
Os datos de desemprego e emigración da xente nova na nosa comarca chegan a números insultantes e mentres existan políticos que o único que lles importa é aparentar que buscan solucións cando se achegan as zonas dos problemas ou a campañas electorais e posteriormente non fan nada para solucionalos máis que mentir e mentir, non nos queda outra opción, dende a nosa representatividade política que solicitar o que se merecen e nos merecemos.
Acordos:
1.- O Pleno do concello de Fene aposta decididamente polo levantamento do veto a ASTANO para a construcción naval civil.
2.-O Pleno do Concello de Fene veta a presenza institucional do señor Presidente do Goberno do Estado Jose Luis Rodriguez Zapatero, a dos seus ministros Jose Blanco e Miguel Sebastian ademais da do Comisario da Competencia Sr. Joaquín Almunia e a do Deputado pola provincia de A Coruña Xabier Carro.
3.- O Pleno do concello de Fene declara persona "non grata" ao señor presidente do goberno Jose Luis Rodriguez Zapatero.
Fene 1 de xullo de 2010
O Portavoz
Manuel Polo Gundín”
De seguido fai uso da palabra o voceiro do grupo municipal do PP, Gumersindo Pedro Galego Feal, que di que van votar a favor da moción, xa que están de acordo coas razóns expostas na exposición de motivos e tamén están de acordo co que se lle pide a este Pleno que subscriba. Continúa dicindo que a eles esta moción se lles pasou por escrito e se lles pasou, lóxicamente, sen o anagrama do BNG, que pensaban que era unha moción para presentar conxuntamente neste Pleno e que eles fixeron as súas puntualizacións, moi poucas a verdade, porque a moción estaba ben, que tan só puntualizaron unha frase e unhas comiñas co cal manifestaron o seu acordo e que lles houbera gustado subscribir esta moción, pero coma xa se sabe, neste Concello e nesta Comarca os que se preocupan por Astano son os do Bloque. Di que eles van votar a favor desta moción por coherencia, e polo mantemento da palabra dada, pero pensa que na política municipal hai que actuar doutro xeito.
O voceiro do Grupo mixto municipal, Manuel Sánchez Martínez, fai uso da palabra para dicir que esta moción lle foi entregada fai dous minutos e non lle deu tempo a lela; que é verdade o que se di e que coincide coa exposición de motivos; que está totalmente de acordo co primeiro punto, que co segundo punto máis ou menos e respecto do terceiro punto di que lle parece moi ben declarar persoa non grata ou vetar a Zapatero, polas consideracións que vai facer despois, pero á hora de declarar persoas non gratas haino que facer con tódolos políticos que fan cousas semellantes.
Di que para solucionar estes problemas non só é o de declarar persoa grata ou non grata, neste caso a Zapatero, que hai motivos dabondo para declaralo persoa non grata, pero que para el en política non son gratos todos aqueles políticos que lexislan, que se presentan a unhas eleccións cuns programas, e que cada vez que son elixidos non fan o que se recolle nos seus programas, e pon coma exemplo o Parlamento español, que o pobo español, o noventa ou noventa e cinco por cento da poboación se atopan entre as clases baixas, traballadores, xubilados ou pequenos empresarios e esta porcentaxe está representada por dez ou quince deputados, e que o mesmo se pode dicir das Comunidades Autónomas e que ese cinco ou dez por cento, que son o resto, o gran capital, a banca, as grandes empresas están representados por trescentos trinta ou trinta e cinco deputados, polo que si se declara persoa non grata a un “señor” tamén se ten que declarar persoa non grata aos outros trescentos trinta ou trinta e cinco, si se quere ser coherente cun mesmo e que isto serve tanto para o Parlamento español coma para o europeo ou o autonómico. Parlamentos que están ocupados, di o concelleiro por auténticos ocupas políticos, persoas que están aí sentadas, que foron cun programa e logo de sentarse aí, están a facer o contrario, e ese é o ocupa político, todo aquel dirixente que fai unhas promesas, se presenta a unhas eleccións e logo fai totalmente o contrario.
Di que a el non lle sorprende o que fai Zapatero, xa que igual que se houbesen presentado quince mil sinaturas ou dous millóns e medio de galegos ou coarenta millóns de españois representados polos citados trescentos trinta e cinco señores que nos representan así coma os outros seiscentos e pico que hai no Parlamento europeo se rin do pobo, que está representado por uns ocupas que son persoas non gratas. Continúa dicindo que para isto teñen que ser declarados persoas non gratas todos, que pouco fan ao declarar a unha persoa non grata cando en vinte e cinco anos nalgún momento todos tiveron a oportunidade de facer algo por este asteleiro e non se fixo e non se fai agora, e que el ten algo claro, que o PSOE non fixo nada e o PP tampouco vai facer nada e o que pense outra cousa será un crente de Santa Claus ou dos Reis Magos.
A continuación intervén o sr. alcalde para dicir que dende o Partido Socialista o voto vai ser en contra da moción. Di que a postura do Partido Socialista ven sendo invariablemente a mesma, non só neste mandato senón nos últimos anos, e é unha postura que fai fincapé en tres principios básicos: que o estaleiro de Fene ten que ser un estaleiro público, que o estaleiro ten que estar habilitado para a construción civil e militar e en terceiro lugar que o estaleiro de Fene e todas as decisións que se adopten sobre o estaleiro de Fene teñen que estar necesariamente consensuadas cos traballadores/as do estaleiro, e por tanto co seu comité de empresa e os seus representantes sindicais.
Di que con estes principios básicos abordaron o tema do veto en varias mocións no Pleno de Concello, que o Partido Socialista de Fene apoia totalmente o levantamento do veto a Astano, tendo en conta, coma tamén dixeron algunha vez, que non é a solución definitiva, que levantar o veto o que pode facer e pórlle as pilas a Navantia para que efectivamente, no ano dous mil quince, cando caia si ou si ese veto, o estaleiro de Fene estea preparado para competir no sector civil, que teña o seu equipo de enxeñería, que teña o seu plan de empresa, que teña as súas instalacións habilitadas e perfectamente capacitadas para traballar e incluso que teña en trámite unha carteira de pedidos en trámite ou xestionada para que, a partir do ano dous mil quince, o estaleiro de Fene poida competir plenamente no sector civil, independentemente de que o veto caia hoxe ou no ano dous mil quince.
Di que recientemente ao deputado do BNG Francisco Jorquera que viña a dicir algo moi semellante, que independente de cando caia o veto, en termos prácticos, era moi difícil que o estaleiro puidera competir ata o dous mil quince no sector civil e que en todo caso para eles o obxectivo fundamental debe ser que Navantia vaia preparando o estaleiro neste senso para competir a partir do ano dous mil quince e esa é tamen a postura que o Partido Socialista defendeu neste Pleno sempre, postura que os levou, por exemplo na última moción que veu a este Pleno, a votar a favor e apoiar a mobilización de Rumbo 21 pedindo o levantamento deste.
Di que obviamente, o seu grupo non poden estar a favor da moción porque cren, e tamén o dixeron reiteradamente neste Pleno, que en primeiro lugar máis na colaboración que na confrontación institucional á hora de abordar situacións e diferentes temas que o Concello teña por diante e tamén, que era unha empresa case imposible e que si confían nas palabras do ministro e do presidente do goberno.
Tamén credi o alcalde que o propio presidente do goberno no ano dous mil catro, xunto co que daquela era ministro de economía, Pedro Solves, conseguiron fronte as pretensións iniciais da Unión Europea que dous estaleiros que inicialmente eran civís, que eran de Fene e Puerto Real, se poidan integrar na empresa pública, en Navantia, xunto cos estaleiros militares, cousa que a UE non contemplaba nun primeiro momento e salvan, coa situación que hai, sinala que xa teñen dito que non é a mellor, o estaleiro de Fene do peche, da privatización e en definitiva, probablemente da eliminación física dun estaleiro no Concello de Fene que era a ruta, que o Partido Popular tiña trazada para este Concello. Polo tanto, di o alcalde que eles non poden apoiar para nada a declaración de persoa non grata do presidente do goberno nin dos seus ministros e polo tanto o Partido Socialista, seguirá marcando a súa postura neste Pleno sobre os diferentes momentos nos que se aborde isto, polo que conclúe que o Partido Socialista e vai votar en contra desta moción.
Seguidamente o concelleiro do grupo municipal do BNG, Edgar Antonio Vigo López, fai uso da palabra para manifestar en primeiro lugar quere pedir desculpas ao Partido Popular xa que esta vez tocoulle a el facer a xestión, ao non estar o seu voceiro, de achegarlles a moción, que foi sen o logo do BNG, por se tratar dun borrador, pero sempre pensando en ser unha moción do seu Grupo e coa intención de buscar apoios para o Pleno. Continúa dicindo, que lle encanta escoitar ao sr. alcalde xa que dende que o señor Almunia está de comisario da competencia, e segundo as súas palabras na Televisión de Ferrol, “se lle vai a pinza”, pois pasan cousas moi estrañas. Prosegue dicindo que onte estivo o señor Miguel Sebastián en Santiago e afirmou o seguinte: a decisi´n de non pedir na UE unha ampliación da carga civil de Navantia Fene é unha decisión razonable, pois hai carga de traballo suficiente para os próximos anos e manifesta o concelleiro que se ao comisario se lle vai a pinza a este ministro tamén, e que se podería vetar a súa presenza.
Di que coma ben comentou o sr. alcalde, falou co Ministerio e non co ministro, e o Ministerio estaba traballando arreo para levar adiante isto, e que cousas tan difíciles para presidentes tan incompetentes son imposibles, continúa dicindo que outra das cousas que lle sorprende, penosamente e que lle demostra que si que é o BNG o que loita por este asunto sempre, é a reunión que tivo o señor Sebastián co Presidente da Xunta, na que o tema principal foi o turismo do Xacobeo, cando o Ministerio de Industria é o que leva a negociación do levantamento do veto a Astano en Bruselas, que é o máis importante para o noso país, que comprende que o Xacobeo pode ser un segundo punto da axenda, pero non que non exista o punto do levantamento do veto naquela, que é moi bonito facer unha nota de prensa sobre este asunto e facer algunha que outra pregunta pero ao señor Rajoy, xamais lle escoitou falar de Astano mentres que o BNG sempre, un dos seus dez puntos da candidatura para ir as eleccións do Parlamento do Estado foi o estaleiro de Fene e que hai que recoñecer que o BNG sempre loitou por este estaleiro e non o fai só cando hai eleccións.
Continúa dicindo que hai algo que non comprende cando o sr. alcalde di que ten claro que un alcalde do Partido Socialista que estivese na Alcaldía de Puerto Real ou de calquera outro lugar que estea representado e que teña o problema do sector naval, ten claro que estaría loitando, totalmente, polo levantamento do veto da súa empresa, que é incrible que sexan eles mesmos os que fagan a mellor política para os andaluces e di que onte estivo aquí o BNG concentrado durante doce horas para reclamar o que lles pertence, que é que os mandatos do Parlamento sirvan para algo, e non para estar sentados, que estivo aquí un señor que foi representante dun sindicato nacionalista nu dos estaleiros de Ferrol e dicía que unha vez case o tiran dun arribo durante unha reunión cando dixo que o comité de empresa que tiñan nesta comarca era o mellor comité que podían ter en Andalucía, e hoxe en día estase a vivir a mesma situación con vostede e co señor Irisarri, que é máis, que teñen sorte de que non os meteran nesta moción, porque igual o merecían.
Prosegue o concelleiro Edgar Antonio Vigo López, que di defender o público e quere que Navantia sexa pública pero quere que a empresa traballe, que quere que sexa unha razón social, sen que proporcione traballo, son precisas actividades produtivas que apoien o resto das actividades. Prosegue dicindo que hai estudos, coma o do Colexio de Enxeñeiros de Galicia que falan sobre as posibilidades de Astano. Di que as solucións están no Parlamento do Estado español e que é moi doado ser alcalde de Fene e botarlle a culpa á Xunta ou ao Estado, e que tamén é moi doado ser o presidente do Estado e botarlle a culpa ao Bloque, que España o que defende é que Andalucía ten moitos votos e Galicia non, os estaleiros de Puerto Real recuperanse para o sector militar e para o civil, pero o de Fene non, e que o único estaleiro que está vetado é o de Fene e o de San Fernando, e os de Puerto Real e Cádiz teñen unha capacidade ben pequena, polo que se pode concluír que o único estaleiro que queda fóra da construción naval é o de Fene, polo que pregunta porqué, respostando que se debe a que son competencia clara e absoluta dos que hai en Andalucía. Pídelle ao Sr. alcalde que defenda aos feneses e non defenda aos andaluces, que é o mellor que se pode ter para os negocios de todos.
Sinala que hai que ter en conta ao comité de empresa pero o comité de empresa de Navantía non é o dono de Navantia, é unha representación dos traballadores e ten moito que dicir, pero moito máis que dicir terá toda a comarca, xa que si o comité de empresa de Navantia o que decide é cruzarse de brazos e mirar para o aire e esperar que os prexubilen, como comprenderá, o resto da sociedade non pode esperar o mesmo.
Prosegue o concelleiro dicindo que hai tres anos se lles falaba dos espazos ociosos, e el quere saber cales son, como o das bateas ou o de meter Salvamento Marítimo en Imenosa, e pregunta se son as xeracións de emprego que se fixeron nos espazos ociosos e afirma que non son espazos ociosos se non que son gradas valeiras, talleres pechados e instalacións infrautilizadas, e di que por iso é polo que todos teñen que loitar, e da man do alcalde, pero o alcalde non quere, e di que a man fría, que hai que loitar polo noso e non é xusto que vostede defenda o que defende, cama o de ter ademais de representante ao señor Carro, que coma pode vostede ou calquera do seu partido, di que o sector naval, que nesta comarca conta con todo tipo de instalacións, oficios e persoal e sabe facer todo tipo de actividades, que di que non se saben facer aquí as cousas, que o que hai que facer é que planificar e non pór de directivo dunha empresa pública a un que estaba no ICO, que coa marcha do ministro Solves, coma castigo o puxeron de director de Navantia, porque esas son as situacións que pasan nesta empresa, que colleu a dirección da empresa a tres anos de xubilarse e non cree el que as súas aspiracións sexan conseguir o mellor futuro para esa empresa, que oxalá que si, pero os números non dan.
Continúa dicindo que hai que ter é claridade política e loitar polo que hai na bisbarra, que non se pode estar loitando polo que hai en Andalucía, que lles desexa que teñan todo o traballo do mundo, pero non quitándoo aquí; que sempre se está co discurso de que hai que ser solidario, pero pregunta se quen é máis solidario que o pobo desta comarca. Prosegue dicindo que lle encantaría que votaran a favor desta moción, pero entende que non o van facer e pide que fagan o imposible por solucionar os problemas que ten esta comarca, que o problema do número de parados da comarca é incrible, xa que pola cantidade de emigración que hai, deixa moi pouca poboación activa e que o resto están prexubilados, polo que os que quedan para traballar están en paro. Dille ao señor alcalde que teñen que loitar porque este Concello teña unha saída, e non vale o de que o mercado naval é moi complicado, xa que lle poñen vetos, está claro que é complicadísimo, pero si o mercado naval está aberto e Navantia e Astano poden competir, este asteleiro é un “coco” a nivel mundial, que tódolos estaleiros do mundo lle temen e que hai que loitar para que Astano siga así.
Prosegue dicindo, respecto do dito polo concelleiro do grupo mixto municipal, que ten claro que hai moitos “chupatintas” neste mundo pero o que tamén ten claro é que os que se comprometen a facer algo polo noso Concello e non o fan, e aínda por riba o que fan é desvirtuar, ir dun lado para outro, contar mentiras e facer todo o posible por engalioar ao persoal e non facer nada, eses merecen o que na nosa moción significamos.
De seguido fai uso da palabra o voceiro do grupo municipal do PP, Gumersindo Pedro Galego Feal, que di que dende o seu partido se aceptan as desculpas e aclara que se dende o BNG se lles dera traslado dun texto sen logo nin sinatura, polo que se lle suxeriron varias modificacións que dende o PP se entendían partidistas a prol do BNG e se engadiron tamén outras suxerencias para manifestar o apoio do PP, e logo aparecen coma unha moción do BNG, suxestións que é normal que dende o PP se teña un malestar con isto e sinala as cousas non se fan así. Prosegue dicindo que quere recordarlle ao alcalde que cando fala da folla de ruta do PP para pechar o astaleiro hai que pensar que Felipe González saíu do goberno e que Bazán xa estaba ameazada xa cun expediente de regulación de emprego porque xa non había traballo e dun xeito rápido se sacou o buque de apoio loxístico para dar traballo a Bazán e para que os traballadores non se fosen á rúa, que logo de facer fragatas españolas, de contratarse as fragatas noruegas e despois as australianas, que Astano, dentro do que cabe, tivo un pequeno rexurdimento e logo disto non se pode dicir que o goberno do PP tivera unha folla de ruta sobre o peche de Astano. Di que dicir que o que se faga ou o que se diga aquí non ten transcendencia ningunha non é certo, xa que aínda que non teña efectos fóra si o ten dentro e os veciños de Fene non se merecen isto.
Di que cre que estas persoas que se citan na moción o que fixeron foi tomarlle o pelo a cidadanía e que xa sabían que non ían facer nada; que a reconversión do ano oitenta e catro a fixo o PSOE e que esta última tamén, polo que non se pode dicir que o PP quixo pechar Astano, que cada un ten que asumir as súas responsabilidades, que el xa dixo nalgún Pleno que a súa convicción política non é tanta coma para apoiar ao meu partido en decisións que foran en contra dos veciños de Fene e que lle ten dito ao alcalde que tiña moita valentía política e o volve repetir. Conclúe dicindo que respecto das axudas, coma ben dixo o concelleiro do BNG, son axudas que as hai que devolver ao goberno español e non a Europa e lamenta que pasara esta oportunidade sen que se fixera nada, que por todo isto van votar a favor desta moción.
A continuación fai uso da palabra o voceiro do grupo mixto municipal, Manuel Sánchez Martínez, que di que respecto do punto primeiro está totalmente de acordo, que respecto do segundo di que se trata dunha moción que se queda totalmente corta, que o problema non son as tres ou catro persoas que se citan nesta moción senón que é o sistema que se fai chamar democrático, que inclúe políticos que se renovan cada catro anos con políticos que
non cumpren os seus programas, que ese é o problema e que non só afecta aos políticos de España, aos galegos ou aos andaluces, tamén afectan aos políticos de Europa e por iso di que os veciños de Fene e o resto da cidadanía non se merecen aos políticos que os representan, que estes son os que afundiron o sector naval non só en Fene, senón tamén en España. Di que pensa que a moción se queda corta, que non só hai que declarar non gratos a estas persoas, senón que tamén hai que facelo cos anteriores e con tódolos que contribuíron a chegar a esta situación.
De seguido intervén o alcalde para responderlle ao voceiro do PP dicindo que dar leccións para actuar por convencemento propio e para actuar por políticas que adopten os nosos partidos a nivel xeral non as necesitan, xa que si algo fixo o partido socialista neste Pleno ao longo da súa historia foi defender aquilo que considerou consecuente e di que el non ten ningún tipo de remordemento ou conflito moral pola asociación política na que milita, independentemente de que hai cousas que se comparte e cousas puntuais das que un pode diverxer e que quere recordar que fai uns meses o partido socialista de Fene e estes concelleiros que están aquí acudiron á manifestación en Ferrol de Rumbo 21, sen que o Partido Socialista apoiara esa mobilización, do mesmo xeito que se apoiou unha moción porque chegaron a un entendemento para consensuar uns acordos, sen ningún tipo de problema ou cuestionamento moral por pertencer a formación política na que militan, pero que non se pode dicir que vota o seu grupo en contra dos intereses do seu pobo por estar de acordo co seu partido, xa que só hai que mirar para a moción do anterior punto da orde do día, polo que pide un pouco de seriedade á hora de abordar os debates
. Continúa dicindo respecto das alusións a Andalucía que o debate territorial é efectista e pode ser cómodo, incluso, para explicar determinadas cuestións, que coñece o estaleiro de Puerto Real e a día de hoxe non cambia nin o estaleiro nin o traballo de Puerto Real polo traballo de Fene, polo que pide que se preocupen de Fene e dos astaleiros de Ferrol, Respecto da postura do Partido Socialista sobre os astaleiros pregunta o concelleiro do BNG o que comparte. Pregunta se non comparte que o astaleiro sexa público, que sexa civil e militar ou que se dialogue co comité de empresa e cos sindicatos, xa que son os únicos tres puntos que o Partido Socialista defende inquebrantablemente respecto do estaleiro de Astano, e neses tres puntos vanse encontrar sempre, con independencia do que digan os demais partidos, e que cando se queiran chegar a consensos nese marco se chegarán, xa que esto é, di o alcalde, a postura do Partido Socialista ten respecto a Navantia, reiterada en varias ocasións, e o que non comparten aquí é a repobración dunha serie de responsables institucionais.
A continuación pide o uso da palabra o voceiro do BNG Manuel Polo Gundín quen, unha vez concedida, manifesta que sendo certo o dito polo voceiro do Partido Popular, de que se xerou certa carga de traballo en Bazán durante o mandato do PP, non é menos certo que os números para as arcas públicas doen, e que dende o BNG teñen que ver isto dende a súa globalidade, xa que se fixeron barcos para fóra que custaron moitos cartos, e ademais barcos de guerra,; que en todo caso, queren pedirlle en particular aos seus compañeiros de partido a mesma firmeza neste asunto, tanto en Galicia, coma en España ou a nivel europeo.
Prosegue dicindo, respecto ao dito polo voceiro do grupo mixto que dende o BNG comparten o que di, que el en particular é moi antisistema, incluso comunista, pero o problema é que teñen unha cuestión concreta, nun momento concreto, e hai a opción de dicir que o sistema non vale ou ben poden participar nesta democracia burguesa, na que vostede participa, e na que eles tamén participan, que se pode incluír a algunha persoa máis coma Felipe González, pero o pobo xa o ten amortizado e quen fallou realmente neste semestre respecto do levantamento do veto a Astano foi o presidente do goberno, os ministros e a Comisión tamén, xa que está claro que algún destes minte, xa que cada un di cousas incompatibles entre si, polo que se non se dan explicacións dende o BNG o único que podemos dicir é que estes señores non poden vir a este Concello, en representación institucional, e anuncia o compromiso do BNG de traer a este Pleno a mesma moción en sentido contrario si se consigue algo nos dous ano que quedan de veto. Di que aínda hoxe sae en prensa o que o comité de empresa de Astano dicía fai vinte e cinco anos, que había unha estratexia PSOE – UGT para pechar o astaleiro, e neste sentido lembra que o ministro onte pola mañá mentiu outra vez e a este Pleno só lle queda reprobar isto e ten que dicir que estes señores non poden vir por aquí alegremente, que só poden vir aquí a dicir que se vai levantar o veto de Astano e cunha data, e se veñen eles van ter a elegancia e o xesto de retirar esta moción e logo de recibilos correctamente, coma non podía ser doutro xeito.
A continuación pide o uso da palabra o concelleiro Gumersindo Pedro Galego Feal, quen unha vez concedida, sinala que non lle gusta que se cambien as súa palabras, que o primeiro que dixo cando se votou a moción sobre a auga foi que era un proxecto, e sobre deste proxecto si o BNG consideraba que o que se dicía era que se levara ao Parlamento de Galicia e afirma que non se pronunciou sobre esa moción, xa que a Lei estase tramitando e é susceptible de melloras, e di que descoñece o contido dese proxecto de Lei e logo de presentar esta moción agora mesmo, el non ten porque crer o contido desa moción. Di que non se pode comparar a subida dun canon co afogamento dunha comarca.
Dille ao voceiro do BNG que non se poden crer tódalas cousas, si en aquel momento a empresa estaba nunha situación mala e a xestión económica non foi boa, ao mellor houbo que tomar medidas moito antes, que seguro que non foron as medidas que quería o Partido Popular, e hai que ter en conta que cando se negocian grandes contratos, coma os das fragatas noruegas ou os buques que se están a facer para Australia, que sempre hai contraprestacións, que é evidente, que ninguén regala nada, e esas contraprestacións as veces fan que ese tipo de contratos non sexa todo o beneficioso que puidera ser, pero que hai que poñer moitas cousas na balanza para poder tomar a decisión;
que respecto da actividade que se levou en Astano durante moitos anos, quere recordar o dito en moitos foros que é que Astano xa case estaba a saír dos números vermellos e non percibiu nin necesitaba percibir nada xa que naquel momento, coa actividade que se xerou, case se pasaba xa aos beneficios, polo que afirma que a xestión non foi tan desastrosa.
De seguido pide o uso da palabra o concelleiro do grupo mixto, Manuel Sánchez Martínez, quen unha vez concedido manifesta que quere que quede claro que se vai abster, que está de acordo co primeiro punto, segundo e terceiro puntos son totalmente insuficientes xa que declarar persoas non gratas a estes señores que se di nesta moción exculpan a outros que teñen tanta ou máis culpa ca estes.
Rematado o debate, a Presidencia somete a votación ordinaria a moción do grupo municipal do BNG de apoio o levantamento do veto a Astano de data 1 de xullo de 2010, obténdose o seguinte resultado:
Votos a favor: Nove (9), (dos sres/as Polo Gundín, Couto Seijido, Roca Requeijo, Vigo López, Pico Sanmartín, Galego Feal, Bértoa Puente, Fornos Corral e Franco Casal).
Votos en contra: Sete (7), (dos sres/as Puentes Rivera, López Rodríguez, Silvar Canosa, García Balado, Lourido González, Rodríguez Carballeira, Rey Sampayo.).
Abstencións: Unha (1), (do sr. Sánchez Martínez)
Á vista do resultado da votación o Pleno acorda:
1.- O Pleno do Concello de Fene aposta decididamente polo levantamento do veto a ASTANO para a construción naval civil.
2.- O Pleno do Concello de Fene veta a presenza institucional do señor presidente do
Goberno do Estado don José Luís Rodríguez Zapatero, a dos seus ministros don José Blanco e don Miguel Sebastián ademais da do comisario da Competencia don Joaquín Almunia e a do deputado pola provincia de A Coruña don Xabier Carro.
3.- O Pleno do Concello de Fene declara persoa "non grata" ao señor presidente do Goberno don José Luís Rodríguez Zapatero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario