“Desde o punto de vista económico, é unha barbaridade a situación de desocupación na que se atopa o antigo estaleiro de ASTANO, integrado no grupo Navantia, sen carga de traballo propia”.
Non pense ninguén, que esta introdución é unha proclama en boca dun combatente polo retorno do estaleiro fenense á construción naval convencional, lonxe diso, o seu verdadeiro protagonista e autor, non foi, nin mais nin menos, quen nos seus anos mozos no campus universitario madrileño, ostentaba satisfeito o sobrenome de Xesucristo Superstar; e quen a tempo presente despois de dedicar a súa pródiga vida laboral á función iterativa do desempeño de cargo político de confianza, a tempo presente fai gala do bastón de mando da corporación ferrolá, é dicir, o incombustible Irissarri,
Claro que a cita non é recente, pois tal manifesto está selado na temporalidade de novembro do 2006, e obedecía exclusivamente a unha estratexia electoral, e tal é así, que no transcurso da campaña, a súa preocupación por Astano foi en ascenso, chegando mesmo, a propor o rescate da concesión que ten outorgada o estaleiro, imos, todo un simulacro de reprobación á política da SEPI.
Era a época da comedia, tempo dos activos ociosos, ou o que é o mesmo, do empeño consciente en levantar falsas expectativas para rendibilizar os resultados electorais.
Pero este exercicio de engano e oportunismo propagandístico, non resulta unha conduta illada ou puntual, pois é, foi e será, a tapadeira estratéxica que a trama política socialista utiliza usualmente como revestimento á marxinación permanente que esta comarca vén padecendo desde os albores do mal chamado proceso de reconversión, e cuxos artífices promotores paradoxalmente foron eles mesmos.

A inconvertibilidade endémica e o colaboracionismo continuo dos representantes do PSOE da comarca, segue sendo o maior obstáculo para alcanzar a imprescindible ortopedia industrial que precisamos , pero ademais do xa exposto, existe un factor inducido que favorece tal circunstancia, que non é outro, que a política de alianza que lles presta a forza nacionalista (BNG), que pese a quen pese, comendo contradicións, non pon reparo en colaborar institucionalmente con este gremio de sucursalista e participar como tendeiros rexentes á fronte dun mostrador común que viñeron denominar como gobernos de progreso.
Sendo pouco entendible o progresismo nese consorcio de confusión, haberá de considerar que tal linguaxe atende unha astucia de ocultación de ambicións de poder, pois resulta cando menos pouco xustificable e altamente comprometido, conformar goberno levando por socio a quen crearon e seguen promovendo a adversidade na maioría dos fogares da comarca……...se iso é progresismo, eu debo ser o bispo de Canterbury!
Contrariando a inscrición recorrente entre dereitas e esquerdas, os electores han entender que ese argot xa é un discurso rancio, as adhesións electorais á marxe de significacións partidistas, debesen decidirse sobre a premisa do compromiso correspondido en evitación que a vontade popular, como agora ocorre, faga que a hemeroteca haxa de asasinar a metamorfose
Agora que se aproximan as eleccións, os cociñeiros de sede de Ferraz, xa están nos fogóns condimentando un refrito de alucinóxenos para excitar o entusiasmo dos electores, e por aquilo da antelación debida, o primeiro prato fornéceo o vindeiro mércores no campus de Ferrol, o xefe de camareiros de Navantia..
En resumo, á hora de depositar seu voto, os electores han saber que os dereitos se exercen, e os candidatos han ter presente que os deberes se obrigan, e tan só cando ese binomio tome corpo efectivo, teremos dado o primeiro paso para levar áncoras e pór rumbo ao futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario