martes, 12 de octubre de 2010

Ferrol morre sen xente e con paro

A cidade, outrora motor de Galicia, perde 20.000 habitantes en só dúas décadas e xa é a segunda urbe con maior sangría demográfica. O decreto do carbón pode ser outra zorregada para unha comarca coa taxa de desemprego máis alta da UE

 


 


Caen chuzos de punta so­bre a comarca de Ferrol. Coa fouce do decreto do carbón asomando nas Pontes, a ría enfróntase ás súas propias pantasmas. As cifras da sangría poboa­cional falan por si soas: nos últimos 20 anos, a cidade perdeu 20.000 ha­bitantes. Cada ano, 1.000 persoas abandonan a zo­na. O censo regresou ós niveis de hai 50 anos: ata en 1950, con 77.030 habitantes, se superaba a poboación actual. Segundo un estudo da Fundación La Caixa, Ferrol é a segunda cidade de España con ma­ior sangría demográfica.
Nos últimos cinco anos, o censo baixou un 5,2%. Só nos supera Cádiz cun descenso do 5,8% e séguenos os pasos Getxo cun 2,8%. Os mozos ferro­láns marchan ante a falta de oportunidades la­borais. E impera o enve­llecemento: dos 73.000 habitantes, o 25% teñen máis de 65 anos. Cada gran depresión poboacional coin­cide cunha reconversión nos estaleiros. A primeira foi en 1981, coa fuxida de 5.500 veciños cara a mello­res horizontes. Fraguábase entón a tempestade en Astano. E a última machadada descargouse en 2004, con outras 4.500 persoas buscando novos fogares. O naval crea adicción: se escasea, a cidade perde todas as súas enerxías. O de­creto do carbón, que prexudica as térmicas das Pontes e Meirama, reabre vellas feridas. O presiden­te da Cámara de comer­cio de Ferrol, Xoán Gato, recorda que "se se aplica esta medida enerxética, máis de 2.000 persoas na comarca irían ao paro". Calcula que haberá "un tesoirada importante no porto de Ferrol, que move milló­ns de toneladas de carbón e do que dependerían máis de 800 postos de traballo".
As cifras aparvan. Máis do 35% da cidade vive de prestacións ou pensións, segundo un informe elabo­rado polo Concello para o Plan Urban. Nun paseo pola rúa María, atafegan os carteis de peches e liquidación. O de­creto do carbón recíbese como "novo golpe económi­co, cada certo tempo chega unha brutal reconversión". Así o afirma Xoán Gato, insistindo en que "Ferrol non ten un padriño econó­mico ou político, desgra­ciadamente". O presidente cameral lamenta que "non hai quen defenda ante o Goberno central os intere­ses da comarca castigada". Os últimos Presupostos Xerais deixan a ría fóra do AVE e desgustan á Autoridade Portuaria, con só 100.000 euros para o tren a Caneliñas.
Ferrolterra respira in­quedanza e o voceiro co­marcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, defi­ne esa sensación: "O paro é como unha peste, atrae precariedade e desilusión, agora tememos unha bru­tal e salvaxe reconversión". O sindicato sitúa a taxa de desemprego "nun 20-21%, a máis alta do país e da Unión Europea".
Máis aló da col­a do INEM, "moitas persoas non se apuntan porque perden a esperanza, hai xente que nin cobra subsi­dios, mozos que non atopan o primeiro traballo e unha economía mergullada". Se­gundo datos do Ministerio de Traballo en 2007, 3.173 fe­rroláns cobraban presta­cións sociais: a terceira parte deles eran recepto­res da Risga. "Pero pronto se desinflará o colchón das pensións, en Esteiro hai moitos xubilados de Bazán que manteñen a fillos e ne­tos, esa xente desaparecerá e non haberá traballo para as súas familias", reflexio­na Pintos.
Os sindicatos tamén denuncian o desmantela­amento do sector pesquei­ro, "con barcos parados en Cedeira", e a angustia dos gandeiros pola falta de futuro. Gato admite que "a xente está resignada, afaise a vivir con estes sobresaltos, lembre­mos que Madrid xa quixo pechar Astano cando era o estaleiro máis moderno de España".

O DRAMA

Os veciños, "carne de psiquiatra"
O 25% de vivendas da cidade atópanse baleiras, a taxa de abandono chega a un 35-40% en barrios como Ferrol Vello ou Canido Vello. Os efectos da crise mul­tiplícanse na zona debido á gran dependencia dos estaleiros, as pensións e as administracións pú­blicas. "Eu xa vivín a gran reconversión como tra­ballador de Astano, todas aquelas loitas, tremendas manifestacións en Madrid, peches no concello... pero Galicia pesa moi pouco en España", enumera Gato.
Gato teme "a perda de cen­tos de postos na minería, haberá consecuen­cias dramáticas de aplicar­se o decreto do carbón". Segundo as súas palabras, "Ferrol parece o hospital da xente reconvertida de Galicia" e di: "A este paso, haberá aquí moi­to traballo para psiquiatras e psicólogos.
galicia hoxe.
Patricia Hermida

 

No hay comentarios: