BARCOS EN FENE XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA Joaquín Almunia, comisario europeo da Competencia, ven de respostar unha interpelación sobre o hipotético levantamento do veto á construción naval civil nos estaleiros de Navantia en Fene preparada pola futura eurodeputada nacionalista, Ana Miranda e formalizada a medio do eurodeputado que lle precede na quenda, o nacionalista catalán Oriol Junqueras.
Segundo Almunia este veto ha seguer até 2015 se o Estado non quere devolverlle á UE os 975 millóns de euros percebidos por Navantia en axudas públicas supostamente ilegais que os estaleiros públicos españois cobraron durante os gobernos de González e Aznar.
Outravolta, o comisario Almunia non foi quén de nos explicar á cidadanía galega de onde ven este suposto veto. Porque o compromiso asumido polo Estado español no 2004 consistiu só en que até 2015 a construción naval civil non podía acadar máis do 20% da facturación conxunta de Navantia. A distribución deste 20% (premiando a San Fernando ou Sestao no canto de Fene) é unha decisión do Goberno socialista do Estado que ten incumprido alevosamente o mandato que no 2007 lle conferiron o Parlamento de Galicia (por unanimidade) e máis o Congreso dos Deputados: que solicitara formalmente da UE a revisión das condicións deste veto para que Navantia Fene puidese construir barcos civís.
Lembremos que o Goberno bipartito, a través do entón Conselleiro de Innovación, o nacionalista Fernando Blanco ,presentou hai agora 3 anos un Plan industrial para que os activos non utilizados de Navantia-Fene puidesen adicarse á construción naval civil. Un Plan industrial que constituía unha grande oportunidade para toda Ferrolterra nunha conxuntura histórica de gran demanda de barcos. As tres forzas políticas estaban canda esta proposta. Mais o goberno central, coa axuda impagábel dalgúns persoeiros de segunda orde do PSdeG bloquearon este proxecto, de xeito que se perdeu o pulo da boa conxuntura e das necesidades dos investidores privados.
Malia ser peor hoxendía a situación do mercado, o tránsito marítimo está chamado a se incrementar e, no medio prazo, a demanda de construción naval civil ha medrar substancialmente. Navantia está a incumprir as condicións da concesión outorgada pola Autoridade Portuaria ferrolá, o que xustifica resgatar estes activos non empregados para lles dar unha utilidade que agora non teñen. Construir barcos civís en Fene é unha grande oportunidade.
E levantar un veto, que ninguén foi quén a concretar de certo canto aos seus elementos xurídicos e técnicos, resulta de xustiza, amáis de ser unha esixencia da economía e do sentido común.
Porque non se está a pedir axudas. Só se está a pedir que nos deixen producir, que nos deixen facer o traballo para o que nos preparamos, valemos e somos competitivos.
diariodeferrol.com
|
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario