jueves, 4 de marzo de 2010

Sobre el futuro de Astano



Por Esteban Vázquez, ex presidente del comité de empresa de Astano y miembro de CC.OO.


A loita incensante na defensa do emprego. Con esta primeira consideración, gustaríame abundar nas opinións, coido que inexactas, que días atrás manifestaba nestas mesmas páxinas un portavoz de Rumbo21 a propósito do futuro do asteleiro de Astano e da nosa comarca.

A primeira verdade que temos que refrescarlles ás memorias máis fráxiles é que o veto para a construcción civil de Astano impúxose no 1984, non no ano 2004 como se quere facer ver. A mediados dos anos oitenta tamén estabamos inmersos nun momento de fonda crise económica e industrial. Unha das decisións que adoptou o Goberno central foi o peche total de Astano. Este plantexamento foi contestado cunha grandísima mobilización do conxunto da comarca que logrou invertir os plans do Executivo da Moncloa modificando a súa posición. Coidábamos que era unha decisión gubernamental, e polo tanto, podíase modificar coa presión social unánime dunha comarca que se opoñía rotundamente o peche de Astano.

A segunda opción que plantexou o Goberno de entón, foi un peche parcial de Astano impoñéndolle un veto para a construcción naval civil. Sen dúbida, Fene foi gran sacrificado e a peaxe que España pagou para ingresar na Unión Europea e calmar os ánimos de Francia, Alemania e Italia que vían no asteleiro da ría galega un feroz competidor. Con esta proposta de peche parcial e veto, o goberno conqueriu outro obxectivo: lograron dividir a sociedade comarcal entre os que apostabamos por contestar esa decisión con dureza -aínda que implicara botar máis de seis meses sen cobrar entre protestas, peches, marchas, concentracións camiñatas- e os que optaron por aceptar esta alternativa e acollerse os Fondos de Promoción de Emprego, dando por finalizado o proceso de mobilizacións.

O Plan Estatal de Reconversión do 1984 foi rexeitado por CC.?OO. É de xustiza lembrar a determinación coa que os traballadores de Astano, e unha parte importante da sociedade comarcal, loitaron por recuperar un anaco do futuro que estaba abocado a desaparecer entre falsas promesas que abogaban pola recolocación dos excedentes e pola reindustrialización industrial (ZUR, ZID..) que naufragaron no tempo. Nos dividiron socialmente, nos debilitaron económicamente e perdemos esa batalla.

Esa foi a primeira renuncia da comarca o futuro de Astano, o froito da división. Xa nos gustaría entón os traballadores da factoría naval de Perlío ter contado co respaldo de Rumbo21, que casualmente adoita plantexar as súas reclamacións nas portas dunhas eleccións, neste caso das municipais do 2011.

Vinte anos despois daquela reconversión do 84, situámonos no 2004. A batalla sindical e social pola permanencia de Astano na empresa pública Navantia trala última reconversión de Izar que suprimiu 1.500 postos de traballo na ría, tamén tivo como telón de fondo a búsqueda dunha solución para unha comarca volcada desde hai décadas no monocultivo do sector naval, que nunca acaba de facer efectiva a ansiada e necesaria diversificación da que tanto e tanto se ten falado en moitos foros políticos e sociais.

Ante a debacle de Izar buscamos o camiño para salvar a Fene ante a negativa taxante de Bruxelas a levantar ese veto. Os sindicatos apostamos por rescatar a Astano dunha privatización incerta para garantir a súa permanencia no sector público. Entendimos e entendemos que Fene tería e ten mais futuro dentro de Navantia que fóra. Asumimos o proceso de prexubilacións como unha reducción de emprego pero conseguimos manter o nivel económico da comarca. Os que aínda teñan dúbidas sobre o acerto daquela decisión, simplemente boten unha ollada a situación na que se atopan na actualidade os asteleiros civis de Xixón ou Sestao...

Debemos saber que levantar o veto supón privatizar irremediablemente Astano, xa que non ten encaixe posible dentro de Navantia. Debemos saber que un gran centro de reparacións civís non ten encaixe no grupo Navantia e que sería un erro desgaxar do grupo público as seccións de Carenas de Fene e Ferrol para emprender unha errática aventura en solitario. Sabemos, por experiencia, que non podemos vivir no monocultivo industrial e que será mais intelixente sumar esforzos que dividir forzas.

Por elo, coido que o Plan de Desenvolvemento Integral de Ferrol, Eume e Ortegal, no que están representadas as forzas sociais da comarca nos empresarios e sindicatos CIG, UGT e CC.?OO., é o marco idóneo onde calquera asociación ou institución debera facer as súas propostas para o debate, e xuntos, decidir conveniencia da mobilización.

O Plan Ferrol é a guía e a clave coa que se deben comprometer a fondo a nova Xunta e o Goberno central, ademais dos 21 concellos da comarca ferrolana e tódalas forzas sociais. Como decimos, ten que ser a ferramenta pola que se debe canalizar a diversificación económica, a rede de infraestructuras e sobre todo a creación de emprego para combatir o aillamento xeográfico, o paro e o monocultivo industrial, os tres males endémicos que lastran o progreso desta comarca dende hai décadas.


lavozdeglicia.es

No hay comentarios: