domingo, 21 de marzo de 2010

Madrid non ten mar. A memoria do naval en Ferrolterra

MARCOS LOUREIRO DÍAZ

Desde que era un pícaro, e desculpádeme xa de comezo a anécdota persoal, na miña casa asistía como convidado de luxo aos debates que con preocupación mantiñan meu pai e meu avó, ambos traballadores do naval en Ferrolterra. Neses intercambios, ou máis ben, nesas discusións constantes sempre saían as mesmas palabras: veto, traballo, PSOE, PP, construción civil, Europa etc. Dese puzzle de palabras eu, como calquera mozo ou moza da comarca ao que lle toca de cheo este tema, fun procurando encaixar as pezas até decatarme de que do que falaban meu pai e meu avó non era tan só un tema máis, dos moitos, dos que se pode falar á hora do xantar.

A día de hoxe, o debate segue, o problema aumentou, as pezas seguen sen encaixar e xa non son tan pícaro. Agora entendo todas esas palabras e a súa envoltura de enfado e incertidume.

Por iso, permitídeme que eu tente seguir encaixando pezas, hoxe, na vosa compaña, para que vexades como afecta o problema do sector naval á nosa comarca. Aquí, ademais de superar estes últimos meses os 17.000 parados, cifra histórica, tamén temos un grave problema de perda de poboación, ao se ver obrigada a mocidade a buscar oportunidades de traballo fóra, cando o naval era unha das saídas laborais preferenciais dos mozos e mozas da comarca.

Vedes tan ben coma min que, por desgraza, este problema non é novo, xa que se leva producindo tanto tempo como vetos leva á construción naval civil. E cómpre non esquecermos que, sen rexeitar os procesos de diversificación, o naval non deixa de ser un sector estratéxico na nosa economía.

Seguimos nos nosos días. Que doe máis que ver ao goberno do estado español, do PSOE, incumprindo o compromiso de aproveitar a presidencia da Unión Europea para reabrir o expediente de Izar? Ese goberno, que, tamén, ten en suspenso a Iniciativa Lexislativa Popular tramitada no Parlamento, debido a que o PSOE pediu que se aumentase o período de emendas. Desidia, toda; vontade, ningunha. Desleixo á nosa terra e ao seu sector naval, a súa folla de ruta.

Falemos desa Iniciativa Lexislativa Popular. Na mesma faise unha defensa das competencias da Xunta e o levantamento do veto a Astano, apoiada xa con máis de 18.000 sinaturas. Sorprende (ou non?) a reacción negativa dalgunha forza sindical, española e de carácter pactista, que se opón dun xeito activo a unha manifestación que reivindica textualmente o seguinte: "En defensa do emprego. Por un sector naval con futuro. Levantamento do veto XA!". E o curioso é que, por unha banda, se revindique a condición pública da empresa Navantia;e, por outra, se renuncie a participar na súa solución, deixando o traballo en mans dunha soa forza sindical, a CIG. Vaites, vaites...

Falamos dos nosos días, mais tamén cómpre lembrar porque é que o estaleiro de Fene ten vetada a construción naval civil até 2015: por un compromiso adquirido polo Estado Español con Bruxelas en 2005, que lle evitou devolverlle a Europa 1.342 millóns de euros achegados polo goberno de Aznar ao apoio do sector naval e que se declararon ilegais.

Por iso, para encaixar definitivamente as pezas do puzzle, o sábado 27 de marzo anímovos a que participedes na manifestación convocada pola plataforma Rumbo 21 (integrada por varias organizacións, entre elas o BNG e Galiza Nova). A nosa comarca merécese ter dereito ao traballo, a que as mozas e mozos da nosa comarca ou da nosa nación poidan traballar na súa terra, a traballar nos sectores que mellor coñecemos; deixando claro que xa temos máis que demostrado que o naval feito nesta comarca non desmerece en absoluto a calquera outro.

Por iso estarei nesa manifestación, non quero seguir asistindo como simple observador á perda de emprego da miña comarca, nin crendo en pantasmais Plans de Reindustrialización. Queremos ser donos do noso futuro, do noso naval.

Xa o dicía meu avó naquel xantar mentres apuraba o seu café con augardente e miraba para min: "como nos van dicir os de Madrid como facer os barcos, se nin mar teñen...". Abofé.
terraetempo.com

1 comentario:

Ernesto G. Ontoria de Till e Vega dijo...

O ÁLTER EGO DE COFER


A recentemente nada COFER (Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal), no seu papel de membro de número da Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF), puxo ao descuberto a súa condición de cativez, ao postularse contraria a a mobilización convocada por Rumbo21 para esixir o fin do veto á antiga ASTANO.

É inaudito que a patronal presidida polo Sr. Rilo, apoie as consideracións dos sindicatos CCOO e UXT, historicamente artífices da desfeita do estaleiro fenés, pero mais insólito si cabe, é a súa actual negativa a apoiar a manifestación do día 27, cando o presidente da referida patronal, na súa participación como relator nas Xornadas Técnicas e Estratéxicas sobre o Sector Naval organizadas por Rumbo 21, comprometeu o seu apoio en defender sen paliativos o levantamento do veto que pesa sobre ASTANO.

Como se ha entender este cambio de talante?

Que razóns inducen ao Sr. Rilo a situarse agora no polo oposto.?

A incógnita non ten difícil resposta, e para que se entenda, direi que está patronal é un todo artificial “unha confederación sen confederados”, e o seu exiguo peso específico, dista moito da fortaleza probada da Asociación de Empresarios de Ferrolterra que lidera José Ramón Franco ou de IEN Por Europa do seu homónimo Manuel Pérez.

Vaiamos ganduxando………..

• É sobradamente coñecido que estas dúas entidades empresariais que acumulan no seu foro a máis do 80% dos patróns da comarca, determinasen no seu día non compartir mesa e mantel cos sindicatos responsables do desastre do sector naval dentro do “chiringuito” montado polo PSOE denominada Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF), pero o verdadeiramente chocante é que sexa a COFER coa súa escasa representatividade a única entidade patronal que interpreta comedia nese escenario.

Atemos cabos……………

• Non é nada novo afirmar que un dos artífices de Rumbo 21, plataforma promotora da iniciativa Lexislativa Popular, é o empresario naronés e presidente de Asociación de Empresarios de Ferrolterra, José Ramón Franco, como tamén é de dominio público o seu papel promotor da candidatura alternativa á oficialista nas próximas eleccións á Cámara de Comercio de Ferrol co ex Alcalde de Narón como candidato á presidencia da mesma.

Ampliemos ligazóns…………

• Pois ben, resulta que a COFER do Sr. Rilo alíñase a prol da corrente oficialista da Cámara de Comercio afín a Cruz e non satisfeito con esa parcialidad, asesorado por algún deficiente xurista, tómase para si atribucións e competencias que por marco legal están reservadas á CEG.

• E cando a patronal galega en uso das súas atribucións propón unha lista da que forman parte Pérez e Franco, algún avogado que teme polo seu futuro, en uso da teoría do dislate xurídico, promove que o Sr. Rilo interpoña recurso e á vez nomee candidatura superpuesta, iso si, con acólitos ao actual presidente da Cámara.

Casemos fichas

• Agora poderá o lector entender as afinidades, a coincidencia de posicionamento existente entre CCOO . UXT, COFER e a Cámara de Comercio, como queda referido a través do libelo desmovilizador que conxuntamente referendaron como esquiroles desde ese garito chamado (AIPF).

Tiremos conclusións

Detrás da negativa a secundar a manifestación do día 27, só están:

• Uns sindicatos que queren ocultar con escusas e pretextos artificiosos, o seu miserable proceder co sector naval.

• Un presidente da Cámara de Comercio con graves problemas de confusión entre o exercicio do seu cargo e a obrigada obxectividade corporativa

• E unha confederación de empresarios COFER cuxo álter ego reside en Punta Arnela,

Pero por máis manobras e intrigas que se exerciten, o día 27 as rúas de Ferrol encheranse de manifestantes demandando o levantamento do Veto que pesa sobre ASTANO, e o día 22 de Abril quedará consumado un cambio no goberno da Cámara de Comercio; e con todo isto lograrase descabezar a mediocridade dirixente que sen dúbida é o maior lastre que padece a comarca de ferrolterra.