domingo, 21 de marzo de 2010

Zona puteada


Iago Varela Martínez . Ferrol

"Aprovecharé la Presidencia de turno de la Unión para levantar el veto a Astano". Así de fachendoso amosábase ZP preguntado en Madrid polo deputado do BNG, Francisco Jorquera. Ilusos de nós que inda gardabamos algunhas esperanzas! Pois non vai ser. Mais unha vez vemos como o barco do PSOE, con base nalgún despacho madrileño e Zapatero por patrón, dálle ás costas á nosa comarca e cambia de rumbo cara outros mares. "O tempo pasa e non pasa nada", que dicía a canción.

Que lle importa a ZP o grande apoio social á Iniciativa Lexislativa Popular? Que lle importa que a mocidade desta comarca estea a emigrar por falta de emprego? Nada. É que o PSOE está moi ocupado nun bis a bis co PP, que hai eleccións preto e o talante non dá votos cando afoga a crise. Neste escenario, que importan os da esquiniña do noroeste?
Non hai Plan E para nós. As instalacións que noutrora servían para construír algunhas das maiores e máis avanzadas plataformas pretrolíferas fican hoxe paralizadas, enferruxándose, relegadas a reparacións menores por mor dun veto inxusto e inxustificábel, que non busca máis que confinar ao estaleiro fenés á súa desaparición, quen sabe con que intereses.
Mais non nos enganemos, non todo a culpa é do PSOE-patrón. Os contramestres CCOO e UXT, cos seus silencios cómplices, non fan máis que axudar a afundir o noso futuro, e temos na nosa man a oportunidade de impedírllelo.
Por todo iso, Galiza Nova vai estar presente na manifestación convocada por Rumbo21 para o próximo 27 de marzo, defendendo o sector naval, e defendendo tamén o dereito das mozas e mozos de poder traballar na comarca, construíndo barcos, como os nosos pais e avós.
elcorreogallego.es

1 comentario:

Anónimo dijo...

Concordo totalmente co artigo de Iago. Por certo, os administradores do blog poderán colocar na portada outro artigo que está na páxina

www.terraetempo.com

asinado por MARCOS LOUREIRO??
Creo que tamén paga a pena.
Grazas.