sábado, 30 de enero de 2010

PLAN FERROL. UNHA VISIÓN CRÍTICA (I)

FERNANDO BRANCO PARGA (*)

Recentemente un cargo sindical, que forma parte da Asociación Impulsora do Plan Ferrol, cifraba en 4.000 persoas o incremento do paro nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal desde a posta en funcionamento do devandito Plan -curiosamente a mesma cifra que se tiña anunciado como de creación de emprego- evidenciando uns datos contundentes: os resultados do Plan van na liña contraria do previsto. Asemade, uns días despois destas declaracións, outro representante do Plan Ferrol -neste caso do ámbito empresarial- afirmaba nos medios de comunicación que a falta de credibilidade social do Plan Ferrol era culpa do BNG por, segundo el, non ter impulsado desde o goberno bipartito as áreas de acuicultura, biomasa e eólica.

No caso do representante empresarial chama a atención a dose de cinismo ou de descoñecemento da materia, e calquera das dúas causas -ou as dúas conxuntamente- son graves. No que ten a ver coa acuicultura, este representante debería saber que era un área de goberno do PSOE, pois afectaba ás Consellerías de Pesca, de Política Territorial e de Medio Ambiente, todas elas detentadas por ese partido. Sobre a biomasa, evidencia descoñecer que a Orde pola que se abría o prazo para a presentación de solicitudes de centrais de biomasa -unha delas para as comarcas de Ferrolterra- foi aprobada en novembro de 2008, e tiña como data para a resolución definitiva o 25 de agosto do ano 2009; aínda que a día de hoxe, seis meses despois, esta Xunta do PP non ten aprobado aínda ningún proxecto de biomasa en Galiza.

Sobre o freo producido no desenvolvemento eólico, fica claro que o PP non gostaba do modelo do BNG, ou sexa: o apoio á participación pública nos beneficios do negocio eólico, a adxudicación -vía concurso público- a empresas galegas, o respecto da rede natura, a negociación coa propiedade dos terreos e o compromiso de creación de proxectos xeradores de emprego. O modelo do PP -dabondo coñecido logo de 16 anos de goberno nos que aprobaron sen concurso público 4.000 Mw- é o dun sector eólico que nun 95% está en empresas asentadas fóra de Galiza, nengún beneficio público, expropiacións das terras precisas e ocupación de espazos con proteccións medioambientais. Baixo a falsidade da “falta de legalidade” do Concurso Eólico, sen que ningún tribunal se pronunciase, o PP decidiu aplicar o seu modelo que, no caso específico de Ferrolterra, xá ten como resultado inmediato unhas graves consecuencias laborais: Gamesa, Metalúrxica do Atlántico, Barlovento, etc.; ademáis da perda de proxectos empresariais asociados que estaba previstos asentar nesta comarca, fundamentalmente nas Somozas e nas Pontes.

Unha cousa é que o representante empresarial atópese cómodo coa política do PP -partido do que forma parte, como é público e notorio- e confíe cegamente nas palabras dun Feijóo que prometía rematar coa crise en Galiza en 45 días ( e xá van dez meses ); e outra ben diferente é o rigor e o coñecimento do que debe de dar conta nas declaracións públicas que fai en nome da entidade que representa. As formas, evidentemente, tamén son importantes.

(*) Fernando Branco Parga é membro da Executiva Comarcal do BNG de Ferrolterra


diariodeferrol.com

No hay comentarios: