miércoles, 6 de enero de 2010

O BNG pedirá a Almunia na Eurocámara que se posicione sobre o veto a Astano


diariodeferrol.com
Aproveitar a presidencia española da Unión Europea para levantar o veto á antiga Astano e potenciar o sector naval. Ése é o obxectivo do BNG para os vindeiros meses, nos que desenvolverá unha serie de iniciativas en Bruxelas con este fin. Así o expuxo onte a eurodiputada nacionalista Ana Miranda, nunha rolda de prensa na que tamén estiveron o portavoz comarcal da formación, Francisco da Silva, e a responsable da comisión comarcal de Economía, Traballo e Industria, Helena Veiguela.

A ofensiva do BNG comezará a vindeira semana, na que o futuro comisario de Competencia, Joaquín Almunia, comparecerá ante a comisión de Industria do Parlamento Europeo. A intervención, que forma parte da rolda de presentacións ante os eurodiputados do novo Executivo de Barroso, será aproveitada polo BNG para preguntar a Almunia se pensa que se vai abrir o expediente de Astano e se instará ó Goberno español a que o faga. “Queremos que se posicione”, afirmou Miranda, sobre un veto “inxusto” e que afecta a un sector “estratéxico”.

En segundo lugar, o BNG ten previsto solicitar unha entrevista persoal co comisario, para “trasladarlle o apoio da sociedade de Ferrolterra” ó levantamento da prohibición de construír buques civís no estaleiro fenés. Almunia, que ata agora ocupaba a carteira de Economía, pasa a sustituir á holandesa Neelie Kroes á fronte de Competencia.

Miranda lembrou a reunión mantida hai un ano por Fernando Blanco, entón conselleiro de Industria co goberno bipartito, con responsables de Dirección Xeral de Competencia comunitaria. Blanco, afirmou, recibiu garantías de que a solicitude para reabrir o expediente sobre a antiga Astano debía partir do Estado español. “Queremos sacarlle as cores á presidencia española e que diga claramente a súa postura”, engadiu.

Neste sentido, a eurodiputada do BNG (que comparte escano coas outras formacións nacionalistas coas que concurriu ás últimas eleccións europeas ) criticou que no programa elaborado polo Goberno español para o seu semestre na presidencia do Consello Europeo, as referencias ó sector naval só ocupan oito liñas, “e non son un obxectivo prioritario”. O texto indica que se intentará alcanzar unha prórroga do alctual Marco de Axudas Estatais ó sector e se continuarán os traballos para acordar o establecemento de “condiciones normales de competencia”, algo, subliñou Miranda, que constitúe unha contradición.

Precedentes > Miranda reclamou “flexibilidade” na aplicación da normativa comunitaria, como se fixo con outros sectores coma o bancario, e lembrou que existen precedentes de situacións parecidas á de Astano noutros Estados Membros, que se solventaron. É o caso de Polonia, indicou, onde se levantou o veto sobre un estaleiro no que hoxe traballan 18.000 persoas, nunha zona que estaba “moi en declive”. “É unha cuestión que depende da vontade do Estado”, aseverou.

Por último, as iniciativas deseñadas pola formación nacionalista incluirán unha batería de preguntas parlamentarias dirixidas ó Consello Europeo e á Comisión referidas ó sector naval.

A europarlamentaria recordou tamén o compromiso do BNG coa defensa do sector naval galego. “Nós somos os únicos que defendemos constantemente este tema nos últimos anos”, indicou.

No mesmo sentido se pronunciou Helena Veiguela, que repasou o traballo realizado polo partido para resolver “os máis de 20 anos de inxustiza prolongada”, como definiu a situación da factoría fenesa. Así, lembrou que cando o BNG asumiu a Consellería de Industria promoveu o estudo sobre a utilización dos terreos ociosos de Astano para adicalos á reparación e construción naval, e encargou un dictame xurídico sobre a situación do expediente aberto ó estaleiro. Tamén lembrou que os nacionalistas presentaron proposicións non de lei tanto no Parlamento autonómico coma no Congreso dos Deputados sobre esta cuestión.

O BNG comparte escano na Cámara de Estrasburgo con Esquerra Republicana de Cataluña, Aralar, Los Verdes, a Chunta e EA, formacións coas que se presentou en coalición nas últimas europeas de xuño. Actualmente Oriol Junqueras, de ERC, ocupa o escano.

No hay comentarios: