martes, 9 de junio de 2009

Rico: "Dá pena ver as bancadas baleiras de Fene"

Baixo a grúa pórtico máis grande de Europa, José Rico asistiu ás maiores proezas de Astano: os 6.000 operarios dos 70 faenando con tabeiróns de aceiro, a botadura das 365.000 toneladas do buque tanque Santa María... Agora como presidente do comité de empresa de Navantia-Fene sente morriña polos tempos gloriosos do pasado.

- ¿En que traballan agora os operarios de Fene?

- Dende a última reconversión dedicámonos facer bloques, armamento e montaxe para Ferrol. Temos unha repunta de carga de traballo alternado con etapas de desocupación. Agora cortamos bloques para as BPE australianas e a última fragata española.

- ¿E no horizonte?

- Se non hai continuidade nos contratos, quedaremos baleiros. É moi probable que a partir do 2011 Astano quede baleiro se non hai máis encargos. Aquí traballamos 600 persoas entre auxiliares e principal: pero en quendas e con moitos desprazados a Ferrol. Cunha media de idade de 50 anos, xa que as últimas incorporacións de mozos foron hai xa quince anos.

- As reclamacións da maior parte da sociedade de Ferrolterra pasan por regresar á construción civil, ó 'offshore'

- Sobre nós pesa o veto da UE ata 2015. Pero un estaleiro desta envergadura, dos mellores de Europa, non pode prestarse a traballar como agora. Sempre reivindicamos facer barcos enriba da bancada. O BPE australiano podía meterse aquí, era máis rendible erguer 900 toneladas coa grúa pórtico que ir bloque por bloque. E esa medida podería despexarnos o camiño para participar no circuíto civil.

- ¿Que sente ó ver Astano?

- Dá pena ver as bancadas e a grúa baleiras, tristeza por nós e pola xuventude da comarca que queda sen futuro. O naval era o motor da comarca. Antes había continuidade xeracional, traballar en Astano era como ter unha diplomatura.

elcorreogallego.es

No hay comentarios: