Henrique Viéitez denuncia que o goberno galego non ten desenvolto a Lei de fomento do sector
Santiago de Compostela, 15 Febreiro 11.- O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Henrique Viéitez, defenderá na Cámara unha moción para instar ao Goberno galego e do Estado a adoptar medidas en defensa do sector naval de Galiza.
Viétez, que presentou a iniciativa nunha rolda de prensa en Vigo, xustificouna en base á situación crítica pola que está atravesando o sector e que pode determinar a continuidade do mesmo no futuro, de aí a necesidade de actuacións a curto e medio prazo para procurar superar as actuais circunstancias, acadar o seu fortalecemento e dotalo dunha maior capacidade de resposta perante novos retos.
O deputado nacionalista lembrou que se está producindo unha merma progresiva na carga de traballo e unha preocupante caída do emprego –hai menos de 7.000 persoas traballando dadas de alta na Seguridade Social e a presentación de EREs é case diaria-, polo que o panorama que se aveciña, dixo, é complexo e pode deixar ao sector por debaixo da súa capacidade de recuperación e resposta futura.
O parlamentar advertiu tamén de que o goberno galego non ten desenvolto até o de agora a Lei de fomento do sector naval de Galiza mediante o establecemento de programas específicos en ámbitos como o I+D+I, as axudas ás diversas actividades emprendidas no sector, a formación profesional ou, mesmamente, a participación na xestión de empresas públicas estatais integradas no sector.
Neste contexto, entre as medidas que reclama a través da moción salientou, por parte da Xunta, que habilite unha liña especial de avais para que o naval poida refinanciar a súa débeda e facer fronte á carga de traballo; evitar os despedimentos precipitados, preservando os postos de traballo e retendo a man de obra altamente cualificada; non permitir que a capacidade de produción dos asteleiros diminúa e desenvolver un plan específico de formación, entre outras.
No que atinxe ao Estado, insistiu na necesidade de que se elimine o veto á contrución civil de Navantia, que a SEPI dinamice o centro de reparación deste asteleiro e se promovan dentro da UE novos mecanismos de financiamento a longo prazo do sector, creando un instrumento europeo para o financiamento dos asteleiros e a industria auxiliar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario