Se o futuro de Ferrolterra é vergoñento
o porvir dos seus mozos e mozas é humillante
Maiormente, os activistas promotores da transición que desembocou nos en cambios sociais da década do 70, semellaban ser individuos inquietos, fillos dunha xeración contestataria e combativa contra o réxime totalitario daquela época, un colectivo influenciado polo devir das compulsivas revoltas do maio francés do 68; en síntese, unha mocidade comprometida no proxecto dunha rebelión coherente, sobre a premisa de alcanzar un cambio social con proxección e persistencia no tempo
Pero a historia soe repetirse, e co paso do tempo, aqueles contestatarios que se significaran como batalladores dunha nova orde e a conversión do modelo social, pasado o tempo, a portada da súa proeza transformouse nunha contraportada desvanecida polo receo, e aquela adolescencia enérxica e comprometida, hoxe camiño da senectude, ten transmutado as súas inquedanzas de épocas pretéritas, nunha imaxe irrecoñecible reflectida nun espello de impostura e privilexios, e así, aqueles rebeldes, agora instalados nun conformismo egocéntrico, pechan balance de resultados co déficit moral de ter castrado o futuro á súa propia substitución xeracional.
Daquela comprometida clandestinidade, uns pasaron a xerarcas sindicais, outros instaláronse na comeniencia política, e todos ao unísono, salvo excepcións contadas, dedicáronse a manter súas ambicións de opulencia de esquerdas, e demostrar cos seus feitos, todo o contrario do que tiñan preconizado, e así, o que fora un todo transcendental naquela etapa da nosa historia, trouxo como resultas, o lamentable nacemento da dinastía innominada, ou o que é o mesmo a eclosión dunha xeración perdida.
Agora resultaba que aqueles heroes da democracia, ás primeiras de cambio utilizaron o seu ideario como papel hixiénico, e unha vez implantados no poder, exclusivamente, chegaron demostrar con fartura, saber satisfacer as súas ambicións e acomodos. Pero eses descaros de dobre moral resultan carrexar complexidades, e como non podía ser doutro xeito, coas súas prácticas de pura cobiza e de sálvese quen poida, cegos de arrogancia non foron quen de albiscar a realidade que se aveciñaba, sendo hoxe aínda, cando a desfeita fixo madeixa nas súas propias familias, que sigan porfiando non ser os responsables de pechar o futuro aos seus fillos, netos e ao conxunto dos mozos e mozas desta comarca.
Esas vellas glorias que contan no seu haber coa fatídica fazaña de ser os colaboradores activos do desmantelamento industrial da nosa comarca, por pura lóxica, folga a súa continuidade futura á fronte de estruturas de representación ou plataformas de decisión, a comarca debe desprenderse de protagonistas negativos que lastran o seu porvir, por canto a súa inutilidade é unha realidade probada e por tanto é clamorosa a súa ineficacia para restablecer as necesarias políticas de rehabilitación, capaces de superar a situación da ruína laboral que nos teñen deixado por testemuña.
A comarca de Ferrolterra ten a triste desventura de encabezar os índices de paro da nosa comunidade, pero por ser tal circunstancia unha afronta de seu, a sombría realidade que se cerne sobre os nosos mozos, obriga forzar substitución da actual clase dirixente, a fin de pór freo a esta hemorraxia continua de quen angustiados e sen expectativas, han recorrer á maleta e tomar camiño da emigración para abrir porta ao seu negro futuro.
Aquí sobran mensaxes subliminares, liberados sindicais e políticos de pacotilla, pois ao escenario do gran teatro comarcal sóbranlle comediantes, os mozos non poden soportar máis representacións de farsa iterativa, mais discursos ocos de contido, e moito menos, esperas interminables a unha solución de vida que nunca chega.
A historia desta comarca indica con evidencia meridiana, que os únicos que teñen de ausentarse dos órganos de decisión para a recuperación do futuro, son esa cúpula de neglixentes, que en exercicio dos súas funcións ocasionaron que as novas xeracións vivan nun horizonte sen amencer, que en síntese non son outros que os que sindicalmente, perpetraron o desmantelamento industrial, como tamén os políticos que antepuxeron a garantía do seu cargo aos dereitos do seu pobo, e ademais, o coro de gregarios que por salvar os seus privilexios induciron aos seus propios fillos a ser demandantes de emprego.
Agora eles resultan ser os excedentes, e a dinastía innominada, o verdadeiramente aproveitable e imprescindible!
No hay comentarios:
Publicar un comentario