
Xurxo González . A paralización da actividade no estaleiro de Fene até 2015 suporá a xubilación dalgúns dos mellores operarios do continente, cuxa experiencia se perderá. Núñez Feixóo reclamou en Bruxelas a eliminación do veto que limita o seu uso, e conta neste asunto coa unanimidade política e sindical. A presidencia española da UE en 2010 representa unha gran oportunidade
Unha empregada da sé de Navantia en Madrid descúlpase por non poder autorizar a este xornal para entrar nas instalacións do antigo estaleiro Astano. Os responsábeis desta compañía estatal que xestiona os estaleiros públicos non consideran axeitado que a prensa visite as instalacións do concello de Fene, unhas das máis amplas e modernas de Europa pese a pasar por varios períodos de inactividade case total. O actual xa dura cinco anos e, se non se remedia, pode estenderse aínda cinco máis, até decembro de 2014.
Pese a non poder acceder o recinto, a localización da antiga Astano permite apreciar desde a outra banda da ría, no concello de Ferrol, as enormes gradas baleiras e a monumental e característica grúa-ponte parada e silandeira. Quizais os responsábeis de Navantia non consideran axeitado que a cámara capte de preto a soidade das naves industriais de quince metros de altura, adaptadas para a produción metalúrxica máis avanzada. Onde nos anos setenta traballaban preto de 10.000 persoas, hoxe quedan só 300 operarios.
A razón de que polas barreiras de acceso de Navantia en Fene pasen menos dunha décima parte das persoas que podería empregar está nunha imposición da UE: A Comisión Europea e o Goberno español acordaron limitar as funcións dos estaleiros de Fene e de San Fernando durante dez anos para non ter que abonar ás administracións comunitarias unha multa de máis de mil millóns de euros. A sanción debíase a que o Goberno do Partido Popular concedeu, entre 1996 e 2004, axudas ilegais a este sector.
700 soldadores de elite
Alberte López Abella e Ramón Cubero son dous soldadores que coñecen ben Astano. Ambos traballaron nas súas instalacións desde finais dos anos sesenta e hoxe exemplifican un drama que se aveciña, o da falta de transmisión do coñecemento entre xeracións. Abella é encargado na auxiliar Metalúrxica do Atlántico, na que se está a tramitar un expediente de regulación de emprego. Cubero está no paro logo de ser despedido hai poucos meses.
Os dous superan os sesenta anos, e a súa principal preocupación non é tanto o seu propio emprego (“quédanos pouco para retirarnos”) senón o futuro da comarca: “os mozos teñen ganas, pero non teñen oportunidades. Ademais en poucos anos xa non teremos nin forzas nin ganas para ensinarlles o que sabemos”.
Ensinanzas apreciadas en Euskadi
López Abella e Cubero son dous dos 700 soldadores expertos que se calcula que quedan na comarca de Ferrolterra. Ramón Yáñez, profesor de Economía e un dos promotores dunha iniciativa lexislativa popular para a recuperación do estaleiro fenés para a produción naval, insiste coma eles en que é vital apurar a volta á construción naval de Astano para que a comarca non perda a sabedoría acumulada.
A valía dos traballadores formados en Astano está probada pola súa traxectoria nos últimos corenta anos. Ramón Cubero sinala que dominan “técnicas punteiras, adquiridas de empresas estadounidenses e norueguesas”. A proba é que nas épocas en que non podían traballar en Fene deixaban as súas familias para realizar montaxes “en plataformas petrolíferas, nucleares e refinerías en diversos puntos de Europa”. López Abella traballou co Grupo Cachaza en estaleiros bilbaínos a finais dos noventa, e apunta “que estabamos tan ben considerados que o goberno vasco promovía que formásemos operarios locais. Polas mañás traballabamos e polas tardes dabamos cursos”.
CCOO e UGT prefiren a produción militar
anosaterra.org
No hay comentarios:
Publicar un comentario