martes, 9 de diciembre de 2008

14.000 PARADOS NA COMARCA: O VERDADEIRO ROSTRO DA CRISE


MANUEL LÓPEZ FOXO (*)

Ese é o último dato do INEM: máis de 14.000 persoas rexistradas no paro nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. O dato é preocupante, pero non é só unha cifra, é un problema humano e social. Detrás de cada muller ou de cada home que se atopa no desemprego hai unha situación persoal e familiar concreta, hai unha realidade que afecta ao benestar social e mesmo á saúde mental destas persoas. Do traballo non só obtemos recursos económicos para cubrir as nosas necesidades básicas, para alimentarnos, mercar roupa ou pagar a hipoteca. O traballo tamén nos dá dignidade, autoestima, liberdade persoal, ilusión e horizonte de futuro. Estar no paro non significa unicamente non ter traballo ou carecer de ingresos. Cada persoa que sufre esa situación vive outros riscos que teñen a ver coa estabilidade emocional, coa alegría, cos soños, cos proxectos, coa convivencia máis íntima, cos fillos, coa saúde física e mental. Mesmo dentro deste colectivo humano que sufre o paro, hai persoas con máis motivos para a desesperación que outras. Cada persoa é un mundo. E o peor que podemos facer é pensar que cando falamos do paro falamos exclusivamente de datos e de economía. Detrás de cada número do paro hai un rostro, unha persoa, unha vida. Hai que poñerse na mente de cada home ou muller que sufre o paro para sermos plenamente conscientes de que estamos a falar de persoas, dun problema humano, das raíces da dignidade de cada individuo. E hoxe uns podemos ter a fortuna de falar do paro sen vivir esa situación persoalmente, pero calquera de nós pode vivila mañá e descender aos infernos do sistema. O globo do capitalismo está moi danado e vai en caída con risco, e todos e todas nós viaxamos no mesmo globo.

Calquera responsábel político ou sindical desta comarca que sinta verdadeira preocupación polo futuro destas 14.000 persoas que están no paro ten necesariamente que abrazar con estusiasmo a posibilidade de que se poida reabrir o antigo asteleiro de Astano á reparación e á construción naval civil. Sabemos que se pode facer se hai vontade política do Goberno central. Sabemos que as normas da Unión Europea tamén se poden modificar. Sabemos que temos en Fene unhas instalacións únicas en toda Europa. E sabemos que hai miles de persoas na nosa comarca que buscan desesperadamente un emprego, traballo, simplemente traballo, e que Astano pode volver a dar moito traballo e moita vida a esta comarca. A que agardamos? Onde está o Alcalde de Ferrol e o de Fene? Onde está o senador Xavier Carro? Onde están os sindicatos desta comarca? Alguén os escoitou nos últimos días dicir que é o momento de xuntármonos todos para reactivar Astano como centro de reparacións e de construción naval civil? Como é posíbel que aínda despois da resposta de Zapatero ao deputado do BNG no Congreso non cambien o paso? Dá a impresión que ficaron descolocados, que non saben que dicir. Zapatero foise do guión, e eles todos só aprenderon a lección do Plan Ferrol e o discurso da diversificación. Non esperaban este cambio na folla de rota. Levan moitos anos predicando que o sector naval non ten futuro e que non se pode modificar a situación legal de Navantia Fene. E agora están desconcertados. Desde logo o silencio que manteñen revela que estes señores non van facer realmente nada por reabrir o asteleiro de Fene á fabricación de barcos. Nin sequera son capaces de respaldar públicamente as palabras de Zapatero relativas á posibilidade de reabrir negociacións coa Unión Europea. O silencio de todos eles é vergoñento. Demiten na práctica da súa principal responsabilidade, que é defender os intereses da comarca e da sociedade que os vota. O que está a suceder non ten nome: Zapatero é receptivo nas Cortes á proposta do BNG e os representantes do PSOE na comarca permanecen mudos. Están máis preocupados polo alumeado do Nadal que por reabrir Astano.

Neste contexto político, onde a representación institucional e sindical de Ferrol renunciou a xogar un papel clave na defensa e no liderazgo da comarca, algúns temos moi claro que o futuro de Ferrolterra está precisamente nas 14.000 persoas que están neste momento no paro. Ten máis credibilidade e máis forza social a palabra de calquera parado que o discurso da maioría dos líderes políticos e sindicais da comarca. Este colectivo humano, que é o que de verdade está a sufrir a crise, pode ser o que nos faga recuperar o pulso, o que nos axude a ser a sociedade viva e solidaria doutros momentos históricos. Para iso é preciso que as persoas que están no paro socialicen a verdadeira cara da crise, que socialicen a súa situación e a súa desesperación, que nos fagan a todos tomar conciencia de que os demais non podemos seguir cos brazos cruzados diante desta realidade. Que os 14.000 parados se movan polo seu futuro, esa é a única esperanza desta comarca.

http://www.diariodeferrol.com/

No hay comentarios: