lunes, 24 de febrero de 2014

O PROBLEMA DE FONDO


Francisco Rodríguez |
Redacción Ferrol | Actualizado 24 Febrero 2014 - 01:22 h.

Calquera observador imparcial ficaría sorprendido de que, por norma, os problemas de Navantia e as alternativas para a súa solución cheguen sempre ao Congreso dos Deputados por iniciativa do BNG. Trátase dunha empresa estatal, pública, con factorías na ría de Ferrol, na baía de Cádiz e en Cartagena, alén da sede central en Madrid. A única explicación posíbel é que, ademais de os sucesivos gobernos do Estado teren renunciado a considerar este sector industrial como estratéxico, os partidos e sindicatos de ámbito estatal prefiren furtar o debate político público sobre esta cuestión. Desa forma, poden pactaren mellor, á sombra, de forma implícita ou explícita, calquera deseño ou reestruturación do mesmo. De aplicárense recortes ou limitacións produtivas, poderán repartilas, de forma máis discrecional, entre unhas zonas e outras. Esta é a única explicación racional perante tanto silencio, tanta espera e reivindicacións tan limitadas como pedir simplemente carga de traballo, nunha situación tan crítica e límite.

Falta menos de un ano para que venza o prazo de dez, establecido no acordo ou pacto político (nunca publicado, pero si coñecido en carta escrita ao Ministro Moratinos, datada o 1 do VI de 2005) entre a Comisión da Competencia e o Goberno de España polo que este asumía unha serie de compromisos e medidas respecto da entón Izar para salvala da quebra, transferindo os seus estaleiros militares a unha nova empresa pública, Navantia. Nada se fixo ou está a facer, desde os ámbitos da espera e a reivindicación limitada, para lograr que se levanten as limitacións produtivas alí decididas, o límite de ventas de construción civil ao 20% da facturación global militar, tomando como media tres anualidades, e a continuidade do veto á antiga Astano, convertida nun taller de Navantia-Ferrol, que só pode subcontratarlle a esta factoría carga de traballo militar. O acordo ou pacto de 2005 é explícito nos seus puntos 5 e 6 sobre estas limitacións, respectivamente: “Fene e San Fernando dedicaranse unicamente á produción militar e subcontratarán principalmente de Ferrol e Puerto Real”; “España comprométese a que as vendas civís de Navantia se limiten como máximo ao 20% da facturación global”. A seguir, o punto 7 deixa claro que, sendo a produción civil só complementaria da militar e limitada a unhas porcentaxes, sometida a normas da competencia, haberá un control da Comisión obrigando, en primeiro lugar, a levar unha conta separada da actividade militar e da civil. Ademais, España comprometeuse a que o cadro de persoal de Navantia non superase as 5.562 persoas durante estes dez anos (punto 10).

Entón, no contexto da negociación do devandito pacto ou acordo, quen asina era portavoz do BNG no Congreso: só esta forza política púxoo en cuestión, porque viña a ratificar, afondándoo, o proceso de redución, iniciado xa en 1979, da capacidade de producir no sector civil, mantendo vetos e establecendo limitacións, e o de redución de cadros de persoal, con especial afectación na ría de Ferrol.
Nas conversas entre a Comisión Europea e as autoridades españolas, con Solbes á fronte, participaron os sindicatos estatais, quen defenderon posteriormente con ardor e contundencia o pactado, mostrando mesmo nalgún caso desagrado e  certa ira polas nosas iniciativas parlamentares. Porén, non é este agora o problema.

O problema está en se agora coincidimos, na práctica, en esixir o levantamento destas limitacións, se concordamos en que o sector ten, polo menos na Galiza, o carácter de industria estratéxica, se apostamos polos estaleiros públicos seren competitivos accedendo, sen restricións, a todo tipo de construción naval, artefactos e bens de equipa, non mercado internacional, non ficando só no nicho militar. Está en saber se, co pretexto  de salvar Navantia dunha nova quebra, derivada do baleirado de gradas, se vai aceitar unha nova reestruturación, que se agocha como se non figurase na carteira gobernativa, que a reduza aínda máis na súa capacidade de producir e no seu cadro de persoal. Non deixa de ser irónico que os aparentes salvavidas –o flotel, aquí, unha anécdota anestesiante, e os gaseiros para Cádiz– proveñan do sector civil, mentres non se pon en primeiro plano o acceso sen restricións a este mercado. A última contribución de Montoro, no Congreso dos Deputados, prometendo algún artefacto militar, para meter no galpón á espera de que teña comprador, hai que lela como unha das súas  argalladas chistosas, de efectos aniquiladores, cúmprase ou non, con marcado cariz electoralista. Porén descobre cal é o territorio estrito no que están dispostos a xogar algo, premidos polas circunstancias de se aveciñaren eleccións ao Parlamento europeo en maio.

Dá a impresión que se está a gañar tempo para aplicar unha nova reestruturación, pasadas as eleccións. Non teñen ningunha estratexia nin obxectivos de recuperación do sector naval coa súa capacidade e incidencia industrial. A única que manexan está xa debuxada na súa forma de actuar: esperar, reducindo, debilitando, capacidade e cadros de persoal, a que Navantia, ou o que resulte ou quede, poida integrarse, como apéndice, nunha grande transnacional europea do sector, obxectivo que xa se insinúa como posibilidade, no punto 17 do Pacto ou Acordo de 2005.

No hay comentarios: