lunes, 17 de febrero de 2014

Ferrol, crise industrial e demografía insostíbel


A cidade atravesa a peor situación social e económica dos derradeiros sesenta anos

2 votos
Os datos socioeconómicos de Ferrol son os peores dende a transición democrática. Atreveríame a dicir, tendo en conta a degradación social, que é a situación peor dos derradeiros sesenta anos. Navantia practicamente parada en Ferrol e Fene cun cadro de persoal avellentado e con nulas posibilidades de rexuvenecemento a medio prazo; 22 empresas auxiliares do naval, nas que traballaban uns 3.600 operarios en situacións de expedientes de regulación de emprego, máis da metade de carácter extintivo; a Cámara de Comercio na crise máis fonda dende a súa creación; a Feira de Mostras afogada e prescindindo da maioría do seu persoal; gran parte do comercio tradicional pechando as súas portas e amosando carteis de venta ou traspaso; moitos edificios do barrio da Magdalena en situación estrutural delicada; Ferrol Vello caéndose literalmente.. ¡Ata o Ateneo Ferrolán ten gravísimos problemas económicos! O único que segue a funcionar parece ser a soliedaridade cidadán, Cáritas e a Cociña Económica. V Televisión ven de facer un programa sobre a crise ferrolá, da que a deterioración do barrio de Ferrol Vello é o exemplo máis evidente, cun lema moi acaído. Ferrol, o Detroit galego.
Compoñente estructural
A crise ferrolán ten, sen dúbida, relación coa crise xeral do estado e Galicia, pero ten tamén unha compoñente estrutural, de seu, que pode identificarse nídiamente estudando os datos comparados de Ferrol coas outras seis cidades galegas.
Pra facermos un diagnostico da situación consideraremos tres variables, cuxos datos nos proporcionan o IGE, correspondentes ao cuarto trimestre de 2013. A taxa de ocupación, que mide a relación entre a poboación ocupada e a poboación total, a taxa de actividade que relaciona a poboación activa coa poboación total, e a taxa de paro que mide a relación entre a poboación parada e poboación activa, definida como poboación en idade de traballar, maior de 16 e menor de 65 anos, que busca emprego e que está disposto a aceptalo a salarios de mercado.
Pegada imborrábel
O gráfico permítenos verificar que en termos de ocupación e actividade todas as grandes cidades galegas, agás Ferrol e Pontevedra, sitúanse por encima dos datos medios de Galicia. A taxa de ocupación é no caso de Ferrol arrepiante ¡Só está ocupado un de cada tres ferroláns! Esta baixa taxa está relacionada cos efectos derivados dos mal denominados procesos de reconversión industrial, que teñen deixado a moitos traballadores en idade activa, e potencialmente ocupables, fóra do mercado laboral e tamén, sen dúbida, co avellentamento da poboación.
A idade media da poboación ferrolán é segundo o IGE de 47 anos e a do conxunto de Galicia de 45,4. Cómpre ademais considerar que as prexubilacións de operarios das antigas Astano, Bazán e da súa refundación Izar, así como os procesos de adelgazamento da estrutura militar, especialmente da Armada, teñen deixado unha pegada imborrábel eliminando da poboación activa un gran continxente da poboación traballadora ferrolán. So así pode explicarse a situación que reflicte o gráfico dunha taxa de actividade situada un 20 % por debaixo da media galega. Nas outras a actividade está sempre por enriba dos valores medios.
Malo sobre malo
A taxa de paro dos ferroláns é un 40 % peor que a media galega. O dato é malísimo, se temos en conta que é unha moi elevada taxa de paro sobre unha poboación con taxas de actividade e ocupación moi baixas.
A caída da actividade en Navantia rexistrada nos últimos meses de 2013 deixa sentir os seus perniciosos efectos sobre os niveis de paro de Ferrol e do conxunto de Ferrolterra. No mes de xaneiro de 2014 rexistráronse nesta área 1.008 novos demandantes de emprego, elevando o número de demandantes ata as 17.455 persoas. O empeoramento recente destes datos indican que o proceso de deterioración non ten chegado aínda ao seu fin.
Aínda non tocou fondo
Ferrol non está aínda a tocar fondo, todo parece indicar que segue a escarvar no fondo.
E todo isto ¿por qué? Por moitas razóns, unhas alleas aos ferroláns, como a situación no finisterre da península ibérica,as malas comunicacións,o illamento xeográfico,o mal clima, e outras derivadas de falsos enfoques dos problemas, de erros estratéxicos sobre os instrumentos acaídos para acometer a modernización e adaptación da estrutura produtiva á globalización, do abandono á súa sorte da construción naval e do desleixo dos gobernos, de todos os gobernos.
Era partindo da construción naval onde había que diversificar e investir. Era aí onde había que estudar o que non funcionaba para cambialo, o que despois dos anos de puxanza nas décadas dos sesenta e setenta do século pasado quedara desfasado.
Perda do referente
No ámbito estatal, definindo o sector naval como estratéxico e desenrolando mecanismos de garantía e produtos financeiros específicos para facilitar e abaratar o financiamento. No ámbito interno dos estaleiros, innovando en produtos e procesos, aumentando a produtividade por medio dun mellor control de custes e unha mellor programación de actividades, avanzando na estandarización de produtos e automatización de procesos de fabricación, innovando continuamente nas áreas de enxeñaría de proxectos e detalle, coordinándose de xeito máis eficiente coas auxiliares....
Dende os ministerios de Economía e Industria, favorecendo o investimento na industria auxiliar da construción naval. Abrangue moitas máis actividade que as subcontratas de persoal. Actividades moi diversas que aínda hoxe non se están a realizar en España: Fábricas de motores e turbinas, tubaxes, maquinaria de cuberta, hélices, servizos, hardware e software de control, maquinaria especializada para a exploración de cru e gas na industria offshore....
Foi a perda deste referente industrial o que nos está a precipitar na crise económica, social e demográfica máis grave de Ferrolterra dos últimos cincuenta anos.
Recuperemos o sentidiño.

No hay comentarios: