Desde a súa saída do executivo de
Zapatero, o influente candidato do PSOE para as eleccións do 20-N,
Alfredo Pérez Rubalcaba, desprendéuselle aquel resplandor carismático
que lle ascendera, e tal é así, que conforme aproxímanse os comicios,
máis que incrementar seu activo electoral como el mesmo presumía,
contra as entusiastas tendencias do CIS, percíbese unha acusada
desvalorización nas súas aspiracións por alcanzar a presidencia do
goberno. A bicefalia rexente na dirección do partido, os desencontros en
decisións de alto alcance, a desbandada dunha militancia que se nota
derrotada de antemán, son aspectos que acentuaron a pendente desa costa
electoral, na que o camiñar convertéuselles en escalada.
![]() |
O candidato de cartón pedra |
Pero se o endóxeno da
organización socialista xógalle á contra, o equipo dos seus directos
colaboradores dirixidos por Elena Valenciano, parece que máis que un
equipo de afíns experimentados en dinámicas electorais, tratárase
dunha agrupación de inexpertos, ou o que é peor, semellan ser os
membros infiltrados dunha corrente opositora interesada en prexudicar o
xa de seu minguado capital político do aspirante a primeiro
mandatario do goberno. Con esta mestura de extravío e desorde,
marcarse como obxectivo o triunfo electoral ademais dunha aspiración
distante da sensatez supón un encontro coa quimera, chegando á
conclusión que a preocupación debesen centrala en non baixar do listón
dos cen deputados, e esa que non outra debe ser a finalidade da
campaña, non resultando a súa consecución un propósito fácil.
De calquera modo á marxe destes
avatares que non son poucos, resulta sorprendente que un político con
tan amplo historial, con presunción de coñecer as reviravoltas do
aparello do partido e os recunchos da administración, agora, cando
afronta o papel de máximo referente electoral do PSOE, asombre a
propios e estraños pola inocentada que supuxo deixar a autenticidade
xerárquica en mans de quen, exercendo en funcións, tivo atribucións
para pactar ás súas costas co seu directo adversario electoral unha
reforma exprés da constitución, na que se determinou a toma de
consideración da inclusión do límite do déficit.
Ademais de decatarse a touro pasado, por máis
disimulo de posterior emenda, o que esta lonxe de toda dúbida, que dita
modificación na que aos mercados recoñecéuselles patente de corso e
aos cidadáns un regateo de dereitos, a verdade, que para o proxecto
electoral de Rubalcaba, foi un torpedo baixo da liña de flotación,
que abortou tanto a súa estratexia de achegamento aos sindicatos como a
súa aproximación aos indignados do 15M.
Pero se nese envurullo de
desamaños, atribúese suma urxencia á toma de decisións dun asunto cuxa
inminencia de aplicación terá sentada eficacia no ano 2020, resulta
evidente a inexistencia de urxencia algunha, mais ben aconteceu, que a
clase política dominante tiña celeridade en demostrar súa obscena
subordinación aos mercados, como asemade, dilixencia por acatar a
programación e a temporalidade provenientes do eixo de dominio
imperativo, París - Berlín.
Posiblemente os desconcertos
internos, e, o contaxio deste ambiente de contrasensos, crearon un
desequilibrio no candidato socialista á Moncloa, quen, en pleno
fragor da operación lóstrego, tentando emendar a plana e retomar o
liderado perdido, despois dunha disquisición sobre xeneralidades da
economía relativas ao, dogma neoliberal e á cota de respaldo,
sorpréndanos a título de autor, coa teoría da marxe de manobra
como aspecto distintivo entre as políticas de dereitas ou esquerdas,
sentenciando que cando a débeda absorbe devandita marxe, desaparecen as
distincións políticas entre ambas ideoloxías .
Pola súa autoría, tal afirmación
non deixa de ser un disparate, que ben podería ser admisible como
mensaxe dun candidato de refresco exento de implicacións no exercicio
de goberno, pero si resulta que quen expón, “que non se gaste máis
diñeiro do que razoablemente se poida pagar," correspóndese, coa persoa
que até hai dous días era o vicepresidente do executivo de Zapatero, á
parte dun contrasenso, parece un sarcasmo, pois non é de recibo que o
activo colaborador e, responsable por tanto do desastre económico do
país, ha estas alturas e sen reparos veña aleccionar aos afectados
sobre a estratexia a seguir en tempos de crises
Despois deste serial de enganos,
tropezos e reiterados despropósitos , é absolutamente imposible que o
candidato Rubalcaba logre o triunfo nas urnas, resultando
igualmente incrible que poida evitar a maioría absoluta do PP, sendo o
máis probable que aproxime ao PSOE ao exterminio electoral como
consecuencia dos peores resultados obtidos desde a instauración
democrática.
Con este presumible pau electoral
e a consecuente variación na correlación da representación política, a
Ferrolterra, ábreselle a oportunidade de impulsar as instalacións da
factoría Astano, posibilidade negada a cotío por socialistas e
sindicatos estatais, que ao cabo foron os artífices da súa continua
inactividade en contraposición do sentir da maioría social da comarca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario