martes, 7 de junio de 2011

A revisión do ‘tax lease’ ameaza os pedidos actuais dos astaleiros

Trala apertura dun expediente pola UE, a raíz dunha denuncia de Holanda, no sector naval agardan con preocupación a decisión de Bruxelas sobre o tax lease, un sistema de bonificacións fiscais que posibilita a amortización acelerada dos barcos e que podería verse sometido a modificacións ou incluso á súa eliminación.

No sector hai nerviosismo, tal e como explicou César Rodríguez, secretario nacional do naval da CIG, “xa non solo polas obras futuras que se poidan acadar, senón polas que están nestes momentos nos estaleiros”, dado que dependendo da decisión que se tomase, e en caso de que afecte ás obras que se están realizando agora, “podería incluso paralizar a pouca carga de traballo que hai neste momento”.

Asemade, considerou que “hai que ter unha voz e unha posición forte, porque realmente neste momento nos estamos xogando o que é a construción naval no país”.

Para seguir a evolución deste tema, reuníronse onte no concello de Vigo representantes dos astaleiros vigueses e o alcalde Abel Caballero. Tal e como explicou tralo encontro, o presidente de Hijos de J. Barreras, José Francisco González Viñas, non hai ningunha novidade dende a última reunión co alcalde a pasada semana. Ademais, amosou o seu descoñecemento sobre como se solucionará finalmente a situación, aínda que considerou que “o que hai que facer é resolver o problema de raíz”, dado que “afecta a todos os astaleiros”.

Pola súa banda, Caballero, en referencia a dito instrumento, considerou que é un sistema “absolutamente legal”, aínda que tamén apuntou que “pode requerir de pequenos retoques de adaptación”, e incidiu en que “cubre e cumpre todas as normativas europeas”. César Rodríguez sinalou que “a cuestión é intentar facer as modificacións necesarias para que se manteña, aínda que non fose na mesma proporción, pero si que fora aceptable para manter as contratacións”, e sinalou que nun momento “no que hai unha gran dificultade de encontrar carga de traballo, sobre todo pola financiación, se aínda enriba se lle engade esta dificultade, –estamos falando de entre un 20-25% que se poden abaratar os custes a través deste sistema–, pois sería un problema que nos podería facer imposible levantar a cabeza”. Finalmente, considerou que “é un pouco cínico” porque “este tipo de axudas sexa dunha maneira ou doutras, se dan en todos os países”.

Dende a administración autonómica están a facer distintas xestións. Así dende a Consellería de Economía e Industria remitiron unha carta ao ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, amosando o seu apoio incondicional ao sector naval galego e reclamando ao Goberno central a súa “urxente e imprescindible intervención para evitar que Bruxelas poida anular ou modificar os beneficios fiscais actualmente en vigor”, tal e como explicaron nun comunicado. Asemade, engadiron que “de non arbitrarse unha pronta solución satisfactoria estaríase poñendo en perigo unha industria estratéxica para a economía de Galicia”. Caballero referiuse á xestión do Goberno español neste senso, afirmando que se está actuando “con dilixencia e rapidez para facer valer os nosos dereitos”

Por outro lado, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu onte ante a gobernadora xeral de Australia, Quentin Bryce, o compromiso do sector naval galego. Feijóo explicou que na reunión se abordaron as “distintas posibilidades de colaboración” no ámbito económico, unha vez “confirmado” o encargo do pobo australiano aos estaleiros de Navantia.

No hay comentarios: