TAGS: sectores produtivos , manifestación , cig , bng ,
Cargando Concentración do BNG en Santiago contra a privatización de Novacaixagalicia o 17 de febreiro Concentración do BNG en Santiago contra a privatización de Novacaixagalicia o 17 de febreiro
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, alertaron do momento difícil que vive a economía galega.
O portavoz nacional relatou o “ataque sen precedentes que están a sufrir os sectores estratéxicos do noso país pola acción combinada das políticas do goberno estatal e galego que nos conducen a un calexón sen saída”.
“Temos un presidente da Xunta que non lidera a defensa deste país, que se limita a laiarse, que fai de mal xestor e se limita a botar balóns fóra, non dá a talla frente aos problemas que Galiza ten plantexados”, continuou.
A seguir, Vázquez enumerou os principais problemas que acucian aos sectores produtivos galegos como “o sector financeiro, coas portas abertas á privatización; o enerxético, cun decreto do carbón que pon en risco máis de 3.000 empregos; o lácteo sen defensa política algunha, esmorecendo; o complexo da industria, en retroceso permanente; a flota acosada por cotas do lirio inxustas, problemas coa xarda; a conserva posta en dificultades por un acordo da UE con Papúa-Nova Guiné que nin o goberno central nin o da Xunta se opoñen; cun sector naval coa capacidade produtiva infrautilizada por decisións políticas durante anos e anos”.
A consecuencia desta situación é que Galiza é o país do Estado no que “con máis velocidade se está a destruír emprego, o que, obviamente, é produto das políticas destes gobernos”, dixo en alusión ao estatal e galego.
Vázquez lanzou unha pregunta que, segundo afirmou, “deben facerse todos os cidadáns e cidadás deste país: “Como se poderá xerar emprego sen base produtiva e sen mecanismos financeiros?”
Tal e como indicou o portavoz nacional do BNG, “ante esta situación crítica, diante dun goberno ausente é máis necesaria ca nunca unha reacción social. Este país merece un destino diferente e temos que construílo entre todos e todas”. De aí, engadiu, a decisión de convocar unha manifestación que se pretende “aberta ao conxunto da sociedade galega”, polo que se manterán contactos cos distintos axentes sociais e políticos do país”.
Contestación social
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Seixo, afirmou que “só coa contestación social podemos conseguir unha saída a esta situación”, ao tempo que lembrou que máis de 7.000 empregos dependen de xeito directo ou indirecto da caixa galega e lembrou que existen moitas pequenas empresas “que dependen dos créditos da caixa”.
O dirixente nacionalista amosou a súa esperanza en que a sociedade galega “sexa consciente de que se está a xogar o seu futuro” e, tanto el coma Vázquez, insistiron en que se trata dunha convocatoria aberta a todos os cidadáns e colectivos que se preocupen pola situación que está a padecer Galiza.
O futuro da caixa é político
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre o futuro da caixa e as opcións que os dirixentes de Novacaixagalicia barallan na actualidade, Vázquez indicou que “como temos dito no pasado, os directivos teñen que dicir, pero non que decidir. Trátase dun problema político e, polo tanto, é coa acción política como se pode resolver”, polo que botou en cara a Núñez Feijóo que “tirase a toalla sen batalla porque sabe o que vai facer o PP no Congreso”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario