lunes, 12 de abril de 2010

TRABALLAR NA COMARCA ¿É POSÍBEL?

TRABALLAR NA COMARCA ¿É POSÍBEL?
 
FERNANDO BRANCO PARGA (*)
 
A nosa comarca xa ten máis de 17.500 persoas no paro, o que supón a taxa máis alta de desemprego de Galiza, sendo tamén a única comarca que ten como cabeceira unha das sete grandes vilas que perde poboación, sobre todo xente moza. Por iso, frear a destrución de emprego debera ser unha prioridade para todas e todos. Porén, isto non é sempre así: as máis das veces mestúranse intereses de obediencia partidaria ou complicidade sindical e empresarial con determinadas decisións políticas que atacan na liña de flotación de varias industrias da comarca.

É de sobras coñecida a situación da antiga Astano, froito dun veto político e, tamén, as diferentes posturas políticas, sindicais e empresariais que tivo o chamamento de Rumbo 21 na súa convocatoria de manifestación, que serviu para clarificar sobre quen está por reactivar o funcionamento deste estaleiro e quen, con escusas varias de mal pagador, prefire a situación actual de achatarramento. Curioso é que en Andalucía, algunhas organizacións estatais defenden cousas ben diferentes ás que defenden en Ferrol.

Mais as decisións políticas que na comarca afectan negativamente á capacidade de creación de emprego, non se limitan ao naval. Un caso claro é no sector eólico, onde a decisión da Xunta do PP de derrogar o anterior Concurso Eólico, baixo a mentira de posíbel ilegalidade, tivo xa efectos letais en varias empresas da Comarca: en Mugardos, Fene, As Somozas e As Pontes, con peche de empresas, con EREs ou despedimentos de traballadores; e iso se falamos das que teñen como actividade principal o negocio eólico, pois tamén outras de obra civil e de mecanizado sufriron por esta decisión.

E agora que o goberno de Feixóo anuncia un novo concurso, resulta que o Goberno do Estado (PSOE), nunha invasión de competencias da Xunta, crea un rexistro de preasignación de primas no sector eólico, que limita as subvencións para Galiza a só 150 megawatts até o ano 2013; é dicir, vai ser moi difícil cumprir o obxectivo de instalar 2.300 megawatts antes do 2015, ou dito dou-tro xeito, máis unha vez teremos perda de emprego.
Tamén no sector enerxético asistimos a unha situación de intervención política con consecuencias negativas para á economía comarcal. Agora mesmo a Central Térmica de As Pontes está en mínimos históricos de funcionamento. O que podería ser unha situación puntual polas condicións climatolóxicas, un ano de auga e vento, e polo efecto da crise, baixada no consumo, pode converterse en algo habitual nos próximos tres anos; pois o Goberno do Estado (PSOE) está a piques de publicar un Real Decreto que obrigará a consumir o carbón autóctono, sobre todo no Bierzo, Asturias e Aragón, en prexuízo do carbón importado que se consume nas Pontes, que produce un quilowatio máis barato e menos contaminante.
Asemade, ante o incremento de stock de carbón autóctono sen consumir, o Goberno do Estado aportou, dende xullo do ano pasado, uns 200 millóns de euros para que a empresa pública Hunosa comprase os excedentes e esta situación non tivese repercusión nas comarcas mineiras do Estado. Curiosamente agora, no caso de Galiza, non se prevé ningunha compensación.
Con matices diferentes, mais baixo o denominador común da intervención política, vemos como outro sector produtivo, o marisqueo na ría de Ferrol, do que viven uns 544 mariscadores/as, padece o desleixo prolongado dos diferentes gobernos que pasaron polo Estado, tanto PSOE como PP, coa compracencia do goberno da Xunta, que manteñen a Ría, onde hai uns anos producíase o 30% da ameixa babosa de Galiza e hoxe non chega ao 10%, polas desastrosas condicións ambientais nas que está, sen saneamento, o que provoca que a metade dos bancos marisqueiros sexan catalogados como zona C, que imposibilita o seu consumo en fresco.


Temos que lembrar que xa polo ano 1992, o daquela presidente da Xunta, asinou nun documento público denominado Plan Especial para Ferrol e a súa Comarca, semellante en promesas e resultados ao actual Plan Ferrol, no que a execución das obras para o saneamento integral remataría no ano 1995; hoxe, quince anos despois, continuamos igual. Por iso, o prioritario ha ser enfrontar esta situación e solicitar que se poida traballar en sectores como o Naval, Eólico, Térmica de As Pontes e o Marisqueo, algún deles estratéxico e asentados na comarca. É dicir, defender o que xa temos, aquilo que nos capacita para manter e impulsar a economía comarcal e, logo, ver en que outros sectores poderíamos medrar e aproveitar novas oportunidades. O que non é posíbel nen viábel é primeiro destruir emprego e logo, sen continuidade e nun auténtico deserto industrial, pretender renacer das cinzas sen custes sociais. As traballadoras e traballadores, a mocidade... en definitiva, o conxunto da poboación de Ferrolterra, non pode agardar.

diariodeferrol
(*) Fernando Branco Parga é delegado Sindical da CIG-Endesa e membro da Executiva Comarcal do BNG

No hay comentarios: