O regreso do estaleiro de Fene á construción de barcos e a defensa dos productores de leite son o eixo da proposta política coa que o BNG quere voltar a Europa. De cara a cita electoral do vindeiro 7 de xuño, o número dous da candidatura nacionalista, Alberte Souto, secretario xeral da Consellería de Medio Rural durante o bipartito e natural de San Sadurniño, defendeu onte a importancia de “apoiar a presenza dunha voz propia en Europa que leve os problemas de Galiza ao Parlamento Europeo”.
Neste senso, Souto garantiu que o BNG “dará unha batalla constante para levantar o veto irracional á construción civil en Astano e para que este estaleiro volte ser un centro naval de referencia”, e alelou que “a ponte das Pías volte ateigarse de xente vendo as botaduras de Astano”.
O número dous da lista que encabeza Ana Miranda tamén se referiu ós problemas que atravesan os productores de leite, acusando ó Goberno central de non defender os seus intereses permitindo “unha liberalización encuberta do sector”, prevista pola UE para o ano 2015, dixo. Pola contra, Souto abogou por afondar no vixente sistema de cuotas, de tal xeito que se asignen aos Estados, non de forma liñal -como se vén facendo hoxe-, senón en función das capacidades produtivas dos países e o seu consumo interno.
O número dous da candidatura nacionalista referiuse a estes problemas como “os novos balados contra os cidadáns construídos trala caída dos muros na década dos anos noventa”.
En definitiva, Souto abogou por “unha construción de Europa distinta á que tivo ata o de agora, defendendo máis os intereses das clases traballadoras e non das elites económicas e con medidas que aposten realmente por superar a actual crise”.
diariodeferrol.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario