jueves, 1 de enero de 2009

Navantia-Fene loita para o retorno á construción naval civil



[GZnación / Rafa Mouzo / 1 Xan 09]


Navantia é unha sociedade pública de construción naval militar creada en 2005 como resultado da segregación da rama militar da antiga Izar, que foi constituída como sociedade en xullo de 2000. Esta última situábase como noveno grupo naval do mundo e segundo de Europa, sendo resultado da fusión de varios astaleiros públicos civís e militares no Estado español.


Na construción civil atopábase nese momento Astaleiros e Talleres do Noroeste (ASTANO), e na militar estaba Bazán-Ferrol.Cando en decembro de 2004 a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), accionista e xestora do grupo, decide a segregación da rama militar de Izar, créase en marzo de 2005 a sociedade Navantia, da que forman parte Izar-Ferrol e Izar-Fene (antes Astano). Por tanto, Galiza conta cos estaleiros e centros de actividade localizados na comarca de Ferrolterra. As plantas, asentadas en Ferrol e Fene, agora están unidas baixo un mesmo organigrama directivo e se adican principalmente á construción militar.


A Unión Europea ratificaba en marzo do ano pasado a prohibición até 2015 de que Navantia-Fene poida ter actividade civil, ademais de ordear a devolución dunha axuda estatal (1.300 millóns de euros) que recibira a sociedade, dado que vulneraba a normativa comunitaria en materia de competencia.O BNG sempre defendeu que Navantia-Fene poidese adicarse á construción civil, e para elo levou o tema ao Congreso dos Deputados.


En varias ocasións instaron ao Goberno español a que renegocie coa UE o acordo sobre o futuro do estaleiro para que non se limite á actividade militar, senón que os seus activos ociosos poidan ser privatizados de forma transparente e así ter opción de volver á construción naval civil. Até agora, o Goberno veu rexeitando que Navantia-Fene volva á construción civil alegando que a Unión Europea limitou a súa actividade ao campo militar e que, de vulnerar ese acordo, conlevaría a apertura dun expediente comunitario ao Estado español.Empregos directosRecentemente o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, sinalaba publicamente que a volta á actividade civil de Navantia-Fene “suporía a creación de entre 3.000 e 5.000 postos de traballo directos”.


Nestos momentos, os astaleiros da compañía pública acolle a máis de 2.000 empregados, segundo fontes sindicais. As declaracións do líder do Bloque foron feitas no marco dunha nova iniciativa presentada polos nacionalistas na Cámara Baixa. A proposta da formación frontista non consiste en “pedir cartos”, senón en que “deixen traballar” aos empresarios que teñen proxectos para activar os “terreos ociosos” da compañía, unha demanda xa aprobada por unanimidade no Parlamento galego. O pasado 27 de novembro, o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, comprometeuse co portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, a “plantexar unha nova ofensiva” na UE para que o astaleiro de Navantia-Fene retorne á construción naval civil. Os nacionalistas están á espera de acontecementos, mais piden “axilidade” ao Executivo central, sobre todo logo de que o xefe de unidade adxunto de axudas do Estado e Reestructuración Industrial da Dirección Xeral de Competencia da Comisión Europea, Mehdi Hocine, amosase a disposición da UE a retomar o tema si o Executivo español o solicitase.


A raíz do problema

Se queremos buscar os motivos de fondo que levaron ás autoridades políticas a decidir que o astaleiro de Ferrolterra non poida adicarse á construción civil, hai que ter en conta a carga de traballo no sector e a escaseza de demanda no ano 2005, o que leva a reducir a produción nalgúns Estados da UE. Así o explica para Gznación o que foi durante anos deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, que sinala que o Estado español aceptou diminuir a actividade no sector “a cambio doutras cousas, que non sabemos”. O secretario xeral da UPG apunta que dentro do Estado “onde se aplicou esa redución foi na Galiza, e ademais de forma nominal, é dicir, collendo un astaleiro de 130.000 toneladas de rexistro bruto, como era Astano”. Rodríguez lembra que un Estado asume a diminución de produción dentro das súas fronteiras, mais de antemán non está disposto a que astaleiros se debe aplicar. Pero segundo o político nacionalista, no caso de Navantia-Fene “fíxose nominalmente”. O ex-deputado do BNG subliña que logo do 2005 “vén o boom da construción naval, e se sigue mantendo o mesmo criterio para que a tarta vaia para os Estados centrais que teñen astaleiros públicos; ou ben para astaleiros privados, que no caso do Estado español todos teñen unha pequena dimensión, como por exemplo os de Vigo”. Rodríguez tamén sinala que as directrices foron encamiñadas a que “a pouca construción civil que haxa grande no Estado, que a fixese o astaleiro de Puerto Real”. Respecto da posibilidade de que a situación mude logo de coñecerse que a Comisión Europea está disposta a negociar se os gobernantes españois o solicita, o dirixente nacionalista afirma que “o Estado español non vai ter un interese grande, e a UE tampouco”. Francisco Rodríguez considera que nun contexto de grande demanda, por un lado, e tamén de crise económica, “é moi difícil negarlle a un astaleiro a construción naval, pero coido que interese político non o vai a haber”. Decisión política

Por outra banda, o secretario da sección sindical da CIG en Navantia-Fene, Manel Grandal, sinala como “unha razón política” a decisión de privar á empresa da construción civil. O sindicalista considera que no seu momento furtouse á comarca de Ferrolterra desta actividade, e apunta que a antiga Astano, en Fene, quedou como subcontratista do que era Bazán-Ferrol. “Non se pode facer un buque en Fene, e esa é a realidade”, afirma Grandal, que lembra que no acordo entre a UE e o Estado español neste tema “a CIG non participou”. O representante sindical fai fincapé en que o astaleiro de Puerto Real “nunca fixo construción militar e agora faina, e esto demostra que son claramente decisións políticas”. Ademais, subliña que Puerto Real tamén pode facer construción civil “mentres Fene non pode facer nin buques civís nin militares, só cachos de buques militares”.

Postura do PSdeG

A deputada do PSdeG no parlamento galego, Beatriz Sestayo, expuxo para Gznación a postura do seu partido repecto á posibilidade de que Navantia-Fene volte á construción civil. Lembra que as tres forzas políticas galegas amosáronse a favor nese senso, e sinala que en concellos como Ferrol tamén se aprobou unha moción similar. Sestayo considera que o PP ten moita “cara” no tema de Navantia, porque “eles deixaron Izar en quebra técnica e a piques de pechar”. A tamén concelleira socialista de Ferrol subliña que a limitación á construción civil é froito das negociacións do Estado, “e apoiada no 2004 cos acordos entre os traballadores e a empresa”. Sestayo afirma que “nós como grupo socialista cremos que hai que voltar a negociar con Bruxelas, e é o que estamos apoiando”. A parlamentar do PSdeG tamén apunta que os representantes dos traballadores trasladáronlle o temor a que poidan correr risco os empregos debido ás posíbeis negociacións, “dado que a súa situación laboral está dacordo con ese acordo de 2004”. Ante isto, Sestayo remarca que a súa formación quere en primeiro lugar que se garantan os empregos actuais, para logo mirar a posibilidade de mellorar a situación.

No hay comentarios: