sábado, 20 de diciembre de 2008

O texto da iniciativa popular polo futuro do naval entrará no Parlamento o día 23

A iniciativa lexislativa popular polo futuro do sector naval galego, e nomeadamente do estaleiro de Fene, xa ten letra. A comisión promotora presentou onte o texto que levará o próximo día 23 ó Parlamento galego para iniciar a recollida de firmas xa a comezos de ano.

Os “pais” da iniciativa subliñaron onte que non é unha proposta só para a antiga Astano. De feito, nela reclámanse programas específicos de apoio a todo o sector naval no eido da investigación, a formación, o urbanismo ou a exportación, así como que a Xunta xestione as axudas estatais e europeas e teña participación directa das empresas públicas.

De especial interese para a comarca son os puntos nos que se pide “o traspaso dos activos dos que as empresas estatais integradas no sector naval de Galicia sexan titulares e que non estean sendo aproveitados para a construción, reparación, reciclaxe ou transformación de buques” e “a volta das instalacións do estaleiro de Navantia no Concello de Fene á construción, reparación, reciclaxe ou transformación naval civil”.

Oportunidade > A iniciativa xurde co don da oportunidade. Tal como indicou onte o profesor Ramón Manuel Yáñez, un dos membros da comisión promotora, o veto a Astano impúxose cando había un exceso de capacidade produtiva nos países europeos, mentres que agora hai unha crecente demanda de artefactos off-shore e buques especializados á que os estaleiros europeos non poden respostar. Además, é unha reclamación xusta, porque outros países que tamén repartiron axudas ilegais non tiveron que devolvelas e non sufriron limitacións na súa industria, e politicamente posible, como proba o feito de que Rodríguez Zapatero xa indicou que se emprenderon xestións en Bruselas.

As posibilidades de resucitar o estaleiro de Astano e contribuir ó rexurdir do naval galego, por outra banda, son reais. A comisión promotora lembrou que a reconversión produxo un dramático recorte de personal cualificado, pero que a presencia en Ferrol das dúas escolas politécnicas veu encher dito valeiro. Ademais, no momento actual hai unha demanda de artefactos civís que os estaleiros de Vigo non poden cubrir por falta de infraestruturas. No de Fene hai medios e tamén experiencia: foi a única factoría que construiu un buque de transporte de gases licuados e a primeira en operar no mercado off-shore.

A iniciativa lexislativa vai presentarse tamén coa razón da vontade popular. Os responsables da mesma incidieron en que o Goberno non poderá negar á cidadanía o que negou ós políticos, cando as proposicións partían do Parlamento galego. Agora, o texto vai ter que levar detrás 15.000 sinaturas para poder tramitarse, pero a comisión promotora quere que sexan moitas máis as que o acompañen. Vai haber unha recollida organizada e masiva a partir dos primeiros días de 2009.

Tamén estiveron presentes outros argumentos. Edgar Vigo, un fillo da reconversión, nacido en 1980 e veciño do barrio fenés de San Valentín, falou con esperanza dunha iniciativa dirixida a cambiar a mentalidade da súa xeración, a que aprendeu “que o sector naval non ten futuro e só xera paro e prexubilados”.

IEN > Por outra banda, o presidente da asociación empresarial IEN por Europa, Manuel Pérez, comunicou onte que se ten dirixido ó presidente do Goberno, Rodríguez Zapatero, para indicarlle que a entidade reiniciou accións ante Bruselas para la recuperación do mercado civil convencional en Astano. IEN remitiu un escrito á comisaria europea da Competencia, Nellie Kroes, así como propostas a tódolos grupos políticos.

diariodeferrol.com

No hay comentarios: