martes, 23 de diciembre de 2008

O BNG celebra o rexistro da Iniciativa Lexislativa Popular de Fomento de sector naval galego

Santiago de Compostela, 23 Decembro 08.-
O portavoz de Industria do g.p do BNG, Fernando Blanco Parga, valorou hoxe o rexistro da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de Fomento do Sector Naval de Galiza por ir na liña defendida sempre polo nacionalismo tanto no Parlamento galego como no Congreso como en Bruxelas: non permitir que un activo produtivo tan importante como Astano continúe pechado por motivos políticos.

Durante un encontro cunha delegación dos promoteres da Iniciativa, ao que estaban convidados todos os grupos parlamentares, Blanco Parga salientou que sexa o corpo social de Ferrolterra quen traiga á Cámara esta proposta e amosou a súa confianza en que poida ser un dos primeiros debates do novo Parlamento, co respaldo de todas as forzas políticas.

Pola súa parte, os promotores da ILP explicaron que se trata dunha proposta en defensa de todo o sector naval galego, para o recoñecemento do seu papel estratéxico na economía do País, de tal xeito que o goberno galego deseñe unha lexislación específica para darlle o pulo que precisa.

Afirmaron que esta é unha oportunidade única e irrepetible, pois todas as sensibilidades políticas, sociais e empresariais conflúen na mesma dirección, de ahí que consideren imprescindíbel sumar todo o que une e que a iniciativa salga adiante.

Trátase de entender o sector naval como o conxunto de empresas que teñen por obxecto non só a construción de buques senón tamén a súa reparación, reciclaxe e transformación e a doutros artefactos flutuantes e as súas actividades auxiliares, segundo figura no texto rexistrado.

Para os representantes da ILP, non ten sentido, e moito menos nun contexto de crise como o actual, seguir a manter o asteleiro de Fene como un simple taller de segunda, infrautilizando as súas instalacións, unha das mellores de Europa, cando, ademais, a construción naval está a amosar unha fortaleza moito maior que outras actividades industriais ás que si se ten decidido apoiar orzamentariamente dende o Goberno.

No hay comentarios: