lunes, 15 de diciembre de 2008

Anxo Quintana pediu hoxe en Madrid "accións decididas" do Estado para a antiga Astano


Quintana defendeu a intervención pública coma “o mellor instrumento para dotar da maior eficacia económica e social ás políticas coas que enfrontar a crise”
 Na conferencia “Novos tempos para o autogoberno de Galiza” comprometeu a aposta nacionalista por un instituto galego de crédito oficial, unha nova lei de caixas e un gran grupo lácteo galego”

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou hoxe en Madrid que é preciso a posta en marcha dun “plan de rescate” para o noso país da concesión da AP-9 para asegurar o control público sobre a Autopista do Atlántico, unha vía de comunicación que é “estratéxica para a vertebración do territorio e a mobilidade de Galiza”. Quintana referiuse hoxe en Madrid á recente venda da empresa concesionaria da autopista do Atlántico a unha entidade sometida no seu país a un proceso de reflotamento con fondos públicos e que agora “vai a xestionar unha infraestrutura básica para Galiza sen que os poderes públicos galegos poidan dicir nada”. O vicepresidente da Xunta asegurou que esta decisión “compromete o futuro das comunicacións do noso país” e por iso dixo que debe ter “unha resposta rotunda por parte das Administracións públicas galega e española”.

Neste mesmo senso, o vicepresidente da Xunta referiuse a outro exemplo deste tipo de operacións, coma o caso de Unión Fenosa. Segundo explicou Quintana, Galiza é unha potencia enerxética mentres que a empresa de referencia na xeración e distribución de enerxía eléctrica se ve inmersa dende fai tempo en diferentes operacións de compra-venda accionarial “que para Galiza de momento só se traduciron na perda de soberanía e capacidade de decisión sobre o noso potencial enerxético”. Por iso o vicepresidente apostou por unha acción decidida da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado “para procurar unha solución positiva para Fenosa”.

“Nós sabemos ben que unha solución boa para Fenosa é unha boa solución para Galiza, e que calquera venda que afecte negativamente ao desenvolvemento de proxectos estratéxicos no noso país sería perxudicial para os intereses dos galegos e das galegas”, reflexionou o vicepresidente da Xunta. Tamén asegurou que é preciso “retomar o impulso económico dos poderes públicos para remover obstáculos inxustificados que nos impiden desenvolver as nosas capacidades produtivas”. Quintana explicou hoxe en Madrid que hai sectores na economía galega que están en condicións de seguir sendo o motor para a creación de emprego, coma o caso do sector naval.

Precisamente ao respecto do naval galego, Quintana explicou que a pesares das posibilidades de expansión que teñen as instalacións da antiga Astano seguen a estar infrautilizadas “como consecuencia dun estrano pacto cos organismos europeos”.

Por iso, o vicepresidente reclamou “unha acción decidida do Estado fronte á UE”, argumentando que “se é posible romper tabúes e flexibilizar decisións para aplicar medidas de axuda ao sector financeiro, hai moitas máis razóns para permitir levantar o veto que pesa sobre o asteleiro de Fene”,

para recuperalo plenamente para a construción civil de barcos e deste xeito que un conglomerado empresarial galego poida levar adiante a recuperación do asteleiro, que permitiría crear entre 3.000 e 5.000 postos de traballo “estables e de calidade”.

No hay comentarios: