martes, 18 de marzo de 2008

Que hacemos con ASTANO según el alcalde de Fene:


Unha vez máis ábrese o debate público sobre que facer co astaleiro de Fene. Hai dous anos, cando se produce a quebra de Izar, en Ferrolterra organízase un forte movemento reivindicativo de tódolos sindicatos, respaldado por tódolos partidos políticos, destinado a presionar ó Goberno Central para que a factoría de Fene permaneza no sector público e non sexa privatizada, sorte que correron tódolos demais astaleiros civís de Izar. Logramos ese obxectivo, Fene integrouse en Navantia, o novo grupo público de construcción naval. Era a época na que o BNG e a CIG reclamaban o “gran centro público naval na ría de Ferrol”.
Agora, Fernando Blanco, Conselleiro de Industria, lanza por segunda vez a proposta de privatizar a antiga ASTANO, é dicir, de facer o que a SEPI pretendía hai dous anos e todos, o BNG con especial ahínco, rexeitamos. Eu non creo que a privatización solucione nada, creo máis ben que a solución pasa por cumprir o acordo asinado entre o Goberno e os traballadores hai dous anos.
Creo ademais, na liña que apuntaba onte Vicente Irisarri, que a superficie que ocupa ASTANO está infrautilizada; cos 300 e pico traballadores actuais o astaleiro ocupa a mesma superficie que cando empregaba a máis de 10.000 persoas. Neses terreos, rodeados de peiraos de atraque e, polo tanto, cunhas posibilidades industriais tremendas, poderíamos impulsar a ubicación de novas industrias, que crearían emprego e, por riba, permitirían diversificar a industria da comarca, co que dependeríamos un pouco menos da construcción naval e das súas crises cíclicas. Só hai unha condición para isto, contar co apio dos representantes dos traballadores e que os propios sindicatos sexan motor desa transformación.
Esta vía, a de apostar pola diversificación, a innovación, a modernización e adaptación ás novas necesidades do mercado, é o que permitiu a zonas tan dependentes do naval como Ferrolterra ser hoxe punteiras noutros sectores e manter o seu nivel de riqueza e desenvolvemento. Mentres en Fene non comprendamos isto e mentres a nosa máxima e única aspiración sexa resucitar a megafactoria dos anos 70, non atoparemos a solución ós graves problemas de emprego que padecemos.
Barreras, o asteleiro por excelencia de Vigo, presentou onte unha proposta, avalada pola Consellería de Industria, para crear unha factoría privada de construcción naval civil en parte dos terreos que ocupa Navantia Fene. Xa comentei nalgunha ocasión que me parece positivo que, dado que as necesidades e carga de traballo de Astano non son as mesmas que cando empregaba a máis de 10.000 persoas, se busquen solucións que permitan aproveitar parte dos excepcionais terreos da antiga megafactoría, agora totalmente desaproveitados. Creando, polo tanto, máis postos de traballo e máis riqueza.
Agora ben, todos temos que ser conscientes do que isto significa, reducir a capacidade productiva de Navantia Fene e, quizais máis importante, optar de facto pola privatización da empresa fenesa, algo ó que tódolos partidos e sindicatos, sen excepción, se opuxeron hai só dous anos, cando se privatizou Izar, grupo ó que pertencia Astano, e se organizaron folgas, manifestacións e todo tipo de mobilizacións para que a factoría fenesa fose integrada en Navantia, a nova empresa naval pública. A peaxe a pagar para seguir sendo uha factoría do Estado foi o veto imposto pola U.E. ata 2015, que limita a actividade civil do estaleiro.
En definitiva, todo o que signifique crear postos de traballo en Fene e Ferrolterra paréceme fantástico, pero facéndoo sempre de acordo cos traballadores, que hoxe xa discreparon da proposta de Industria, e sendo coherentes co que defendimos hai dous días e co modelo industrial que queremos para esta comarca, público (seguro laboralmente, pero cunha expansión moi limitada) ou privado (incerto laboralmente, pero cunha mellor perspectiva de negocio a curto parzo).

No hay comentarios: