domingo, 16 de septiembre de 2012

Unha proposta de viabilidade social para Ferrolterra


3 votos
Ferrolterra ven sufrindo un grave deterioro económico e social dende hai máis de 25 anos. Todo comezou coa primeira reconversión imposta dende a UE en 1984. No ideario colectivo dos ferrolterráns maiores de 50 anos permanece aínda nidia a puxanza, a mobilidade social, o dinamismo, a alegría de vivir que nos enchoupaba naquela altura. 

Aínda que é certo que os estaleiros españois non eran en xeral competitivos impúxose dende a UE como condición, entre outras lesivas para o noso país, a redución da capacidade produtiva a Astano, impedíndolle construír buques, malia ser o estaleiro público civil con maiores éxitos tecnolóxicos e menores resultados negativos en termos relativos. O impacto social foi gravísimo. O desconcerto e o pesimismo ficou impreso dende entón no carácter dunha grande parte dos ferrolterráns, malia que Bazán seguía viva, aínda que cada vez con menor capacidade de xeración de emprego.
A cidade e a súa contorna dependían naquela altura case exclusivamente do naval. Non había nin un só polígono industrial, non había autoestrada, non tíñamos porto exterior e o ferrocarril entraba na cidade, como agora, por unha liña propia do século XIX. Non tíñamos tampouco hospitais públicos de calidade nin campus universitario. 

Os distintos programas de axuda e institucións creadas para recolocar a parte dos excedentes de Astano no proceso da mentireiramente chamada reconversión foron un fracaso porque non podía ter outro fin. A maioría dos investidores que acudiron aos distintos programas de incentivos non eran outra cousa que ou iluminados inocentes sen experiencia empresarial solvente, ou aventureiros e especuladores caza subvencións. Ferrolterra está nunha esquina do mapa cunha posición marxinal nos tráficos terrestres e carecía de incentivos de localización, infraestruturas, servizos avanzados, man de obra cualificada fóra do naval, etc. Os que viñeron de fóra fixérono sobre todo atraídos polos substanciosos incentivos e ao pouco tempo a maioría entraron en problemas e desapareceron ou están con graves ameazas. Sei do que falo porque vivín na miña propia experiencia ese proceso. 

Durante os anos noventa e os primeiros deste século Ferrolterra tivo un grande avance. Chegou a autoestrada, construíuse o porto exterior, polígonos industriais, consolidáronse a Universidade e o complexo hospitalario do Marcide. Na construción naval Astano entrou con problemas e acabou consolidando a súa posición no esixente eido offshore e Bazán, rebautizada como Izar, acadou os seus mellores anos de actividade cos contratos para as armadas norueguesa e australiana. Cobrou novo pulo o sector auxiliar da construción naval que acometeu ademais estratexias de diversificación de negocio e entrada en novos mercados. No ano 2005, o estaleiro de Fene, malia ter desenrolado con éxito produtos propios con boas previsións de negocio sofre un segundo proceso de axuste que elimina case toda a súa plantilla e proporciona un novo golpe ás auxiliares que malia todo son quén de superar este novo trauma procurando actividade fóra. Case todo o novo tecido industrial creado con axudas públicas sen relación coa industria naval pechou, ou está a pasar por graves problemas.
O pasado tennos ensinado que só a industria naval permanece en Ferrolterra. Os estaleiros e a súa industria auxiliar é o noso. É o que sabemos facer e só precisa dunha reorientación e dun novo impulso político. Temos as infraestruturas os medios e o coñecemento, está aberta a colaboración cada vez máis intensa coa Universidade... Quedan cousas por facer, mellorar a capacidade de xestión, aumentar a produtividade, conseguir unha reorganización de Navantia a través dunha estrutura matricial territorializada, aumentar a unión entre auxiliares e principal e entre os sindicatos e o empresariado, avanzar no convencemento de que a posta en común de información e a colaboración é sempre mellor que a confrontación como vía de solucionar conflitos. 

O sector naval ten futuro. Os nosos competidores franceses, daneses, holandeses, alemáns sábeno. Están a levar os nosos profesionais cualificados, os soldadores, os enxeñeiros que saen das nosas escolas. Os ferrolterráns temos dereito a ser partícipes del pero neste intre só nos poden abrir as portas do futuro os políticos. Teñen que remover os atrancos, principalmente os financeiros diante da UE. A industria naval, como sector estratéxico non pode aturar custes de financiamento superiores á súa rendibilidade e posibles axudas gobernamentais vía xuros non poden ser consideradas ilegais. Temos que esixir a construción xa dun novo dique con capacidade para atender as necesidades dos operadores do mercado gaseiro e esixir a retirada do veto a calquera caste de construción civil no estaleiro de Fene e, se non fora posible a curto prazo, temos que comezar a preparar infraestruturas e persoal para operar nos eidos de futuro a partires de 2015.
A construción naval civil no eido offshore e as reparacións e seguir a loitar por novos contratos militares no ámbito internacional. Se así o facemos teremos conquistado o futuro sendo fieis ao noso pasado. Esa é a única forma de facelo con seriedade.

2 comentarios:

Bancadas baleiras dijo...

Nesta nosa Galicia, salvando raras excepcións, non existe clase política senón un colectivo de impresentables que dependendo da súa localización en goberno ou oposición toman posición a favor ou en contra do sector naval.

Agora o PSOE toma postura electoral esixindo o levantamento do veto cando todos sabemos que o ex - presidente Zapatero non se dignou nin a cursar trámite do asunto ante Europa, e que o ex presidente González foi o artífice da súa desfeita encartándose ás esixencias de intereses foráneos.

O PP que antes das eleccións postulábase con adaíl en defensa do sector, pasados 8 meses de goberno, proceden de idéntico modo negando calquera compromiso sobre os seus contraídos electorais (nin dique, nin levantamento do veto). Saindo por peteneras a través de pantasmagóricos contratos para salvar os resultados electorais

Estes tipexos deberan calibrar os seus pasos, darse conta que todo ten un límite, asumindo que cando un está farto de recibir patadas, o simple rozamento adoita ser detonante do irreversible . Por iso se non teñen solucións ou capacidade de remedio o prudente é que desaparezan do escenario asumindo a súa incompetencia.

Debesen lembrar que os estaleiros fan barcos e que os pallasos actúan no circo, as diferenzas é notoria e non deixa lugar a confusión

administrador dijo...

Desgraciadamente pp y psoe actuan en gana y siempre electoralmente,se atacan visceralmente cuando se encuentran en la oposición del otro.

Para que cambiar si les siguen votando?.

El veto a Astano lo es a toda la comarca, es una condena para la población,y a uerza de repetir que no se puede quitar,muchos se lo terminan creyendo. el problema será cuando deba caer,porque ese astillero,tiene su futuro sentenciado.