martes, 2 de diciembre de 2008

Quintana chama á unión para conseguir que Astano volva á construción civil

XORNAL.COM I Ames.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, fixo hoxe un chamamento a todas as forzas políticas para que “tiren do carro” e se sumen ás iniciativas que está a tomar o nacionalismo galego para demandar do Estado que pida en Bruxelas o levantamento do veto que pesa sobre a antiga ASTANO para a construción civil. Quintana lembrou que a construción e reparación de buques no estaleiro de Fene suporía a creación de entre 3.000 e 5.000 postos de traballo “estables e de calidade”, algo importante segundo dixo hoxe o vicepresidente, sobre todo nun momento no que coñecemos cifras de paro nada alentadoras.

O vicepresidente lembrou que a crise está a provocar a reacción dos gobernos, tamén do Goberno galego, “todos os gobernos nos estamos desgañitando rascando fondos onde non os hai para tentar paliar o problema do paro”, e por iso “non podemos permitirnos ter unha infraestrutura ociosa como temos” no caso do estaleiro de Fene. O vicepresidente explicou que o Goberno galego está a facer investimento público para xerar emprego, “eu creo que iso é unha medida moi positiva”. Quintana referiuse ás críticas que estas medidas están a recibir por parte do PP, que as cualifica dun xeito despectivo “dicindo que só se trata de limpar cunetas e só por 6 meses”. Fronte a estas críticas, Quintana lembrou que “para unha persoa sen traballo, a posibilidade de traballar 6 meses é algo moi importante”, e emprazou ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmando que “a min gustaríame que o discurso que fai o señor Feijóo en contra desas medidas o fixera diante dun grupo de cen desempregados que están esperando traballar limpando unha cuneta, que por certo tamén é un traballo digno”.

Ao respecto destas medidas que está a adoptar a Xunta de Galicia, Quintana asegurou que se trata de “medidas importantes e positivas”, aínda que explicou que “moito máis importante sería, ademais de podermos crear ese traballo temporal, que son medidas de choque, que puidéramos construír traballo estable e de calidade, e o que se crearía en ASTANO sería iso: entre 3.000 e 5.000 postos de traballo estables, de calidade, e ao mesmo tempo, tamén unha carga de traballo importante para toda a industria auxiliar, que non é só de Ferrolterra”.

Quintana sinalou que o sector naval en Galicia dá traballo ás propias industrias estaleiras e tamén á industria auxiliar no ámbito comarcal, tanto en Vigo coma en Ferrol, e ademais dá traballo a toda a cadea do sector do metal que chega mesmo ata provincias do interior, coma é o caso de Ourense. Polo tanto, segundo dixo o vicepresidente da Xunta, o naval é “un sector vertebrador da economía de Galicia”. Por iso, asegurou que a volta á actividade do estaleiro de Fene “ten que converterse nunha batalla democrática de todos os galegos, non é unha batalla do BNG, entre outras cousas porque hai unha proposición non de lei aprobada por todos os grupos políticos e na medida en que todos esteamos detrás disto podémolo conseguir, é o momento para conseguilo”. Quintana lembrou que o presidente Zapatero abriu esa posibilidade a pasada semana, “dixo que agora efectivamente era o momento”, e por iso o vicepresidente da Xunta instou ao resto das forzas políticas a “tirar todos do carro, teñamos unidade”. Pola súa banda, Quintana recoñeceu que “eu estou insistindo moito en nome do BNG pero gustaríame que todos fixeran o mesmo porque na medida en que todos esteamos nese carro poderá ser posible”.

  • Proposta

    Ao respecto da iniciativa anunciada polo vicepresidente de trasladar ao Estado a petición para que se faga efectiva neste momento a volta do estaleiro de Fene á actividade de construción de buques, Quintana explicou hoxe que se desenvolve en dous ámbitos de actuación, “un é o propiamente parlamentario que xa se ten iniciado, e outro o institucional”. Nese sentido, o vicepresidente anunciou que a Consellería de Innovación vai remitir ao Estado unha proposta que vai consistir na utilización do estaleiro de Fene por un conglomerado empresarial galego que dedicaría o estaleiro á dobre función de construción e reparación de buques.

    Segundo explicou o vicepresidente, o naval é “un mercado hoxe en alza en toda Europa, os empresarios galegos do sector naval teñen carteira de pedidos importantes que mesmo lles resulta difícil atender dadas as súas infraestruturas actuais e a construción naval é un sector en expansión”. Quintana dixo que todo isto só ten un problema: “que un estaleiro só se pode facer ao lado do mar, non se pode facer nun parque empresarial, e os lugares para facer un estaleiro son contados”. Así, no caso de Galicia, o vicepresidente lembrou que “temos a gran sorte de ter 1.200 quilómetros de costa e unha estrutura de rías que nos permiten facer estaleiros en condicións óptimas, cousa que non hai noutras partes de Europa. E ademais é que nin sequera hai que construílos, é que xa os temos, e por certo, cunhas características de prestacións e maniobralidade moi interesantes e moi importantes”.

    Ademais, o vicepresidente afirmou que o estaleiro de ASTANO sufriu modificacións importantes e “é un estaleiro punteiro”, polo que rematou dicindo que “témolo todo”. Para levantar o veto que pesa sobre ASTANO en Bruxelas, o vicepresidente asegurou que se trasladará a Madrid unha proposta “que non se pode rexeitar”, porque “non vamos pedir cartos, vamos pedir que nos deixen traballar, que nos deixen utilizar esa infraestrutura”.


  • No hay comentarios: