viernes, 28 de noviembre de 2008

Zapatero comprométese a levar á UE a Navantia Fene


Na súa intervención no Pleno monográfico sobre a economía, celebrado onte á tarde na Cámara Baixa, o deputado do BNG Francisco Jorquera propúñalle ao Presidente do Executivo que “defenda na UE que o estaleiro de Navantia Fene volva construír barcos civís porque podería absorber parte do desemprego que se xera noutros sectores”.

Pola súa banda, Zapatero aseguroulle ao deputado do BNG que terá en conta o requirimento dos nacionalistas galegos e admitiu que é un momento propicio para volver pór enriba da mesa da UE ese tema. Zapatero afirmou que “tomo nota das dúas cuestións que formula e que lle afectan de maneira concreta á UE. Seguramente é un momento apropiado para lanzar unha nova ofensiva que, desde logo, imos intentar”.

Neste sentido, o portavoz nacionalista manifestou a súa satisfacción polo compromiso adquirido por Zapatero e subliñou que o BNG traballará no Congreso para que se concrete. “Congratulámonos do compromiso do Presidente do Goberno sobre Navantia Fene e anunciamos que presentaremos iniciativas parlamentares para que esta acción se concrete”.

Cotas lácteas

Outra das propostas que formulou o deputado do BNG respecto a Galiza, tiña relación co sector do leite. Jorquera solicitoulle ao Presidente do Goberno que defenda na UE un sistema de cotas lácteas xusto para Galiza.

Zapatero tamén asegurou “tomar nota deste requirimento” aínda que sinalou que a Ministra de Medio Rural está a traballar “na dirección máis apropiada para os intereses dos nosos gandeiros e dos gandeiros de Galiza”.

anosaterra.org

No hay comentarios: