domingo, 30 de noviembre de 2008

ECTOR NAVAL, PROPAGANDA E CRISE CARLOS G. PERMUY (*)

Tiven a sorte de deixar a antiga Astano no 1974, cando xa se mascaba a chegada da crise que empezando a principios do anos 80, prolóngase vergoñentamente ata hoxe.

Neste longuísimo período vimos de todo en Ferrolterra: despido de 5.000 traballadores das empresas auxiliares, progresivos recortes de plantilla na empresa principal, xubilacións anticipadas de valiosos profesionais, graves enfrontamentos cos gobernos do PSOE e PP de Madrid, enfermidades de todo tipo provocadas polas inxustas decisións traumáticas vía Madrid ou Bruxelas, feridos en enfrontamentos coas “forza da orde”, ameazas de peche do estaleiro proferidas polo, naqueles anos, Vicepresidente do Goberno o Sr. Alfonso Guerra ao encararse cos traballadores do estaleiro en Alvedro... e, sobre todo, moitas, moitas manifestacións pacíficas, e non tan pacíficas, pola tensión reinante na maioría das familias ferrolterráns.

Tamén escoitamos promesas e máis promesas de reindustralización baixo siglas tan rimbombantes como a ZUR, os FPE, ou a FVF, (fábrica de vidro via Italia) para compensar a unha comarca de 200.000 persoas.

Máis todos foron infames enganos concebidos co fin de irnos anestesiando. Mentras tanto,noutras zonas do Estado e de Europa se potenciaba o que aquí, -nos mellores e máis recoñecidos asteleiros do mundo- se nos negaba. E todo pola aritmética electoral: Ferrolterra, e o noso país renta menos aos grandes partidos que Andalucía, por exemplo; seis millóns de votos fronte a dous e medio. Unha vez máis Galicia marxinada por un reparto totalmente inxusto da carga de traballo, esta vez no sector naval.

Agora enterémonos de que o presidente Zapatero di “tomar nota” da proposta presentada polo Sr. Jonquera do BNG para que Navantia Fene-Ferrol volte á construcción de barcos civís. Que pensará o empresario vigués de Barreras neste momento.? Será tido en conta o seu plan para revitalizar a antiga Astano co apoio da Consellería de Industria?

Obras son amores, Sr. Presidente do Goberno. Esta vez xógase vostede e o seu partido moito. A crise económica golpea Ferrolterra, e tamén a comarca de Vigo e, por extensión, toda Galicia con extrema e preocupante dureza. Xa son moitos os anos de castigo para a nosa anguriada cidade departamental e a súa bisbarra que perdeu e sigue perdendo moitos habitantes. E o peor de todo e que, de momento, non se albisca un futuro laboral con credibilidade por ningures, tan só inversións moi cuestionadas que apenas crean traballo e, sobre todo, moito marketing electoral.

Estou convencido de que os traballadores do naval, os comerciantes, o movemento cidadán, as novas xeracións sen traballo… son moi conscientes de que vai chegando o momento de poñer toda a carne no asador, de poñerse serios fronte aos que nos gobernan en Ferrol, en Madrid e en Bruxelas.

Un vai percibindo en carne propia e allea, que a paciencia e a esperanza vaise acabando. Mentres, a desesperación empeza a agromar dun xeito preocupante pola situación de crise ao cadrado que soportamos.

Que temos que facer, -comentabame este outro día un preocupado pequeno comerciante do centro de Ferrol- para que os políticos, sindicalistas e empresarios dean un golpe de verdade na mesa dos que toman as decisións e esixan con contundencia a volta de Navantia á construcción de barcos de todo clase e o revivir da comarca?.E, a renglón seguido o home alporizábase dicindo: “xa está ben de tanto paseo inútil por Ferrol adiante durante 30 anos para non conquerir nada”.

Sr. Irisarri, Sr. Zapatero, Sres. políticos e sindicalistas en xeral: non nos defrauden unha vez máis. Poderíamolo pagar todos moi caro. A poboación ferrolterrán séntese moralmente autorizada para reclamarlles firmemente a vostedes a cordura, acción social e ofensiva politica necesarias para sacar a esta comarca do pozo no que a meteron á forza.

Seguimos á espera dunha iniciativa efectiva, pero con bastante desesperación e con moito máis cabreo. Entérense, por favor¡

dairiodeferrol.com

No hay comentarios: