N avantia
necesita con moita urxencia que se concrete algún dos contratos
prometidos. Pero é unha solución de urxencia, a curto prazo, que non
pode poñernos unha venda nos ollos. Se queremos que a construción naval
perviva en Ferrolterra téñense que acometer trocos estruturais. A
empresa non pode seguir a perder recursos que dilapiden en pouco tempo o
seu capital. Esta deberá ser a nosa principal demanda, unha vez
concretado o ditoso flotel para Pemex.
¿De que trocos estamos a falar?
Dos relacionados co núcleo estratéxico do negocio no ámbito dos produtos
e servizos a ofertar, e no aspecto organizativo. No ámbito de produtos
é imprescindible redefinir o papel de Navantia como empresa fabricante
de unidades para as Armadas española e estranxeiras. Con recortes
xeneralizados no gasto público España non está para gastar en unidades
de guerra, e o fracaso nos últimos concursos internacionais aos que ten
acudido poñen en evidencia que a empresa non é competitiva en prezos.
Todos os novos contratos dos que se está a falar no curto e medio prazo
son contratos civís, sector cualificado no PEN 2007-2011, como marxinal e
fóra do seu núcleo estratéxico de negocio.
Actualmente, os países asiáticos
captan máis do 75 % dos encargos en toda caste de buques de transporte.
Son imbatibles por mor da súa calidade, prezo e cumprimento de prazos de
entrega. Contan con apoio dos seus Gobernos, dispoñen de todo
financiamento que precisen a un prezo moi baixo, e en Xapón e Corea
están integrados en grandes conglomerados industriais que lles permiten
conseguir prezos moi baratos para os seus insumos.
¿Qué produtos fabricar no eido
civil en Navantia? Buques e artefactos offshore, eido no que se están a
especializar os países industrializados de Europa. Na actividade de
reparacións Navantia Ferrol Fene ten gañado unha posición de prestixio
internacional, nomeadamente diante dos grandes operadores de transporte
de gas. É a actividade que en todos e cada un dos anos pasados ten
xerado beneficios, pero para consolidala no futuro é imprescindible
acometer a construción dun novo dique, flotante ou seco, cunhas
dimensións mínimas de 400 x 90 metros.
No ámbito da organización interna
o troco debe ser total. Debe definirse un organigrama matricial, que
dea poder e esixa responsabilidades sobre os seus resultados a cada
unidade estratéxica de negocio, e a cada un dos estaleiros. Non pode
repetirse a situación dos últimos cinco anos, nos que os beneficios de
Ferrol-Fene foron comidos polas cuantiosas perdas de Cádiz e Cartagena,
sen que o equipo directivo fixera nada para endereitar a situación. Nada
disto será posible se non se dota de novos recursos propios á compañía,
situada hoxe á beira da insolvencia. E non será doado porque, aínda que
o Goberno español estea disposto a acometela, se o núcleo de negocio
futuro é maiormente civil, poderá ser denunciada como axuda ilegal por
outros estaleiros europeos.
Se este plan non fora posible
para o conxunto de Navantia, o Goberno galego, invocando a lei de
defensa do sector naval, debe recuperar para o patrimonio público galego
o estaleiro de Fene e poñelo á disposición, en réxime de aluguer, dos
operadores offshore que ofrezan un plan de explotación máis viable, e
xeneren a maior capacidade de emprego.
Ramón Yáñez es Profesor honorario da Universidade da Coruña
No hay comentarios:
Publicar un comentario