domingo, 9 de septiembre de 2012

“As medidas que se están tomando o único que fan é afondar na crise”



E-mail Imprimir PDF
Diario de Ferrol-2012-09-09-004-a5affd32
ramón YÁÑEZ BRAXE Profesor de Economía na UDC
entrevista
j. gómez
O profesor da Universidade da Coruña cre que o Goberno de  Rajoy ten que pedir máis tempo para poder pagar a débeda
Ramón Yáñez é autor dun dos libros de referencia da economía galega, “Relacións banca-industria en Galiza” (Laiovento, 2000) e firme defensor na recuperación da antiga Astano para a construción naval civil. Coñece, pois, como afectarán á economía os recortes que se están aplicando.


Como valora as medidas incluídas no real decreto lei 20/2012?
Na miña opinión é unha decisión nefasta. Eu participo da idea na que tanto insiste Paul Krugman, pero que é un principio keynesiano, de que en momentos de recesión económica, a política de recortar gasto de forma indiscriminada o único que fai realmente é cavar cada vez máis fondo no furado no que está metida a economía. É unha decisión equivocada que non vai no bo camiño porque non vai resolver ningún problema, senón que os vai agravar e vai sacar o problema de Navantia á súa comarca, ao pequeno comercio, que se verá afectado, ás tendas que contan coas vendas do Nadal e ás familias, que van perder unha parte importantísima das súas rendas. O consumo é un dos grandes motores do PIB de España. Se recortamos a capacidade de consumo da xente ata niveis de pura subsistencia, o PIB non pode crecer. Non hai que medir o valor da débeda en termos absolutos; o que importa non é o que un país, unha familia ou unha persoa debe, senón canto debe en relación ao que xera, o PIB. E  se recortamos a capacidade de gasto e a capacidade de consumo, estamos recortando o PIB. Nunha situación de crise económica, con ese paro estrutural, esas medidas o único que fan é afondar cada vez máis na crise.

Se hai practicamente unanimidade en que estas medidas van ser terribles para a economía, por que se teima nesta liña?
Teiman porque na UE estase facendo o que lle interesa ao goberno conservador alemán. Ese goberno quere conseguir unha cousa: ter garantías de que os bancos españois lle devolverán a débeda contraída. Gran parte do “boom” inmobiliario español financiouse pedindo as caixas, sobre todo, e os bancos cartos ás entidades alemás. E o que quere Alemaña é que os seus bancos non resulten danados pola crise española e entón esixen que se axusten gastos. Iso, que semella razoable desde o seu punto de vista, non ten sentido. A economía alemá é competitiva e poderosa; a española non é tan produtiva e non ten tanta capacidade de exportación. O financiamento á industria en Alemaña é moi barato, entre o 1 e o 1,5%. O custe do diñeiro en Alemaña para a industria é moi escaso. En España, hoxe, o crédito empresarial, no suposto de que llo deran, oscilará entre o 10 e o 12%. É dicir, hai unha diferenza de 10 puntos no custe do financiamento que é imposible de soportar. Hoxe ninguén pode levar ao mercado o seu produto 10 puntos máis caro que a competencia. Con isto, Alemaña consolida o seu poderío industrial baleirando o poderío industrial dos países do sur, particularmente de España, co que teñen empresas cada vez máis fortes. Ademais, Alemaña non quere que haxa industria en España, senón que se produza aquí unha devaluación interna porque queren que este sexa o seu país de vacacións, que sexamos os seus camareiros e que cobremos pouco.

Teme que o impago da extraordinaria se estenda tamén á de verán?
Como funcionario, dou por feito que non vou cobrar a extra de verán, unha medida que se tomará despois das eleccións galegas.

Os recortes quedarán aí?
Non, haberá novas medidas porque son impostas e o goberno conservador español dá por bo todo o que lle din desde Alemaña con tal de poder garantir o fluxo de débeda que o está mantendo, pero a cambio de xogar un papel secundario en Europa. Van seguir e, sinceramente, trabúcanse. Non hai ningunha evidencia na historia económica mundial de que un país cunha situación como a de España na que se aplicara unha dose de racionamento de cabalo como a que se está a aplicar saíra adiante. Eses racionamentos de cabalo en Iberoamérica impostos polo FMI leváronos ao desastre. E a nós vainos levar polo mesmo camiño. A débeda no ten valor en si mesma, senón en relación ao PIB. Que nos deixen producir, que nos deixen dixerir un “boom” inmobiliario que foi financiado en parte polos bancos alemáns. E se estes deron financiamento ás caixas buscando o beneficio a curto prazo, cando unha operación dese tipo fracasa non só afecta a quen ten a vivenda hipotecada, senón que tamén se ten que fastidiar o banco que concedeu financiamento sen moito sentido e sen estudar a operación porque querían gañar moito diñeiro en España.

Que medidas se poderían tomar para saír da crise sen aplicar estes recortes?
Os países teñen que pagar as súas débedas. España, tamén. Ten que dixerir este “boom” inmobiliario que nos fixo tanto dano, pero España, igual que Grecia e Portugal, é un país que, se se lle deixa financiar a súa industria cos xuros de Alemaña, estaría competindo con eles e gañándolles contratos. Que nos deixen producir, que nos dean tempo para pagar as débedas, que se alongue ese prazo. E, se non o aceptan, pedirlles unha quita da débeda. Pero para iso ten que haber un goberno forte fronte Alemaña, que non acepte as súas imposicións sen rechistar. Se non, o país vai caer. Cantos negocios de Ferrol van pechar tralo Nadal? Se non hai gasto público en Ferrol, a cidade cae. E non temos por que pasar por iso. Só necesitamos tempo para pagar as débedas

2 comentarios:

Arlekin dijo...

O contido desta entrevista do DF xa é outro cantar, nada que ver co encerrado no bodrio da entrevistado anterior, reproducida neste Blog.
O Profesor de Economía na UDC Ramón Yañez Brage, ademais da súa condición experta, aproveita a cualificación en materia para comunicar co lector de forma didáctica e alcanzable, facéndolle entender a través da súa acertada exposición a realidade do panorama económico do país e a súa consecuencia
A contundencia do contido fai inútil a discrepancia.
Parabén

administrador dijo...


Economía productiva,sí señor. Solo con recortes,no salímos de la crisis. Ramon Brage,como casi siempre acertado.
Un saludo.