sábado, 11 de febrero de 2012

PECHAR BAZÁN


E-mail Imprimir PDF
Semella que o PP quere pechar Bazán, porque do contrario non se entenden as mil e unha dilacións e conversas nas que non se resolve nada. Todos os venres caen cartas de despedimento e van polo milleiro de traballadores e traballadoras que saben e non poden traballar. Toda a comprensión que amosan  os cargos públicos do PP (dende o alcalde ate o presidente da Xunta) non serviu ate o de agora para acadar que neste orzamento que vai aprobar “manu militari” Rajoy vaia o dique flotante e un plan de traballo que garanta emprego e creación de riqueza social para a nosa xente. Dá que pensar e non cousa boa.  
 
 Ate gañar o PP as eleccións xerais había un xogo malévolo no cal o PSOE negaba en Madrid o que reivindicaba en Galicia, e o  PP defendía en Madrid o que non concedía na Xunta; en resumo, a peor das politiquerías: verbas baleiras de compromiso, baleiras como as gradas dos estaleiros públicos, que malia os gobernantes de turno (as desindustrializacións primeira de Felipe González e segunda de Aznar con veto a un Astano público) resisten. 
 
 A demostración de forza das mobilizacións das plantillas  e da cidadanía en xeral vai a máis e advirte que estamos no punto decisivo: ou se consigue agora o dique flotante e se elabora unha estratexia de longo alento para dotar de nova e continuada carga de traballo ou haberá un conflito social da maior dureza, acorde co valor que teñen para Ferrolterra os estaleiros públicos. Con unidade, firmeza e loita estou certa que imos gañar o futuro dunha Bazán e Astano públicas, produtivas, xeradoras de emprego e riqueza social.

No hay comentarios: