sábado, 2 de julio de 2011

Que tería sido de Galiza sen a reconversión naval?



En dous libros técnicos, o entón vicepresidente da Xunta, Carlos Mella, defendía o futuro da construción naval e demandaba maior recoñecemento ao peso da produción enerxética en Galiza por parte do Estado. Era o 1984. As súas ideas acabaron en papel mollado e el foi destituído. Comezaba a reconversión naval. Que tería sido de Galiza se se seguisen construíndo barcos?

anosaterra.org

A fins de xaneiro de 1984 o vicepresidente da Xunta, Carlos Mella, presentaba o Libro Branco do Mantemento e Desenvolvemento da Capacidade Industrial de Galiza. Viña ser a contestación á “eutanasia industrial de Galiza”, como cualificaba Mella o Libro Branco da de Reindustrialización, presentado polo goberno central o verán anterior.
A Xunta, mediante este documento, desautorizaba punto por punto a política de desmantelamento industrial galego que propoñía o PSOE co apoio de AP.
Facíao en base aos datos oficiais do propio Estado e estivo elaborado por técnicos de todo o Reino de España.
Pero o Delegado do goberno central, Domingos García Sabell, afirmaba que “a reconversión non ten nada que ver coa política”, e tanto o alcalde de Vigo, Manoel Soto, como o gobernador de Pontevedra, Virginio Fuentes,  afirmaban que os que se opoñían “eran elementos desestabilizadores e alborotadores pagados”.
Na presentación do libro, Mella afirma que “a política do goberno central é mimética e totalmente continuísta da utilizada pola administración anterior.

Para o vicepresidente económico da Xunta (AP), Galiza era unha economía en transo de reindustrialización cando xurdiu a crise. O modelo de desenvolvemento seguido non era o axeitado, “pero agora, en vez de ofrecernos un modelo de desenvolvemento que supoña a diversificación e reindustrialización da nosa economía, que reequilibre os defectos estruturais crónicos que nos confiren un carácter de dependencia do resto do país, non se nos ofrecen máis alternativas que o desmantelamento dalgúns dos nosos sectores básicos, sen que se albisque a máis mínima compensación ao esforzo que se nos pide”.

Na introdución deste libro tamén se afirma que Galiza “foi motor do desenvolvemento español, polo esforzo dos emigrantes, das riquezas, das materias primas e dos seus excedentes enerxéticos, polo que non aceptamos, nin podemos aceptar alternativas baseadas na desertización industrial de Galiza”.
Afírmase que a estrutura industrial de Galiza “está totalmente descompensada”, que se construíron “verdadeiros enclaves industriais que contribúen á dependencia económica de Galiza, que o INI “tira máis recursos dos que inviste”, que “o nivel tecnolóxico da construción naval en Galiza é superior ao da media estatal, que a “construción naval se vai reactivar polo que no 1990 só sobrarían 439 postos de traballo... Que Galiza, por decisión política, vai pagar os recortes no naval; Astano nos grandes estaleiros e Ascón nos medianos.
Sete eran as medidas que propoñía a Xunta para coutar esa política de “eutanasia industrial”:
–Declaración polo goberno central de Galiza como zona de preferente localización na construción naval.
–Medidas encamiñadas ao desenvolvemento da industria auxiliar naval dentro dos planos de urxente reindustrialización.
–Descentralización a nivel autonómico e, aínda local, da responsabilidade dos estaleiros públicos.
–Mantemento a morte da “cota de mercado” do Estado español no mercado mundial.
–Aplicación en Galiza do baremo que permite o mantemento da cota de participación en grandes estaleiros e, tamén nos medianos e pequenos.
–Fundamentación de calquera plano de desmantelamento, baseado en hipóteses apriorísticas e non xustificadas economicamente.


–Dotar as nosas empresas de fluxos financeiros áxiles, suficientes e en liña cos países competidores.
Naqueles momentos, en Galiza o paro estaba a aumentar o triplo (6,62, fronte ao 1,91) que na media do Estado e as cousas irían a peor. A comezos de 1984 en Galiza había 150.000 parados.
A finais de marzo de 1984, Carlos Mella poñía outra guinda na análise da economía galega, co libro titulado Balance Enerxético Galego, dirixido polo catedrático Rafael Marcos, da Universidade Complutense de Madrid.

Afírmase que Galiza transfire o 50% da enerxía eléctrica dispoñíbel en proveito dos consumidores do resto do Estado. Que a comunidade autónoma deixou de percibir no ano 1982 máis de 8.000 millóns de pesetas en concepto de transferencias do seu excedente de enerxía a outras zonas.
Que o canon de enerxía eléctrica non compensa nin o consumo dos recursos autóctonos nin a diferenza relativa da renda interporvincial.
Que o complexo Alúmina-Aluminio actuou como elemento perturbador na economía galega, xa que a súa produción en Galiza non reflecte unha necesidade da súa estrutura económica senón que é o resultado dunha solución política centralizada e que o seu proxecto, intensivo en capital e enerxía, non significou a industrialización de Galiza, pondo en marcha en pleno proceso de aumento de custos enerxéticos, e que, malia consumir enerxía cun custo subvencionado do 40%, opera con perdas...
O que afirmaban estes dous estudos, considerados neutrais, era, nin máis nin menos, o que viña dicindo o nacionalismo desde os tempos da Revista de Economía Galega dirixida por Xosé Manuel Beiras, e que aparecía agora nos programas políticos do BNG.
Esas análises e propostas, idénticas ás realizadas agora pola Xunta, foron as que levaron a que as outras forzas políticas alcumasen os nacionalistas como “os do non”. Acusándoos de querer frear o progreso, os antisociais, os opositores por sistema, destrutores.... E moitos alcumes máis que aínda perviven dalgún xeito no imaxinario colectivo da dereita galega.
Malia iso, ao darse a coñecer eses dous traballos, “análises imprescindíbeis para saber que política realizar”, diría Mella, aínda vicepresidente da Xunta de AP, ninguén rachou as vestimentas publicamente nin realizaron comparanzas.

Os xornais tentaron minimizar esas conclusións, realizando unha lectura acomodada o máis posíbel aos seus intereses. A sociedade, maioritariamente, seguiu pensando o mesmo que pensaba.
Pero a maquinaría xa estaba en marcha para liquidar o roxo de Carlos Mella.
Como nos dixera a deputada Nona Inés Vilariño, “cando Manuel Fraga saiba disto, a que se vai armar”.
E armouse. Aínda que sen moito ruído. Fraga mandou, Xerardo Fernández Albor calou, os da “nova dereita galega”, achantaron, Xosé Luís Barreiro executou, Mella foise... e Galiza seguiu sen unha autonomía real, executando os planos de desmantelamento que viñan de Madrid.

No hay comentarios: