sábado, 30 de abril de 2011

Ferrolterra, ¿crise ou decisións políticas?






 Fernando Branco

Son de sobra coñecidas as cifras de paro que padecemos na nosa comarca e, tamén, a perda de poboación, que en catro anos vai significar un 8% menos no electorado a respecto das anteriores eleccións.
Hai interese en presentar esta situación como algo normal, produto da crise económica, porén, esa desculpa só serve para diluír responsabilidades, cando na nosa comarca vimos padecendo decisións políticas moi concretas, que teñen pai e nai, e que agravan de xeito determinante os efectos que podería producir a crise xeralizada.

No haber do Goberno do Estado debemos enumerar o veto á construción naval civil, a falta da normativa legal que dote dunha cota as empresas de biodiésel, o decreto do carbón que pende como unha espada de Damocles sobre o noso futuro e, tamén, o reiterado incumprimento nos prazos para o saneamento da ría (algo que xa anunciaba Fraga para o ano 1995).
Por se non nos chegase co Goberno do Estado, desde a Xunta de Galiza decidiuse derrogar o concurso eólico do bipartito, que supuxo a perda directa de centos de postos de traballo en Mugardos, Fene, As Pontes e As Somozas; e na resolución do concurso de centrais de biomasa, rexeitouse unha opción na nosa comarca a pesares de acadar máis puntos que algún dos aprobados.
Iso si, ámbalas dúas administracións son moi solidarias no retraso das infraestruturas, tanto no que ten a ver co ferrocarril, corredor da costa, solo industrial, etc.
Para edulcorar estas decisións, ou máis ben para facermos trampas ao solitario, somos o paradigma de diferentes plans industriais, cos que levamos case trinta anos e, ao noso pesar, non son quen diversificarnos; pasado o tempo, seguimos sendo nós mesmos, cada vez menos, máis avellentados e con máis paro.
Tan interiorizado temos este proceso que vemos con normalidade como as forzas políticas estatais votan, sobre o mesmo tema, unha cousa aquí e outra diferente en Madrid, din que polo interese xeral, no que semella nós nunca temos sorte, seica non formamos parte del.
De feito, como aporte autóctono, alentamos a representantes políticos e sindicais que nos explican esta situación con total naturalidade; de xurdir algunha discrepancia, a resposta é de manual, os nacionalistas son egoístas e fáltalles unha visión global; por exemplo, é normal que o Goberno Central encargue cinco buques a Navantia Cádiz e ningún a Navantia Ferrol, nós xa estamos afeitos!
¿Podemos seguir pensando que a situación laboral da comarca é produto da crise, só da crise?

No hay comentarios: