Madrid, 20 Xullo 2010. O PP e o PSOE impediron esta tarde que o Pleno do Congreso aprobase a proposta de resolución do BNG que demandaba a modificación do Decreto do Carbón para defender a viabilidade futura das comarcas mineiras galegas (As Pontes e Meirama). Na mesma proposta, ía a demanda dos nacionalistas galegos para que a antiga Astano volte a construir buques civís. O resultado da votación foi: 25 votos a favor, 169 en contra e 152 abstencións.
PP e PSOE retrátanse en Madrid
A abstención do PP e os votos en contra do PSOE impediron que o Pleno do Congreso aprobase a resolución do BNG sobre o Decreto do Carbón e Navantia Fene. O grupo socialista opúxose a reformar o Decreto do Carbón para ter en conta a singularidade das comarcas mineiras galegas e o grupo popular que, nun primeiro momento, dixera si á resolución do BNG, despois cambiou a sentido do seu voto unha hora antes da votación.
O BNG demandaba a modificación dos contidos básicos do Decreto do Carbón para adaptalo ás especificidades das distintas comarcas mineiras, pedía diálogo cos distintos axentes implicados e que se teñan en conta a singularidade das comarcas mineiras galegas (As Pontes e Meirama).
No debate, Jorquera recoñeceu a necesidade de desenvolver economicamente a zonas de grande dependencia mineira como é o Bierzo, pero “tamén hai que ter en conta os intereses das comarcas mineiras galegas que realizaron grandes investimentos para se adaptar ao carbón foráneo, máis sostíbel e máis barato”. Incluso aludiu ás advertencias da Comisión Nacional da Competencia que dixo que a aplicación do Decreto ía encarecer moito os prezos.
A Xunta terá que explicar o sentido do voto do seu partido
Ao rematar as votacións, o deputado do BNG acusou ao PP e ao PSOE de “supeditar os intereses de Galiza aos doutras zonas do Estado. A nosa proposta era enormemente flexíbel e aberta co obxectivo de conciliar os diferentes intereses existentes, pero comprobamos como o PSOE e o PP antepoñen os intereses doutras zonas do Estado aos intereses de Galiza”.
Ademáis, engadiu, “a Xunta terá que explicar como un decreto ao que se opón e ao que presentou alegacións despois non ten correspondencia nas votacións no Congreso”.
Noutro dos puntos desta resolución, o BNG emprazaba ao Executivo a “establecer de imediato negociacións formais na UE solicitando a revisión dos acordos de 2004 que limitan até o 2015 a actividade produtiva do estaleiro de Fene”. O obxectivo é que a antiga Astano volte a construir buques civís.
Na súa intervención en defensa das iniciativas do BNG, Jorquera afirmou que “non basta coas boas palabras, non é suficiente con dicer que se segue a traballar, son precisas negociacións formais”.
Tampouco saiu adiante esta demanda histórica dos nacionalistas galegos pola falla de respaldo dos dous grupos maioritarios da Cámara, PP e PSOE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario