miércoles, 30 de junio de 2010

Rumbo 21: unha idea eficaz

diariodeferrol.com
A constatación de que o Goberno español, o PSOE e os sindicatos CCOO e UGT borraran xa das súas axendas a reactivación da antiga Astano e, por outra parte, a comprobación de que  o pulso político do BNG desde a Consellería de Industria e no ámbito parlamentar carecía da necesaria palanca social, conscientes desas dúas realidades, un grupo de persoas de moi plural ideoloxía comprometémonos aló polo outono de 2008 a pór en marcha unha Iniciativa Lexislativa Popular que tiña como principal obxectivo demostrar que hai unha sociedade comarcal que si demanda a reactivación do estaleiro de Fene e o regreso á industria naval civil na ría de Ferrol.
Aínda coñecendo a posición  e o papel que xogaron historicamente no tema de Astano cada un dos partidos políticos e cada un dos sindicatos, os impulsores da ILP fixemos reiterados chamamentos aos partidos políticos, aos sindicatos e ás organizacións empresariais para que se implicaran no traballo da ILP. Foi un proceso absolutamente participativo e aberto desde o seu comezo. Os que non se integraron na Comisión Promotora da ILP foi simplemente porque non tiveron a menor vontade de integrarse e de apoiar a iniciativa. E incluso as portas de Rumbo21 estiveron abertas a todo o mundo ao longo de todo o percorrido da iniciativa. En calquera momento quen quixo puido sumarse ao traballo. Desde logo a Comisión Promotora continuou buscando esa implicación até o día  no que a ILP se transformou en lei. Houbo reunións cos alcaldes e portavoces de case todos os concellos da comarca, cos tres grupos parlamentares da Cámara galega e cos representantes políticos no Congreso dos Deputados, e trasladamos tamén a proposta aos empresarios, aos sindicatos, á Universidade e ao conxunto do tecido asociativo da comarca. Ninguén pode dicir que non foi convidado a apoiar activamente a ILP. Quen non estivo neste traballo foi porque non quixo.
Seguramente algúns pensaron que Rumbo21 sería unha flor de dous días e que a ILP morrería polo camiño por falta de apoio social. Mais non foi así. Sen o apoio operativo do PP e do PSOE e mesmo tendo publicamente en contra da idea a CCOO e aos portavoces da Asociación Impulsora do Plan Ferrol, Rumbo21 fixo o seu traballo: elaborou o texto da ILP, recolleu 18.600 sinaturas, cumpreu todos os trámites legais e parlamentarios, convocou unha manifestación en Ferrol con notábel éxito de asistencia e logrou que a iniciativa fora finalmente aprobada por unanimidade no Parlamento galego. Todo iso foi posíbel, en primeiro lugar, pola forza da idea que defendemos, e en segundo lugar, pola credibilidade social de Rumbo21. A sociedade entendeu a nosa mensaxe e apoiou sen reservas o que demandaba Rumbo21.

Conseguimos demostrar que a sociedade da comarca quere que a antiga Astano volva  a ser un motor da nosa economía, conseguimos que a Xunta de Galiza e o Goberno central saiban que aquí teñen un problema sen resolver e ao que non se lle pode dar carpetazo, conseguimos un marco legal que impide calquera tipo de uso das instalacións de Astano que non estexa asociado á actividade industrial naval civil e seguiremos a traballar para reabrir á construción civil o estaleiro de Fene antes do 2015. A presidencia de España da Unión Europea era unha oportunidade para traballar por ese obxectivo. Pero a Unión Europea segue aí e pódese solicitar a renegociación en calquera momento. Só precisamos que o Goberno español o solicite. Só precisamos que o PP e a Xunta de Galiza pase do discurso electoral ao apoio real a Astano. Rumbo21 vai seguir traballando sen descanso para obrigar aos gobernos a reactivar Astano, porque xuridicamente é posíbel e porque o precisa esta comarca se de verdade queremos ter traballo e saír desta profunda crise que afecta  só en Ferrolterra, Eume e Ortegal a case 20.000 persoas.
(*) Manuel López Foxo é membro de Rumbo 21

No hay comentarios: