viernes, 9 de enero de 2009

Fernando Branco Parga sobre a necesaria recuperación de Astano


Santiago de Compostela, 9 Xaneiro 09.-Velaquí vos ofrecemos un artigo de opinión de Fernando Branco Parga que xa víu a luz no xornal "La Voz de Galicia" sobre as posibilidades reais de recuperar a construción naval-civil en Astano.

RECUPERAR ASTANO

Logo do encontro, auspiciado polo BNG, entre unha delegación galega representativa do sector naval e responsábeis europeos da competencia, fica claro que na UE non se coñece especificamente a situación da antiga Astano.

Para eles, a negociación que supuxo o veto á construción naval civil foi un proceso global que afectaba a tódolos estaleiros públicos estatais, nos que entre a UE e o Estado Español se pactaron determinadas condicións e limitacións que, de darse outra negociación diferente, poderían ter sido outros os resultados.

Mesmo do total das axudas públicas que, segundo a UE, recibíu o sector naval público estatal, nunca se concretaron as recibidas por Astano, se é que recibiu algunha. Cuestión que tampouco clarexou nunca o Goberno Central, a pesares de existir unha iniciativa concreta neste senso aprobada por unanimidade no Parlamento Galego.

No encontro en Bruxelas, tampouco houbo contestación ante a posibilidade de que -ao ser a maior parte dos terreos de Astano unha concesión pública marítimo-terrestre- que esta concesión fose revogada por non darlle o uso que motiva a concesión, é dicir, a construción e reparación naval.

Mais o importante é, que se admitíu, a pesares das dificultades e con tódalas cautelas sobre o resultado final, a posibilidade de que, se o Goberno Central o solicita, poderíase reabrir o expediente que supón o veto sobre Astano.

É unha posibilidade, de momento só iso, pero en calquera caso é moito mellor que contemplar sen futuro a situación actual de inactividade e de achatarramento, namentres a Comarca de Ferrolterra perde poboación (a única urbana do noso País onde pasa isto). E Galiza, nun momento de forte crise e incremento do paro, non ten en produción unha instalación industrial como Astano, nun dos sectores, o naval, que precisa destas instalacións para ser máis competitivo e dar traballo nas actuais dificultades económicas.

Foi o Goberno Central quen negociou no seu día o acordo que supuxo o veto sobre Astano. O Goberno Central debe iniciar as negociacións que modifiquen a situación actual pero, nesta ocasión debe facelo acompañado da Xunta de Galiza, ben seguro que non lle vai faltar o apoio e a complicidade do Goberno Galego.

No hay comentarios: