martes, 23 de diciembre de 2008

AIPF, OUTROS CATRO ANOS PERDIDOS


MANEL GRANDAL, EMILIO CAGIAO E XOSÉ L. RIVERA

No ano 2004, o PSOE, na mesma liña que os governos anteriores, acomete o que polo de agora é o último desmantelamento dos asteleiros públicos na comarca de Ferrolterra e que supuxo a perda de preto de 1500 postos de traballo directos, e un número posiblemente moi superior de postos indirectos. Isto provocou o que tamén foi, ata este intre, a última grande mobilización na comarca: máis de 3.000 persoas en defensa do sector naval pola supresión do veto á antiga Astano, convocadas pola Plataforma Galega do Sector Naval, da que formaban parte a CIG e o BNG, entre outras organizacións. Pero a capacidade de transformismo dos dous grandes partidos estatais chega a cotas tan escandalosas que nin o noso Mago Antón sería quen de melloralo. Os mesmos que toman as decisións para sacrificar unha e outra vez a esta comarca, eríxense case de xeito simultáneo nos teóricos valedores para salvar os mobles da casa á que eles lle prenderon lume. Creatividade non lles falta nin sequera para inventar nomes e siglas: a Z.I.D, a Z.U.R, a S.I.V.,…e unha lista interminable de maiúsculas inútiles para unha comarca que o único que está entonando desde hai tempo é o S.O.S, se non queremos que lle poñan o definitivo D.E.P.

O invento nesta ocasión xestouse a partir dunhas xornadas que conclúen na chamada Iniciativa 24, impulsada por asociacións empresariais da nosa comarca. E pouco custou poñerlle nome á nova criatura, a A.I.P.F. (Asociación Impulsora do Plan Ferrol, anteriormente chamada Plan Ferrol). Non, se por plans non temos queixa, témolos a moreas. O malo é que sempre nos fallan e quedamos “compostos e sen moza”. E iso que desta había uns bos padriños, pois contaba co respaldo do Governo do Estado e do Sr. Touriño, Presidente da Xunta de Galicia. Foi este quen se encargou de presentar un plan de dinamización para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal do ano 2005 ao 2011, no que non aparece concretado ningún proxecto nin financiamento, limitándose a recoller parte das ideas da Iniciativa 24 (referirase este número ás horas que lles levou elaboralo?). Iso si, comprométense a crear 4.500 postos de traballo durante ese tempo.

Pasaron xa catro anos e as conclusións que se poden sacar son ben pobres (agás para algúns, que sacaron boa tallada). Un total de inversións por valor de 313.046.264 €, axudas a fondo perdido de 9.316.477 €, e créditos concedidos a devolver por valor de 112.297.287 €. E todo isto para crear 774 postos de traballo!, e iso contando que se cumpra a previsión para este ano de 282 postos, se non a cantidade será menor. Parece que con esa media non vai ser fácil acadar o obxectivo e, ademais esa cifra vén sendo a metade dos postos de traballo destruídos, 1.500, sendo eventuais e máis precarios.

A onde foron pois a parar estes cartos? Pois a resposta a esta pregunta é aínda máis escandalosa. A totalidade dos 9.316.577 € a fondo perdido foron parar aos concellos, á Autoridade Portuaria, que non crearon ningún posto de traballo e a propia A.I.P.F., con axudas de 375.000 € ao ano. Ver para crer, os que deben canalizar e supervisar os proxectos e subvencións fano para eles mesmos, participan no reparto que xestionan. E non hai máis que ver a prensa destas datas para comprobar os froitos dalgunhas axudas que recibiron outras empresas, como o caso de Eshor, que pretende botar á rúa a 150 traballadores/as.

Debe ser que os galegos caemos pouco simpáticos (o noso humor é de retranca e non se entende), ou que desconfían de nós porque seguen sen enteirarse se subimos ou baixamos. O caso é que para outras zonas do estado as actuacións son ben distintas. Podemos poñer un exemplo moi acaído co que aconteceu en Ferrolterra.

No ano 2007, catro meses despois do peche da empresa Delphi, que supuxo unha perda de 1.800 postos de traballo directos na Bahía de Cádiz, o governo andaluz pón en marcha un plan de reindustrialización para a zona. A inversión pública, aportada tanto polo governo andaluz como polo governo do estado, será de 1.590 millóns de euros, e a privada, aportada por oito empresas de distintos sectores, ascende a 533 millóns de euros. A metade destas empresas están participadas polas caixas andaluzas ou teñen capital público, como é o caso de Gadir Solar, Gadir Biodiesel, Sadiel e Sacesa, na que entran como accionistas a empresa catalana Filosa e a vasca Algor, para levar adiante un proxecto industrial de fabricación de componentes para a compañía Airbus. Tamén hai outras firmas relacionadas coas enerxías renovables como Energy, Génesis Solar e Terrasum. Con este plan preténdese crear 2.080 postos de traballo a curto prazo e outros 3.800 máis a medio prazo, cun período de vixencia de seis anos (2007 ao 2013).

Pódese comprobar a diferencia de criterios para resolver problemáticas semellantes. Nun caso apórtanse intencións, compromiso, solucións e recursos. Noutro literatura barata, promesas incumpridas escaseza de recursos e métodos caciquís para a xestión das escasas axudas que se aportan.

Pero se de algo estamos sobrados por estas latitudes é de boa literatura. Ao pobo galego en xeral, e neste caso á nosa comarca, non nos fai falla que nos veñan con máis contos. Só necesitamos que nos deixen facer aquelo que sabemos facer, como xa demostramos durante moitos anos. Deixen de vetarnos para a construcción naval civil (como tamén nos fan co leite, coa pesca, cos nosos recursos energéticos,…), que para buscar contos temos tamén neste país un amplo abano de autores/as e intérpretes que están máis capacitados/as para cubrir tantas horas de ocio ás que están a condenar a tanta xente.

E, por favor, teñan moito tento de non insultar máis á intelixencia da xente de Ferrolterra, e non se burlen máis de nós con tardías, absurdas e impresentables convocatorias de manifestacións e mobilizacións que chaman “en positivo”, co único propósito de xustificar a estas alturas a inutilidade, incumprimento e mala xestión dun plan que, como supoño que lles quedaría claro na resposta da cidadanía, está máis que morto.

Temos que trocar o ritmo das cousas. Xa pasou o tempo do vals e de dar voltas e voltas. Ese ritmo está moi ben para as festas e os actos protocolarios. Agora non estamos para cerimonias. Temos que espertar deste letargo no que nos teñen asulagados. Toca moverse. Cada quen que escolla o que lle guste: o rock brabú, a muiñeira ou o reguetón. Dá igual, pero que ninguén se quede quieto. Cómpre que as persoas que teñen máis responsabilidade de carácter social e as organizacións que sempre foron punto de referencia para a cidadanía desta comarca á hora de darlle contestación ás sucesivas decisións tomadas en contra desta zona, asuman de novo o papel que lles corresponde, espertando á sociedade desta parálise na que se atopa, limitándonos a escoitar e agardar por algo que, polo que agora se volta a comprobar coas palabras de Zapatero nos medios de comunicación, só asoma pola porta cando se aveciña algún proceso electoral.

Demandamos compromisos políticos e solucións claras, e emplazamos a todos os homes e mulleres da comarca de Ferrolterra a revelerse dunha vez por todas contra este tipo de actuacións.

diariodeferrol.com

No hay comentarios: