martes, 25 de noviembre de 2008

A MANIFESTACIÓN DO 23: UNHA OPORTUNIDADE PERDIDA


Polo ferrocarril a Caneliñas e o regreso de Astano á construción naval civil. Velaí o lema que podía ter e non tivo a cabeceira da manifestación do pasado domingo. Velaí un lema para unha comarca concreta e para un contexto de crise económica: infraestruturas e traballo. Velaí un lema claro e doado de asumir polo conxunto da sociedade, pola xente que demanda outro futuro para Ferrolterra, un futuro que pasa nececesariamente por crear emprego aproveitando ao máximo as nosas potencialidades industriais, a nosa situación estratéxica no mapa e o auxe do mercado mundial que existe neste momento no sector naval convencional, un futuro que pasa -dígamolo dunha vez-, polo regreso da antiga Astano á construción de buques.

Para respaldar ese lema ou outro semellante, o único que se precisa é coraxe política, a coraxe de trasladarlle ao Goberno Central que somos unha sociedade viva, que imos continuar a batalla por reabrir o asteleiro de Fene á industria naval civil e que demandamos que Madrid tome a decisión política de renegociar coa Unión Europea a recuperación das instalacións de Astano para o que realmente foron feitas: para construir barcos. A nosa comarca precisa dese asteleiro para crear emprego, para darlle traballo a miles de persoas e vida a toda Ferrolterra. E sabemos, ademais, que iso é xurídicamente posíbel agora mesmo, que só depende da vontade e da decisión política do Goberno Central. A Asociación Impulsora do Plan Ferrol e o resto dos convocantes da manifestación do día 23 optaron, sen embargo, por situar nas pancartas o ferrocarril a Caneliñas como lema central e único da mobilización, reducindo a un simple punto reivindicativo nunha folla de papel a cuestión do naval, e iso a última hora, despois de recoñecer que o tema do levantamento das limitacións a Astano non o tiñan contemplado nin no Plan Ferrol nin na folla de ruta. Naturalmente, tan lexítimo é respaldar esa convocatoria de manifestación como non asistir polas razóns expostas.

¿Que problema había para introducir a situación do sector naval na Ría de Ferrol como un dos eixos centrais da manifestación? Quero lembrar aquí que na manifestación conxunta que fixemos na cidade de Ferrol no 2004 baixo o lema Polo futuro da comarca: naval e infraestruturas, de quince puntos reivindicativos, os catro primeiros puntos eran sobre o sector naval, e un deles pedía expresamente que se levantara o veto. Agora polo visto foi imposíbel que o naval fora un comun denominador para todas as organizacións. Pois se o naval para algúns é un problema que queima en vez de ser unha oportunidade e un poderoso motor para a nosa economía, o BNG, con todas as consecuencias, prefire que a sociedade saiba quen está a prol de situar Astano nun primeiro plano da axenda reivindicativa da comarca e quen está por enterrar definitivamente a batalla pola industria que máis emprego e riqueza lle pode dar ao conxunto de Ferrolterra.

Todo o que signifique clarificación de posicións e de propostas políticas perante os problemas hai que saudalo positivamente. O contrario só serve para alimentar o engano e a farsa. ¿Alguén pode pensar que é un exercicio de honestidade política manifestarse en Ferrol polo acceso ferroviario ao Porto Exterior e non facer nada en Madrid nin un ano nin outro para introducir un só euro nos Orzamentos que se presentan nas Cortes? ¿Alguén pensa que despois de votar no Congreso dos Deputados en contra dunha iniciativa que demandaba a xestión política do Goberno Central perante a Unión Europea para reabrir Astano á produción de barcos pode manifestarse despois polas rúas de Ferrol polo levantamento do veto a Astano? ¿Alguén pensa que o partido político que ten todas as responsabilidades no acceso a Caneliñas, no AVE, no corredor da Costa ou na desfeita do noso sector naval pode ser ao mesmo tempo responsábel dos incumprimentos e organización manifestante contra eses mesmos incumprimentos? ¿Non é demasiado teatro todo iso? ¿Pode haber maior engano á sociedade que manifestarse en Ferrol polo que non se defende en Madrid? ¿Cómo vai secundar masivamente a sociedade un chamamento que parte das mesmas persoas que á vez son responsábeis políticos de canto se pretende denunciar? Supoño que estas interrogantes explican en parte o escaso éxito da resposta social que tivo a convocatoria. Ademais de ter a prensa a favor día tras día, de colocar grandes pancartas nas pontes e nas rotondas, de espallar follas en todos os buzóns da comarca e de enviar mensaxes por móbil, é moi importante a credibilidade e a forza do discurso, é moi necesario que se poida crer no que se nos di, é imprescindíbel que o que se transmite chegue ao corazón da xente.

O BNG está sempre disposto a sumarse aos demais para defender os intereses da comarca e do país, nos parlamentos e na rúa, na oposición e no goberno, en Santiago e en Madrid. E se o pasado domingo houbera un lema central relativo ao regreso da antiga Astano á construción naval civil, con todo o que iso significa para a creación de postos de traballo na nosa comarca, o BNG non dubidaría un minuto en estar nesa mobilización. E así llo expresamos hai máis dun mes aos convocantes da manifestación.

Estamos na sociedade e sabemos que nada lle preocupa máis á xente que o problema do paro, que a economía de cada casa, que a falta de futuro para a xente moza. Si, o do ferrocarril a Caneliñas é unha reivindicación xusta e necesaria (por iso o BNG introduciu nos Orzamentos do Estado un millón de euros para o exercicio 2009, algo que non fixo o PSOE nos orzamentos que presentou no Parlamento no 2007, no 2008 e no 2009), pero ademais do ferrocarril a Caneliñas e das infraestruturas pendentes, nesta comarca hai unha cuestión fundamental para a nosa economía, para a creación de emprego, para a recuperación social de toda Ferrolterra, e esa cuestión chámase Astano. E Astano non é só pretérito, Astano pode ser de novo o noso futuro se todos nos unimos na súa defensa e lle mandamos unha mensaxe clara e contundente ao Goberno Central. E iso xa se puido facer na manifestación do pasado domingo, optando por un chamamento á sociedade centrado na recuperación do asteleiro de Fene para a industria naval civil. A mobilización do 23 foi unha oportunidade perdida e foi máis unha suma de siglas, de cargos institucionais e de líderes sociais que unha proposta real para mobilizar a sociedade comarcal polo seu futuro. Pero o BNG seguirá traballando para que chegue pronto o día no que a comarca se mobilice de verdade para demandar do Goberno Central unha solución de futuro para Astano, que pasa, claro está, polo levantamento do veto, polo regreso á construción naval civil, pola creación de emprego asociada ao sector naval. Niso continuamos a traballar, e nesa batalla esperamos coincidir con todas as persoas e todas as organizacións políticas, sindicais, empresariais e sociais que esteñan dispostas a sumarse a esta demanda social, que non é unha película do BNG, senón unha necesidade obxectiva da nosa comarca. Que Astano volva a dar traballo, esa ten que ser a idea que nun futuro próximo nos mobilice a todos e a todas.

(*) MANUEL LÓPEZ FOXO É RESPONSÁBEL PORTAVOZ COMARCAL DO BNG

http://www.diariodeferrol.com/


No hay comentarios: