O problema non está na presentación dunha emenda para financiar o proxecto construtivo. O problema real está en que o Goberno Central non quere asumir a execución do proxecto con cargo ao Ministerio de Fomento. E o problema tamén está en que este debate sobre a conexión ferroviaria con Caneliñas acabe eclipsando outras infraestruturas e outras necesidades, como é a modernización do trazado entre Ferrol e A Coruña –que tampouco é unha prioridade para o Goberno Central- ou a recuperación de Astano para a industria naval civil, tan vital para a creación de postos de traballo e para a economía de Ferrolterra e do país.
O PSOE no seu conxunto, e Xavier Carro en particular, teñen que asumir a súa responsabilidade en que a día de hoxe non teñamos avanzado absolutamente nada no proxecto de acceso ferroviario a Caneliñas. E, por suposto, desde a comarca non podemos contribuir a enganar á xente. Si, manifestémonos, pero non a prol dunha simple emenda aos Orzamentos do Estado. Manifestémonos para que Astano volva a construir buques e sexa de novo un motor da economía da comarca, para que Ferrol teña conexión de Alta Velocidade co resto do Estado e con Portugal e para que o Goberno Central asuma dunha vez a execución do acceso ferroviario ao Porto Exterior, é dicir, a elaboración do proxecto construtivo e a realización da obra.
E unha derradeira reflexión: é certamente unha mágoa que cando o conselleiro de Industria Fernando Blanco lle botou un pulso ao Goberno Central para reabrir Astano non houbera na comarca a máis mínima preocupación por mobilizar á sociedade. Estamos convencidos de que se nese momento hai un arroupe social e mediático ao traballo político da Consellería de Industria, hoxe o asteleiro de Fene xa estaría construindo barcos, co que iso significaría para a creación de postos de traballo e para a revitalización de Ferrolterra. Pero ocasión teremos, seguramente pronto, de emendar o que non se fixo naquel momento. A ver se esta vez estamos todos á altura do que a sociedade demanda de nós. O que a xente quere é que haxa traballo, que o asteleiro de Fene volva a ter vida, que se aproveite esa infraestrutura para o que foi feita: para facer buques e crear emprego. Por certo, o actual senador Xavier Carro, que daquela exercía de deputado en Madrid, foi o encargado de defender o voto en contra dunha iniciativa que solicitaba a reapertura de Astano para a construción naval civil.
O conselleiro Fernando Blanco quería ir negociar á Unión Europea co acordo unánime da cámara galega e con todo o apoio do Congreso dos Deputados, pero iso non foi posíbel, entre outras razóns, porque Xavier Carro votou en contra e mesmo interviu no Parlamento en nome do PSOE para frear o apoio unánime das Cortes á construción de barcos no asteleiro de Fene e deste xeito dinamitar o traballo do conselleiro de Industria. Así exercen certos políticos a súa defensa da nosa comarca.
Manuel López Foxo / Responsábel Portavoz Comarcal do BNG
No hay comentarios:
Publicar un comentario