Hai algo que non todo o mundo sabe: durante toda a primeira parte da lexislatura galega que agora está a punto de rematar, a Consellería de Industria da Xunta de Galiza dedicou moito tempo e fixo múltiples xestións para materializar unha proposta de futuro para o antigo asteleiro de Astano, o que é o mesmo que dicir para recuperar un dos motores da economía da comarca de Ferrolterra. Tanto o conselleiro de Industria como a actual Directora Xeral de Promoción Industrial, Helena Veiguela, traballaron arreo durante meses para reabrir Astano á fabricación de buques, implicando nesta iniciativa política á SEPI, ás tres forzas políticas da cámara galega, aos sindicatos, aos empresarios do sector naval, ás dúas caixas de aforro e a diferentes cargos políticos do Goberno Central e da Unión Europea. E se todo isto se fixo é porque por primeira vez na historia política de Galiza hai un conselleiro de Industria que non se queda cos brazos cruzados diante da destrución e da lenta agonía dunha das industrias que máis vida lle dou a Ferrol e á súa comarca.
Naturalmente, cando se dan eses pasos e se pón a unha parte importante da Consellería de Industria a traballar diariamente nun proxecto para recuperar Astano é fundamentalmente por tres razóns:
porque se está plenamente convencido de que o sector naval é un sector vivo e con futuro, porque non se entende a comarca de Ferrolterra sen a industria naval civil e, ademais, porque se sabe que as posibilidades legais de recuperar o asteleiro de Fene son todas se de verdade hai vontade política do Goberno Central para renegociar os acordos do 2004 coa Unión Europea
Ah!, pero ao conselleiro Fernando Blanco faltoulle a palanca social e mesmo un apoio claro e decidido das organizacións sindicais, e sen iso o seu pulso político con Madrid quedou tremendamente debilitado.
No PSOE e no Goberno Central son da idea de que desde dentro dos asteleiros non se vai dar unha batalla polo regreso de Astano á construción de barcos, e parten tamén da premisa de que a sociedade da comarca, despois de tantos anos e de sucesivas “reconversións”, fica instalada na derrota, de que Astano morreu e non hai nada que facer. Nese convencimento, xunto coas ataduras dos sindicatos estatais a cantos acordos se asinaron para destruir o sector naval na nosa ría, faríase moi difícil o éxito de calquera iniciativa que se impulse desde o Goberno galego.
Por iso, para superar estes prexuízos, cómpre dar os seguintes pasos:
O primeiro e máis importante, crear no conxunto da sociedade comarcal un estado de opinión favorábel á recuperación de Astano. Hai que chegar á xente, aos que traballan na industria auxiliar, aos que están no paro sen perspectivas laborais, aos que se dedican á hostelería ou ao comercio, aos que traballan lonxe das súas familias, aos que están preocupados polo traballo e polo futuro dos seus fillos… Toda esta xente ten que saber que o sector naval é un sector vivo e cun enorme potencial neste momento, que podería crear milleiros de postos de traballo e que non podemos ter aí en Fene un asteleiro cunhas extraordinarias instalacións para ser un mero taller auxiliar de Navantia-Ferrol, cunha plantilla de pouco máis de 300 traballadores.
E nada como unha Iniciativa Lexislativa Popular para mover á sociedade, para implicar unha a unha a todas as persoas, para que sexa a propia sociedade a que demande traballo e futuro para a nosa comarca. Se logramos un cambio na opinión social que hoxe existe sobre Astano, o demais vaise mover por efecto dominó. Se se move o pensamento da xente e se mobiliza a sociedade, podemos estar convencidos de que o PSOE e o Goberno do Estado van ter que cambiar a súa posición política sobre o sector naval civil na Ría de Ferrol. E non podemos perder máis tempo. Cada ano que pasa é un ano perdido para a economía da comarca e do país, para a economía dos milleiros de familias que hoxe están a sofrir nas súas casas o paro, o traballo precario e a desesperación.
Un xornalista dicía hai pouco que Astano era un asteleiro sen un estado de seu que o defendera. Está ben demostrado que desde comezos dos anos oitenta non houbo unha soa decisión política do Goberno español encamiñada a manter a actividade e o potencial industrial no asteleiro de Fene. Todo o contrario. Algúns temos a certeza de que a primeira “reconversión” no naval da nosa Ría salvou outros asteleiros e outros sectores económicos doutras partes do Estado e de que co veto do 2004 á fabricación de buques en Astano pagouse a multa de todo o sector naval do Estado. E non é xusto que Ferrolterra, que atravesa unha longa crise económica e social desde a década dos oitenta, teña que ser unha vez máis a moeda de cambio para que haxa traballo nos asteleiros do Sur.
Temos afortunadamente para o país unha Consellería de Industria disposta a seguir dando a batalla para reabrir Astano á produción industrial civil, mesmo asumindo competencias que se contemplan no actual marco do Estatuto de Autonomía e que nunca o Goberno galego exerceu, como é a participación directa na xestión das empresas públicas estatais. Se a Madrid non lle interesa Astano, a nós sí, porque é o noso futuro, porque precisamos da industria naval, e máis aínda neste contexto de profunda crise económica.
Mais agora sabemos que esta batalla non se pode dar só nos despachos e nos parlamentos. É precisa a implicación activa de toda a sociedade comarcal. Para iso nace a Iniciativa Lexislativa Popular, para ser a palanca social que o Goberno galego precisa para gañarlle o pulso a un Goberno Central que quere pechar o antigo asteleiro de Fene a calquer posibilidade de construción naval convencional. Na defensa de Astano vaille a vida a Ferrol e á súa comarca. Vainos a vida a todos e a todas. E, por certo, aos que non se fartan de predicar a diversificación industrial como alternativa ao naval, hai que dicirlles que non hai sector de maior diversificación industrial que o propio sector naval. Un barco non é só o casco, é tecnoloxía, son bens de equipo e, en definitiva, son profesionais con grande experiencia e recoñecido prestixio. Renunaciar a iso é, simplemente, renunciar ao futuro.
(*) MANUEL LÓPEZ FOXO É RESPONSÁBEL PORTAVOZ COMARCAL DO BNG
http://www.diariodeferrol.com/
No hay comentarios:
Publicar un comentario