Proposición non de lei do G. P. do Bloque Nacionalista Galego, por iniciativa de D. Carlos Fernando Blanco Parga, sobre a cuantificación das axudas recibidas polo estaleiro de Navantia-Fene consideradas ilegais pola Unión Europea e a apertura dunha negociación para a volta do estaleiro á construción naval civil
A esta proposición non de lei se lle presentou unha emenda por parte do Grupo Parlamentario Popular, que é o documento 29879. (O Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu portavoz e por iniciativa do deputado Ángel Bernardo Tahoces, ao abeiro do disposto no artigo 161.2 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte emenda á Proposición non de lei en Pleno do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, 07/PNP- 0497(29170), sobre a cuantificación das axudas recibidas polo estaleiro de Navantia-Fene consideradas ilegais pola Unión Europea e a apertura dunha negociación para a volta do estaleiro á construción naval civil.
EMENDA DE SUBSTITUCIÓN: “O Parlamento de Galicia insta ao Goberno Galego a facer as seguintes solicitudes ante o Goberno do Estado:
1º.- A apertura dunha negociación coa Unión Europea tendo presente, o principio de proporcionalidade e da non percepción de axudas públicas, que estea baseada na consecución indistinta de calquera dos seguintes obxectivos:
a. Que quede sen efecto, dun xeito inmediato, a prohibición de construír buques civís no estaleiro de Navantia en Fene.
b. Que no caso de que a titularidade pública do estaleiro impedise o retorno á construción naval civil, se autorice a segregación das instalacións sen uso do estaleiro co fin de poñelas a disposición da iniciativa privada no eido da construción naval civil.
2º .- Que o Plan Estratéxico de Navantia 2007-2011, garanta a actividade civil nas áreas de turbinas e reparacións do estaleiro de Fene, así como a construción naval civil para os estaleiros da ría de Ferrol, e nomeadamente para o devandito estaleiro.”)
O señor BLANCO PARGA: Gracias de novo, señora presidenta. Señoras deputadas, señores deputados, intentarei ser breve. A finais do mes pasado en Vigo celebrouse a feira Navalia, que tiña máis de 300 firmas representadas. Nesta feira, como dato importante, o sector naval da comarca de Vigo demandou con urxencia a contratación ou a formación de máis de 1.500 traballadores e traballadoras. Esta feira dáse nun momento especialmente importante para o sector naval, e un dado de referencia importante é que hoxe Galiza, fundamentalmente en Vigo, como logo veremos, ten unha carteira de pedidos que supera conxuntamente a Francia, a Finlandia e a Dinamarca; esa é a realidad dos pedidos hoxe en Galiza.
O ano 2007 xa rematado, xa analizado, foi o ano de maior contratación do sector naval mundial. Houbo unha contratación de máis de 80 millóns de toneladas brutas compensadas, o que significa, para avaliar a importancia desta contratación, un incremento a respecto do ano 2006 do 43%, no que a contratación só chegara a 56,5 millóns de TBC. Para darnos unha idea de como está o tema dos pedidos no mundo, dende o ano 63 esta é a curva de pedidos da construción naval do mundo. Este dado, por si só, non aportaría moita información, porque unha cousa é os pedidos e outra cousa é a capacidade de construción, ata donde a oferta pode atender a demanda de pedidos. Se nos vamos a eses datos, que realmente son realmente os importantes, porque hai unha limitación de infraestruturas no mundo para construír barcos, efectivamente estamos nunha demanda que está disparada a respecto de anos anteriores, vamos a ver cal é a capacidade que hai de construción naval no mundo para atender esta demanda.
Se nos vamos a dados do ano 2007, xa pechados, veremos que o ratio de entregas sobre pedidos xa confirmados agora mesmo é de 5,5 no mundo. Quere decir que agora, aínda que non houbera ningún pedido e as infraestruturas foran exactamente as mesmas, e os estaleiros non tiveran incremento de carga e de capacidad, durante cinco anos e medio terían carga de traballo. Efectivamente, este dato non é homoxéneo en todo o mundo, porque se nos vamos a China, á República Popular China, o ratio de pedidos e posibilidade de entrega no ano 2007 é 9,9 moi superior á media mundial de 5,5. E se nos vamos ao noso entorno, a Cepsa, que é a Asociación de construtores navais europeos, onde se enmarca o Estado español, ese ratio é de 3,6.
Ese ratio é co ano 2007 pechado, pero se nos vamos a este trimestre de 2008, efectivamente non se están incrementando tanto os pedidos, o ano 2007 foi histórico, pero sigue habendo unha posibilidade aínda, un funil grande, para atender a demanda. Agora mesmo, co primeiro trimestre do 2008 pechado, Cepsa, onde estaría o Estado español, ten máis pedidos, ten un 3,7 sobre as posibilidades de entrega, a Europa dos 25 ten un 3,8, China sigue incrementando a un 10,6. Estes pedidos céntranse en determinados tipos de buques, bulkarriers o 42% e portacontenedores o 11 e pico por cento, petroleiros o 10%, e logo hai outros buques de non-carga que levan ata un 7%.
No caso concreto do escenario europeo, que é o que nos interesa, porque faise unha tipoloxía de buques de moito máis valor engadido que os graneleiros clásicos que se poidan facer na China, no caso de Europa, tanto Alemania como o Estado español son os protagonistas deste tirón da construción naval civil; no caso de Alemaña, cun 40%, e no caso do Estado español, cun 17%. E os buques que habitualmente teñen máis demanda en Europa son os buques ro-ro, os buques de pasaxe, os ferrys e algúns determinados buques de carga. Vemos pois que, curiosamente, estando nun momento decrise económica clara, estamos a falar dun sector que tenunha importante carga de traballo.
Está constatado que agora mesmo a carga de traballo é histórica na construción naval civil, pero ¿cal é a situación paradóxica de Galiza? Temos un sector naval en Vigo con problemas para a ampliación, con problemas para construír determinado tipo de buques polas limitacións físicas, porque os asteleiros son practicamente urbanos, están na trama urbana de Vigo, Vigo medrou en torno a estes asteleiros, e pola contra, só a 200 quilómetros, temos na comarca da ría de Ferrol un asteleiro totalmente ocioso.
Aínda que se queira desviar como compañía auxiliar militar e facer o que non se fai na Bazán para facer aquí, realmente, en termos reais de construción, temos un asteleiro ocioso, e nós cremos que Galicia non pode darse este luxo, e menos nunha situación de crise económica. Non se podeaguantar que nun país en Vigo se demanden 1.500 postos de traballo inmediatos e noutro lado, un asteleiro totalmente montado e preparado para traballar, estea ocioso.
¿A que se debe esto? As axudas europeas consideráronse ilegais no seu día pola Unión Europea. Efectivamente, no ano 2004, gobernando no Estado o Partido Popular, a Comisión Europea, mediante decisións do 12 de maio, porque logo xa non gobernaban vostedes, e do 20 de outubro, envía sendas comunicacións, entendendo que os asteleiros da antiga Izar,
hoxe Navantia, recibiran axudas prohibidas polo artigo 87 do Tratado da Comunidade Europea. Esas axudas daquela estaban cuantificadas en máis de 860 millóns de euros. Ante esta situación, o Goberno posterior do PSOE acolleuse a unha cláusula de salvagarda dos tratados comunitarios, ao artigo 296, que fai mención aos intereses esenciais en temas de seguridade, municións e materiais de guerra. Efectivamente, a Unión Europea acepta este tratado, renegocia esto co Estado español, desfaise Izar, créase Navantia, segregación dos asteleiros civís, os outros Navantia-construción naval, cunha certa porcentaxe –xa o temos repetido varias veces– de construción civil, pero esto supón en termos reais que Astano queda, efectivamente, sin poder adicarse á construción naval.
As axudas ás que fai mención este tema da Unión Europea son tres. A C-3, do ano 99; a C-40, do 2000; e a C-38, do 2003. Curiosamente, estas axudas nunca, nunca, ninguén aclarou cales foran as que recibira Astano, porque estas axudas eran ao sector naval estatal. Das tres, dúas son nominais e en ningunha delas figura Astano, e a outra é global. Das tres, seguro que non está Astano, porque son nominais, a asteleiros concretos, e non figura Astano. Eu chámolle Astano, Izar-Fene, como o queiran denominar as súas señorías.
Nós entendemos que esto tense que coñecer, porque ademais hai o principio europeo da proporcionalidade, cal é que non se nos pode penalizar mais alá do dano feito polas axudas ilegais. Quere decir, se foron axudas que foron para todos os asteleiros de Astano do Estado, non se pode penalizar só a un asteleiro, e ese asteleiro hai que decir que axudas concretas tivo, que é o obxecto desta iniciativa. E no principio europeo da profesionalidade pedimos que, coñecéndose as axudas, se renegocie para volver á construción naval civil, aproveitando agora mesmo este tirón que hai no mercado mundial.
Á parte de devolver as axudas, nunca estaríamos a falar dunha multa, como tentan por aí, simplemente da restitución de axudas, que é un proceso longo, por parte do Estado, que tería bastante defensa do Estado a respecto destas axudas.
Remato xa. Nesta iniciativa que presenta hoxe o BNG–trouxemos bastantes cuestións nesta lexislatura do tema naval– a Consellería de Innovación e Industria fixo esforzos históricos, e cremos que vai sendo hora de botar luz nun tema que o Estado nunca lle botou luz. Que diga abertamente que axudas recibiu Astano, que se cuantifiquen, e que o principio europeo de profesionalidade permita rescatar Astano para a construción naval civil.
O señor BERNARDO TAHOCES: Moitas gracias, señora presidenta. Señorías, moi bos días novamente. Señor Blanco Parga, como vostede coñece perfectisimamente, os tres grupos parlamentarios que integran este Parlamento temos en múltiples ocasións acordado dun xeito unánime pois que os estaleiros da ría de Ferrol volvan á construción naval civil, e nomeadamente ao asteleiro de Ferrol. Temos acordado unanimemente en múltiples ocasións a necesidade de que ao estaleiro de Fene se dote dun plan industrial que garanta o seu futuro e que garanta a plena ocupación dos seus traballadores.
Todos estos esforzos, señor Blanco Parga, teñen sido inútiles.
O asteleiro de Fene sigue sen poder construír buques civís ata o ano 2015, ano en que remata a prohibición que pesa sobre o asteleiro, prohibición acordada polo Goberno de España e pola Unión Europea o 1 de xuño do ano 2005. E como vostede sabe perfectamente, esta é a prohibición, o tributo que se tivo que pagar para que o asteleiro de Fene seguira permanecendo no ámbito da titularidade pública. Pero a historia, sendo moi importante, o que debe centrarnos é o esforzo destes diputados, de nós, e precisamente construír o futuro, e parece que Astano, o asteleiro de Fene, pode ter un futuro. Vostede sabe perfectamente que o día 8 de abril a comisaria da Competencia da Unión Europea, Neelie Kroes, respostou a unha iniciativa parlamentaria presentada polo eurodiputado do PP Daniel Varela.
A comisaria da Competencia reiterou unha vez máis que o asteleiro de Navantia-Fene-Ferrol tiña que concentrarse na produción militar, e que se antes do ano 2015 pasaba a construír buques civís, sería necesaria a devolución das axudas ilegais outorgadas polo Estado español porque se produciría o incumprimento do acordo entre España e a Unión Europea relativo á reestruturación da empresa Izar.
Se nós interpretamos a sensu contrario a resposta da comisaria da Competencia da Unión Europea, o estaleiro de Navantia-Fene podería voltar á construción naval civil se se devolveran as axudas ilegais. A pregunta é, ¿cales son esas axudas ilegais? ¿Haberá que devolver os 864 millóns de euros recibidos ilegalmente –según a Unión Europea– por todo o grupo Izar? ¿Ou haberá que devolver as axudas efectivamente percibidas polo asteleiro en cuestión? Vostede o mencionou, existe un precepto fundamental, o artigo 5.3, do Tratado constitutivo da Unión Europea, donde se consagra o principio da proporcionalidade.
Como o seu propio nome indica, este principio supón que a actividade institucional europea ten que gardar unha proporción con respecto ás finalidades perseguidas. Na súa consecuencia, poderíamos chegar á conclusión de que, se o estaleiro de Navantia en Fene devolvera as axudas efectivamente percibidas polo asteleiro, podería voltar de inmediato á construción naval civil. Nós, estando de acordo con este plantexamento, pois facemos unha emenda de substitución á parte dispositiva da súa iniciativa porque, efectivamente, é necesario reabrir a negociación coa Unión Europea, pero é necesario, como vostede ben coñece, resolver un problema interno. A Compañía Navantia ten un plan estratéxico, o Plan estratéxico para o período 2007-2011. E vostede sabe perfectisimamente que nese plan estratéxico se ameaza letalmente a actividade civil dos asteleiros que integran a Compañía Navantia.
Estes asteleiros quedan integrados no segmento militar. Un efecto xa deste plan estratéxico –vostede tamén ocoñece– o está a padecer precisamente o asteleiro de Navantia-Fene. Tivemos que abandonar o sector eólico, a área de turbinas do asteleiro, porque non se renovou a licencia con Siemens para a construción de aeroxeneradores [...]. Paradoxa, señor Blanco Parga, a paradoxa á que nos ten acostumados efectivamente este Goberno. Cando o Goberno da Xunta de Galicia está a tramitar –Goberno do Estado, me refiro– o maior concurso eólico da historia deste país, resulta que a área de turbinas de Navantia en Fene ten que abandonar o sector eólico. E o mismo pasa coa área de reparacións, está totalmente ameazada con este plan estratéxico. Porque o 90% das reparacións navais que se fan no asteleiro, como vostede sabe, son de buques civís, e nomeadamente de gaseiros. Un exemplo, no ano 2007 reparáronse 50 buques civís fronte a 12 unidades militares.
Por tanto, ¿que é o primeiro?, decirlle á Compañía Navantia que nese Plan estratéxico contemple a construción naval civil para o asteleiro e que garanta a actividade civil na área de turbinas, na área de reparacións. Mal vamos a ir a Europa solicitando a construción naval civil cando existe un plan e un documento interno da propia compañía que a imposibilita. Temos que ser realistas. Por eso a nosa emenda esixe precisamente de que ese Plan estratéxico de Navantia contemple a posibilidade de que o asteleiro de Navantia en Fene constrúa buques civís e que garanta, como digo, a actividade civil para as áreas de turbinas e para as áreas de reparacións. E por outra banda, señor Blanco Parga, supoño que estaremos todos de acordo que a prioridade, que o obxectivo, é que o asteleiro en Fene manteña, primeiro, a súa integridade, que manteña a súa titularidade pública e que poda voltar á construción naval civil.
Por tanto, a negociación fundamental na Unión Europea, que nós estamos totalmente de acordo na reapertura desa negociación, é precisamente que se manteña nestes termos. No caso, señor Blanco Parga, no caso de que a titularidad pública sexa un obstáculo precisamente para que o asteleiro de Fene poda voltar á construción naval civil, nese caso pois haberá que negociar por parte do Goberno de España que as instalacións non utilizadas polo asteleiro se poñan á disposición da iniciativa privada no eido da construción naval civil, pero sempre con esta orientación negociadora. De aí que nós estamos convencidos de que vostedes aceptarán a emenda planteada polo Partido Popular, porque, efectivamente, analiza e trata dun xeito moito máis completo a problemática de Navantia en Fene e porque trata de reorientar, efectivamente, dun xeito máis axeitado a acción do Goberno na Unión Europea. Espero, repito, a súa comprensión e o seu apoio, polo ben, efectivamente, desa construción naval civil que vostede está a apuntar, que está en crecemento progresivo, nunha situación de crise económica galopante. Polo tanto, señora presidenta, vou a aforrarlle novamente un minuto e darlle as grazas a todos vostedes pola súa atención.
Ten a palabra, polo Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, a señora Sestayo Doce. A señora SESTAYO DOCE:
Moitas gracias, señora presidenta. Bueno, estamos unha vez máis a debater sobre Navantia, sobre os asteleiros da ría de Ferrolterra, nun debate que algún dos seus puntos son reiterados. Levamos toda a lexislatura nesta Cámara partindo dalgúns postulados nos que seguramente non imos atopar, respecto á explicación das causas e os antecedentes históricos da situación dos asteleiros, consenso. Afortunadamente si que o estamos a atopar cara ás resolucións, e mesmo a inmensísima maioría das resolucións que se teñen acadado neste Pleno e mesmo nas comisións de Industria van neste senso.
Fálase, efectivamente, dun tema, o naval en Ferrol, que está pegado completamente a Ferrol, á cidade e á comarca. Como saben e como coñecen as súas señorías, a posición do Grupo Parlamentario Socialista é a de avanzar cos tempos. Falábamos xa o outro día na Comisión de Industria que non cremos que debamos entrar, e non por ningún prexuízo á hora de ter debates a fondo sobre a reconversión industrial, senón que a ver se nos colocamos no ano 2008, porque no ano 1984 a situación era completamente diferente, algúns e algunhas eramos todavía menores de idade, creo que dificilmente podemos solucionar o futuro se unicamente nos centramos no que aconteceu fai vinte e cinco anos. En todo caso, a verdad é que en Ferrol a situación é claramente diferente. Eso o di, señor Tahoces, se mo permite, unha ferrolana moi vencellada á historia dos asteleiros –se me permiten a referencia familiar– e que coñece a reconversión e as distintas adaptaciones do mercado. ¿Como lle chamaba o Goberno Aznar?
Readaptación do mercado laboral, refuncionalización, adaptación ao mercado funcional dos barcos –que xa ten tamén delito as súas modificacións–, co fin de esquecer e de obviar unhas solucións ao problema que atravesaban os asteleiros, por certo, de todo o mundo. O certo é que, frente a ese vitimismo, esas ganas de recrearse na pasividade da situación dos asteleiros, e lembrando os anos oitenta, o Grupo Parlamentario Socialista, xa o Partido Socialista, comparecía ante as eleccións autonómicas cun compromiso claro; por certo, o mesmo compromiso que amosou sempre o Partido Socialista. En primeiro lugar, o apoio sempre ás negociacións e ás condicións dos representantes dos traballadores e traballadoras nos asteleiros de Ferrol e Fene.
Esa foi a posición do Partido Socialista, chegando a negociacións continuas cos traballadores e secundando sempre á clase traballadora nas súas negociacións. Efectivamente, con ese apoio á clase traballadora nos asteleiros foi como apoiamos tamén e como se chegou ao acordo de manter as unidades dos asteleiros, os dous asteleiros, unha vez separados, na liña pública. O acordo dos representantes dos traballadores coa empresa foi manter os asteleiros na liña pública, e o digo agora. Acabo de alegrarme, señor Tahoces, cando vostede fala do mantemento, de que o Partido Popular ahora defende o mantenemento dos asteleiros de Fene nesa liña pública, pero é certo que esto non ocurreu sempre na historia. Fai tres anos, mentres o Partido Socialista defendía a negociación cos sindicatos, apoiaba as súas reivindicacións, e por iso apoiou e defendeu a aposta polo sector público, o certo é que o Partido Popular, e o Partido Popular de Ferrol e da comarca, defendía outras cousas. Ademais falábamos xa naquel momento, e despois foi coherente coa negociación que se levou neste Parlamento, da necesidade de chegar a unha negociación e presentación dun plan de empresa, dun plan industrial.
Chegamos aquí tamén a distintas negociacións, e así foi, chegou o plan de empresa co que, efectivamente, podemos ter algúns matices cara á súa aprobación. De feito non nos doen prendas, como coñecen, para suxerir algunhas modificacións nese plan de empresa, porque entendemos que non garante suficientemente a carga de traballo individualizada para o asteleiro de Fene separada de Ferrol, e por iso mesmo na Comisión de Industria plantexábamos unha emenda para apoiar os traballadores, unha vez máis, nas súas negociacións cara a acadar ese compromiso, non só de carga de traballo completa senón de individualizar as cargas de traballo para os distintos sectores do asteleiro de Fene, incluídas tamén as turbinas. Quero lembrar, seguramente ao mellor a algún non lle senta ben, que tamén foi o Partido Socialista quen plantexou a recuperación deses activos ociosos que cecais quixéramos...
Ao mellor temos que definir, cando falan vostedes do que son os activos ociosos, porque creo que ás veces se emprega a mesma palabra, o mesmo termo xa acuñado, con diferentes significados, foi o Partido Socialista quen falou desa recuperación. E se me permiten incluso unha referencia recente á campaña municipal, foi o candidato do Partido Socialista, actual alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri quen plantexaba esta recuperación dos activos ociosos, que foi efectivamente apoiada despois por outros grupos.
Esta e a realidade. Tamén a realidade, señor Tahoces, é que, claro, parece que a historia ás veces a esquecen. Eu xa lles dixen que non quero entrar no pasado, pero o que si é certo é que Izar, daquela Izar, acumulaba dende o ano 2000, das actividades militares, unhas pérdidas –do 2000-2003, non sei quen gobernaba– de case 500 millóns de euros; as previstas para marzo de 2004 para ese exercicio ascendían a 167 millóns de euros. Os asteleiros tiñan unha escasa ocupación, Fene non tiña contratos propios, non tiña contratos propios, esa ociosidade –se queremos falar– dende 1998 hasta o 2004, creo que o coñecen as súas señorías, dende logo calqueira ferrolano ou ferrolterrano pode saber cal era a situación de Fene dende 1998 ata o 2004, non existía ningunha carga de traballo, carga de traballo cero, daquela non só os espacios poderían estar ociosos senón os traballadores non tiñan ocupación, esa é a realidade. E ademais existía e arrastraba unha alta conflitividade laboral. Creo que con acudir ás hemerotecas, a situación de Ferrolterra todos a coñecemos. A todo eso se unía o que xa sabemos de sobra, os catro expedientes da Comisión europea, cun importe para a devolución das axudas ilegais de 1.300 millóns de euros.
Esta era a realidade, por eso o Partido Socialista, fronte a esa situación de crispación, o que fixo é manter a liña do partido que viña mantendo o Partido Socialista, apoio á negociación sindical, apoio aos traballadores, mantemento dos asteleiros da ría e tamén de Fene dentro do sector público, e negociación para manter vivos os asteleiros, porque nós si cremos nos asteleiros, señor Tahoces. Non digo que vostede persoalmente non crea, pero o certo é que o papelón do Partido Popular nos asteleiros de Ferrol foi o que foi. En todo caso, o Grupo Parlamentario Socialista, como sempre, está facendo todos os esforzos que se consideren oportunos para mellorar a situación laboral dos traballadores, así como a dos asteleiros da ría, que por certo teñen a maior carga de traballo contemplada na historia.
Foi o Partido Socialista, o que está no Goberno central, quen garantizou a carga de traballo ata o ano 2014-2015, algo que é un dato incuestionable, e polo tanto esa é a situación que se está a vivir agora en Ferrol, frente ao peche inmediato co Partido Popular ao frente. O certo é que agora está garantida a carga de traballo ata o 2014-2015, e sen embargo, desde logo, faremos todos os esforzos e por suposto votaremos a favor de cuantificar esas axudas ilegais. Por certo, hai que facer seguramente algúns matices a esta simplificación da normativa europea caro ao principio de proporcionalidade, e que por falta de tempo é imposible agora resumir. Ademais, loxicamente, que poda voltar. Temos aprobado aquí por unanimidade a volta á carga de traballo en materia civil, co que o Grupo Parlamentario Socialista e o Partido Socialista en Ferrole na comarca está absolutamente de acordo. Polo tanto, todo o apoio do Grupo Parlamentario Socialista...
O señor BLANCO PARGA: Moitas gracias, señora presidenta. Eu detecto certas veces hastío, cansancio, de falar do naval de Fene, é un tema recurrente. O que lle digo é que este como outros temas, dentro do ADN do nacionalismo galego, entre outros, tamén está o tema de Astano, ou sexa que non se preocupen, señorías, que volveremos.
Hoxe imos aprobar unha cuestión, pero, se non se cumpre, este tema, volverá a esta Cámara porque vaino traer o BNG. Tamén hai como unha certa... se mandan unhas mensaxes de non trasladar pesimismo porque a cidade está despegando, perde poboación, pero ese é un dado que nos [...] Acidade está despegando.
¿Estamos felices coa situación actual? O BNG non. E vitimismo, ningún, o que non facemos nós é entreguismo nin submisión de decisións que nos afectan á nosa economía e ao noso tecido produtivo. Nós non facemos nada deso. Vitimismo respecto de Astano, ningún. Claro, porque un pode ser feliz con que Navantia-Fene sexa público. Eu veño do campo sindical, por suposto, empresas públicas, pero serei feliz se Navantia-Fene ten traballo. E hai que lembrar que ese asteleiro tivo 6.000 postos de traballo directos e hoxe saen 315. Claro, non pode haber conflitividade laboral. Se nos desfacemos dos traballadores, non haberá conflitividade laboral. É unha forma, eu non tiña coñecemento desto, pero é unha forma, loxicamente, de reducir drasticamente a conflitividade laboral, non tendo traballadores. Creo que a emenda que presenta o Partido Popular non a imos aceptar, porque ademais reabre un debate desta Cámara na Comisión 6,ª o 6 de xuño deste ano, sobre o Plan estratéxico de Navantia, que por puro partidismo o Partido Popular non quixo aceptar unha emenda claramente que iba na fase construtiva a respecto do Plan estratéxico de Navantia, e o que fai hoxe é volver aquí o tema porque daquela non saíu satisfeito. Vou rematando xa cunha última reflexión.
Cando o Estado español asinou un compromiso coa Unión Europea, e podemos falar cando se queira do principio de proporcionalidade, cando se queira, sen fuxir do debate, pero cando o Estado español asina un acordo coa Unión Europea, nese acordo non se estableceu –supoñemos por que non se quixo– ningunha limitación para a transmisión ou adquisición dos activos produtivos, ningunha limitación para a transmisión ou adquisición dos activos produtivos. Se se houbera querido poñer, houbérase posto, como se puxo, evidentemente o tema da limitación á facturación civil, o 20%, e a limitación ao incremento do cadro de persoal, que figuraba taxativamente. Se non se falou desto é que non se quixo falar, co cal está a porta aberta. Loxicamente, transmisión ou cesión de activos produtivos, sempre respectando a libre concurrencia e os principios comunitarios que non impliquen axuda pública.
Pero o BNG está disposto a xogar esta partida, porque nesto vai tamén a economía produtiva do noso país e dos nosos traballadores.
Non vou esgotar o tempo, xa dixen que non imos aceptar a emenda do Partido Popular porque non aporta nada substancial á resolución que presenta esta iniciativa do BNG.
No hay comentarios:
Publicar un comentario