A cidade atravesa a peor situación social e económica dos derradeiros sesenta anos
Os datos socioeconómicos de Ferrol son os peores
dende a transición democrática. Atreveríame a dicir, tendo en conta a
degradación social, que é a situación peor dos derradeiros sesenta anos.
Navantia practicamente parada en Ferrol e Fene cun cadro de persoal
avellentado e con nulas posibilidades de rexuvenecemento a medio prazo;
22 empresas auxiliares do naval, nas que traballaban uns 3.600 operarios
en situacións de expedientes de regulación de emprego, máis da metade
de carácter extintivo; a Cámara de Comercio na crise máis fonda dende a
súa creación; a Feira de Mostras afogada e prescindindo da maioría do
seu persoal; gran parte do comercio tradicional pechando as súas portas e
amosando carteis de venta ou traspaso; moitos edificios do barrio da
Magdalena en situación estrutural delicada; Ferrol Vello caéndose
literalmente.. ¡Ata o Ateneo Ferrolán ten gravísimos problemas
económicos! O único que segue a funcionar parece ser a soliedaridade
cidadán, Cáritas e a Cociña Económica. V Televisión ven de facer un
programa sobre a crise ferrolá, da que a deterioración do barrio de
Ferrol Vello é o exemplo máis evidente, cun lema moi acaído. Ferrol, o
Detroit galego.
Compoñente estructural
A crise ferrolán ten, sen dúbida, relación coa
crise xeral do estado e Galicia, pero ten tamén unha compoñente
estrutural, de seu, que pode identificarse nídiamente estudando os datos
comparados de Ferrol coas outras seis cidades galegas.
Pra facermos un diagnostico da situación
consideraremos tres variables, cuxos datos nos proporcionan o IGE,
correspondentes ao cuarto trimestre de 2013. A taxa de ocupación, que
mide a relación entre a poboación ocupada e a poboación total, a taxa de
actividade que relaciona a poboación activa coa poboación total, e a
taxa de paro que mide a relación entre a poboación parada e poboación
activa, definida como poboación en idade de traballar, maior de 16 e
menor de 65 anos, que busca emprego e que está disposto a aceptalo a
salarios de mercado.
Pegada imborrábel
O gráfico permítenos verificar que en termos de
ocupación e actividade todas as grandes cidades galegas, agás Ferrol e
Pontevedra, sitúanse por encima dos datos medios de Galicia. A taxa de
ocupación é no caso de Ferrol arrepiante ¡Só está ocupado un de cada
tres ferroláns! Esta baixa taxa está relacionada cos efectos derivados
dos mal denominados procesos de reconversión industrial, que teñen
deixado a moitos traballadores en idade activa, e potencialmente
ocupables, fóra do mercado laboral e tamén, sen dúbida, co
avellentamento da poboación.
A idade media da poboación ferrolán é segundo o
IGE de 47 anos e a do conxunto de Galicia de 45,4. Cómpre ademais
considerar que as prexubilacións de operarios das antigas Astano, Bazán
e da súa refundación Izar, así como os procesos de adelgazamento da
estrutura militar, especialmente da Armada, teñen deixado unha pegada
imborrábel eliminando da poboación activa un gran continxente da
poboación traballadora ferrolán. So así pode explicarse a situación que
reflicte o gráfico dunha taxa de actividade situada un 20 % por debaixo
da media galega. Nas outras a actividade está sempre por enriba dos
valores medios.
Malo sobre malo
A taxa de paro dos ferroláns é un 40 % peor que a
media galega. O dato é malísimo, se temos en conta que é unha moi
elevada taxa de paro sobre unha poboación con taxas de actividade e
ocupación moi baixas.
A caída da actividade en Navantia rexistrada nos
últimos meses de 2013 deixa sentir os seus perniciosos efectos sobre os
niveis de paro de Ferrol e do conxunto de Ferrolterra. No mes de xaneiro
de 2014 rexistráronse nesta área 1.008 novos demandantes de emprego,
elevando o número de demandantes ata as 17.455 persoas. O empeoramento
recente destes datos indican que o proceso de deterioración non ten
chegado aínda ao seu fin.
Aínda non tocou fondo
Ferrol non está aínda a tocar fondo, todo parece indicar que segue a escarvar no fondo.
E todo isto ¿por qué? Por moitas razóns, unhas
alleas aos ferroláns, como a situación no finisterre da península
ibérica,as malas comunicacións,o illamento xeográfico,o mal clima, e
outras derivadas de falsos enfoques dos problemas, de erros estratéxicos
sobre os instrumentos acaídos para acometer a modernización e
adaptación da estrutura produtiva á globalización, do abandono á súa
sorte da construción naval e do desleixo dos gobernos, de todos os
gobernos.
Era partindo da construción naval onde había que
diversificar e investir. Era aí onde había que estudar o que non
funcionaba para cambialo, o que despois dos anos de puxanza nas décadas
dos sesenta e setenta do século pasado quedara desfasado.
Perda do referente
No ámbito estatal, definindo o sector naval como
estratéxico e desenrolando mecanismos de garantía e produtos financeiros
específicos para facilitar e abaratar o financiamento. No ámbito
interno dos estaleiros, innovando en produtos e procesos, aumentando a
produtividade por medio dun mellor control de custes e unha mellor
programación de actividades, avanzando na estandarización de produtos e
automatización de procesos de fabricación, innovando continuamente nas
áreas de enxeñaría de proxectos e detalle, coordinándose de xeito máis
eficiente coas auxiliares....
Dende os ministerios de Economía e Industria,
favorecendo o investimento na industria auxiliar da construción naval.
Abrangue moitas máis actividade que as subcontratas de persoal.
Actividades moi diversas que aínda hoxe non se están a realizar en
España: Fábricas de motores e turbinas, tubaxes, maquinaria de cuberta,
hélices, servizos, hardware e software de control, maquinaria
especializada para a exploración de cru e gas na industria offshore....
Foi a perda deste referente industrial o que
nos está a precipitar na crise económica, social e demográfica máis
grave de Ferrolterra dos últimos cincuenta anos.
Recuperemos o sentidiño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario