sábado, 25 de febrero de 2012

OS LEÓNS DO CONGRESO



PUBLICADO 25/02/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario 


O acordo naval  subscrito  no 2004 entre  o Goberno español e a UE, non tivo outra finalidade  que restrinxir a capacidade produtiva do sector,  e o seu negativo  alcance, supuxo  a desaparición como tal da actividade civil nunha factoría que como Astano, fóra creada  e deseñada  expresamente para ese fin. Por iso a súa pervivencia,  parte do dereito do estaleiro a recuperar o seu espazo vital dentro da construción naval convencional, obxectivo, onde a   cuestión política  segue sendo a principal baza a xogar, por máis que as súas señorías decidan encollerse de ombreiros.



Unha das máximas do singular  marxismo de Groucho, sostén  que a política é a arte de buscar problemas, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados.  Sen dúbida, que neste noroeste naval que é Ferrolterra, este adagio garda fiel paralelismo coa práctica cotiá utilizada polos  membros dese colectivo  gremial, que  tras unha credencial electoral, cren ter  conferidas  atribucións   para  versionar á seu antollo os límites e o alcance da democracia.
Así, mentres as gradas do estaleiro non soportan quilla algunha e na carteira de pedidos non asoma contratación, os de sempre, o séquito das súas señorías, no canto de tomar cumprida razón desta situación extrema  e proceder en consecuencia, por aquilo de non perder a alianza co inaudito, esta semana co sarcasmo da efervescencia do entroido,  en sede parlamentaria  deron unha volta de rosca ao disparate elemental.
Exhibindo  unha absoluta irresponsabilidade e escasa sensibilidade  sobre o futuro das familias afectadas e as graves  repercusións derivadas, eles, instalados nesa vantaxosa estabilidade que reporta a garantía  de dependencia do  erario público, nun absurdo arrebato de inmadurez protagonista, encerelláronse  nunha guerra de friccións entre  emendas e transaccións como camuflaxe para consumar unha nova  estafa a esta comarca, facendo que a  inviabilidade do  consenso fose o resorte  para que o pleno cameral rexeitase o impulso   ás accións de reflote da factoría naval por xustificada urxencia.  
Estes desmáns ademais dunha afronta a esta comarca,  pon de relevo a  propensión   dunha clase política desprestixiada , a quen,  o seu propio ego e o individual culto ás  siglas de pertenza,  pódenlles máis que os dereitos inalienables dunha comarca,  á que,   inhabilitaron o seu futuro co auxilio colaborador dun sindicalismo degradado e a contribución dalgún  alcalde acólito , e todo isto, para  atoparnos peor que de orixe e cando os fillos da reconversión, coa súa trintena ao lombo ven como o seu incerto  futuro toma idéntico camiño que o dos seus pais.
Todo orienta a pensar    que a pesar das    circunstancias extremas que padece o sector, cunha    ocupación  en proceso  de extinción e sen expectativas de futuro, non existe nin vontade política, nin  interese algún por parte  do pleno do Congreso,  para afrontar de forma inmediata a apertura de negociacións  ante a UE, encamiñadas a deixar sen efecto o contido dos acordos  de 2004, para unha  vez liberados das restricións do  veto  tomar  acceso de concorrencia   ao  mercado de contratación  naval convencional como única alternativa viable para frear o incerto futuro do sector de persistir a actual tesitura.
Esta forma  de  destilar responsabilidades faltando a compromisos contraídos,  é propio da desvergoña habitual desta cuadrilla de incongruentes, e como botón de mostra, non hai mais que traer á actualidade a  falsidade utilizada por aquel que o fose,  presidente do anterior Executivo, que despois de manifestar na solemnidade do Congreso estar disposto a abrir unha fronte de dialogo coa Comisión Europea  para renegociar os acordos  do sector naval e posibilitar a recuperación  da actividade civil na antiga factoría do sur da Ría, esgotou o seu mandato sen tan sequera cursar trámite algún do seu contraído, é dicir, todo un espello de informalidade e descrédito.
Pois á vista dos acontecementos todo apunta a concluír  que estamos a ser  testemuñas involuntarias, da formalización  dun traspaso  de indecencia, e así, os onte autores e artífices  do veto hoxe con toda naturalidade mudan a opositores e viceversa. Este degradante espectáculo   protagonizado polo conxunto das súas señorías,  é a antítese do tolerable ,  pois cando o guión esixía  pór remedio ao futuro do sector naval con total e uniformada determinación, os pais da patria, enfráscanse en  absurdas polémicas,  mais afastadas da sensatez que do surrealismo patético.
Metidos a excentricidades e á vista da deriva dos nosos dignatarios, non resultaría extravagante preguntarlle aos leóns do Congreso dos Deputados,  se teñen  fixada a  mirada en dirección  contraria ao acceso por imperativo do  escultor, ou quizá,  por evitar a vergoña que lles produciría ver pasar aos  transeúntes parlamentarios

No hay comentarios: