martes, 3 de enero de 2012

Promesas e orzamentos

 Fernando Branco (BNG)

Diferentes voceiros do Goberno da Xunta e do PP veñen de xustificar o seu voto contrario nos Orzamentos galegos ás emendas do BNG que solicitaban o cofinanciamento do dique frotante de Navantia e o Centro de Reparacións Navais na ría de Ferrol, argüíndo que son actuacións que lle corresponden á Sepi, é dicir, ao Goberno Central.

Resulta preocupante a perda de memoria sobre algunhas cuestións. A primeira é que as dúas emendas correspóndense con promesas feitas polo PP en diferentes campañas electorais, o Centro de Reparacións Navais, que segundo eles ía crear 2.000 postos de traballo directos, era o primeiro compromiso de Feijoo cando anunciou o seu «contrato con Ferrol» no ano 2009.
O dique frotante foi a estrela na última campaña electoral, na que o Conselleiro de Economía e Industria anunciou en repetidas ocasións o seu apoio, e até o Parlamento Galego aprobou varias iniciativas por unanimidade sobre esta tema, sen que daquela se matizase ou cuestionase a súa viabilidade.
Tamén esquece o PP que Navantia é unha empresa pública e, en cumprimento da Lei do Sector Naval de Galiza, impulsada por unha Iniciativa Lexislativa Popular desde esta comarca, a Xunta debe reclamar o seu papel e súa responsabilidade como Administración Pública. Mesmo agora, a situación para o PP é máis favorábel, toda vez que non vale a excusa do Goberno central, que semellaría ser «amigo»... Logo ¿onde están os problemas para desenvolver estas actuacións industriais que son vitais para a comarca?, ¿ou o de antes só eran promesas electorais?
Na situación crítica que vive a comarca, non son de recibo desculpas formais. Desde que goberna Feijoo o paro na comarca incrementouse nun 17%, perto de 3.000 persoas máis. A maiores -aínda que menos coñecido- en só dous anos perdemos uns 1.700 habitantes, cifra superior á de algúns concellos da comarca.

Volvendo ao tema: o PP sigue mantendo que se fose preciso non habería problemas para apoiar o dique frotante (do Centro de Reparacións xa non fala), mais oculta que o orzamento do Igape minórase para o ano 2012 nun 45%, é dicir, terá 118 millóns de euros menos que este ano. Así, ante a grande limitación financeira que vai ter este organismo, era importante que recollese partidas para o dique e para o Centro de Reparacións.

Mesmo o PP podería ter discutido e negociado as cantidades que consignaba o BNG, mais non foi así; e no Parlamento non deu ningunha explicación máis que o voto en contra.
Noutra manobra de despiste, novos anuncios tapan as promesas incumpridas. Agora o conselleiro de Economía e Industria fálanos doutra «versión actualizada» do Plan Ferrol, cando seguimos á espera da proposta industrial que o Goberno Feijoo, logo dun Consello da Xunta realizado en marzo en Ferrol, anunciara para antes do verán. De novo, as promesas suplen aos compromisos.

No hay comentarios: