domingo, 28 de agosto de 2011

Se Astano estivera en Cataluña ¿pasaría o mesmo?

«O naval é un sector en vías de extinción para o Goberno»
«O naval é un sector en vías 		de extinción para o Goberno»


LVDG_GOOGLE_ADSENSE:


Francisco Jorquera Caselas (Ferrol, 1961) é licenciado en Xeografía e Historia, pero é coñecido por ser o deputado do BNG no Congreso, cámara que se renovará en novembro. Chega o examen de fin de curso.
-¿Que balance fai desta lexislatura para a comarca?
-Eu diría que foi unha ocasión perdida... 

-¿Outra máis?
-Por desgraza, outra máis. Por poñer un exemplo, a instancias do BNG, o Congreso pronunciouse a favor de aproveitar a presidencia española da Unión Europea para incluír na axenda como unha prioridade renegociar os topes que impiden que os estaleiros públicos do grupo Navantia, en particular o de Fene, poidan operar en todos os campos da construción naval.
-Ao mellor resulta que o Goberno non quere que Astano faga barcos.
-Nós temos esa impresión. O único que houbo foron consultas verbais con Bruxelas, o Goberno nin sequera formalizou por escrito a petición da apertura de negociacións. Limitouse a actuar de amplificador das obxeccións que puxo a Unión Europea. Pero co decreto do carbón non aconteceu así. O Goberno central empregouse a fondo para que Bruxelas non considerase que ese decreto atentaba contra normas europeas de respecto á libre competencia e conseguiu que saíse adiante, pero ao respecto do sector naval limitouse a facer ver que facía. Para eles é un sector en vías de extinción. 

-Pero no Goberno hai ministros galegos.
-Pero na política estatal hai unha propensión a outorgarlle a cuestións que para Galicia son fundamentais unha importancia total e absolutamente marxinal, e non observo por parte dos ministros galegos unha actitude realmente firme, dilixente, para corrixir esa propensión.
-Pero se Astano estivera en Cataluña ¿pasaría iso mesmo?
-Non vou alimentar o vitimismo. No suposto caso de que fose así hai un instrumento moi fácil para corrixilo e é que exista unha forza política galega no Congreso co respaldo suficiente para pesar tanto na política estatal como os grupos parlamentarios cataláns.
-Cos datos que ten, ¿chegará o AVE a Ferrol?
-Nesta lexislatura consumouse a desatención histórica a esta comarca en materia de infraestruturas, e Ferrol corre o risco de quedar excluída total e absolutamente do mapa ferroviario do futuro. Todas as actuacións que se prevían para conectar A Coruña e Ferrol por unha liña apta para a alta velocidade están absolutamente estancadas. 


-Algúns políticos cataláns din que o AVE a Galicia é tirar os cartos.
-A aposta que se fixo no Estado español no seu momento polo AVE é discutible, porque representa un gasto enorme, cando se se apostase por modernizar a rede ferroviaria existente corrixindo trazados, electrificando e duplicando as vías permitiría con moita menos inversión ter unha infraestrutura ferroviaria apta para trens rápidos, ao mellor non de 350 kilómetros por hora, pero si de 200. Pero unha vez que se apostou por ese modelo, para Galicia tamén é imprescindible estar conectado por AVE, porque se non fora así a nosa condición de periferia económica se vería acentuada. Con respecto ás críticas de Cataluña debo dicir que me sorprende moito que non se escoitaran voces críticas cando se fixo a liña de AVE a Sevilla, Barcelona ou Valencia. Confúndense radicalmente e están contribuíndo a esa caricatura de insolidariedade. 


-¿Que logro do BNG destacaría desta lexislatura?
-Con toda humildade, creo que non esaxero se digo que oito de cada dez veces que no Congreso se falou do sector naval e da problemática dos estaleiros de Ferrol foi por iniciativa do BNG. Conseguimos acordos enormemente importantes, como que Astano puidera construír buques, pero o problema é que o Goberno central non cumpriu eses acordos. 


-Agora están atarefados na reforma da Constitución.
-Estou escandalizado. O PSOE e o PP pouco menos que consideraban a Constitución sacrosanta, intocable, se opuxeron a calquera modificación, non xa para abordar cuestións de fondo, como o modelo do Estado, senón para modernizala, para evitar a discriminación que existe entre homes e mulleres na sucesión, ou para revisar o papel das deputacións ou que a provincia deixe de ser circunscrición electoral, ou a reforma do Senado. É inaudito que porque Merkel, Sarkozy ou Trichet digan que o tope de gasto debe figurar na Constitución se precipiten a unha reforma exprés sen analizar as consecuencias. En canto ao fondo, elevar á categoría de norma constitucional que non se poida recorrer ao déficit é tanto como impoñer un pensamento único no económico, un dos principios ideolóxicos máis duros do ultraliberalismo.

No hay comentarios: