martes, 28 de diciembre de 2010

A crise económica e social de Ferrolterra



Ferrolterra está a sufrir un dos períodos recesivos máis duros da súa historia. O ciclo contractivo, que na ría de Ferrol comezou xa hai tempo coa primeira reconversión, a mediados dos anos oitenta do pasado século, tinguiuse de cores moi escuros no comezo do novo milenio cando, no ano 2004, foi asinado un novo acordo de reconversión entre os sindicatos maioritarios -CC.OO. e UGT- a patronal SEPI e a Unión Europea que obrigaba a saír do mercado da construción naval civil ata o ano 2015 ao estaleiro Astano, un dos principais motores de xeración de actividade e emprego da bisbarra ferrolterrán.

Ademais, a bisbarra ferrolá está a ser gravemente atinxida neste segundo lustro de século polo retraso na dotación de infraestruturas de transporte ao porto exterior de Caneliñas -camiños de ferro e plataforma loxística de Mougá- imprescindibles pra convertilo nunha auténtica plataforma marítima de transporte intermodal, pola nova regulamentación sobre o consumo do carbón que atinxe seriamente á viabilidade do propio porto exterior, ao sector de transporte e á xeración de enerxía eléctrica nas centrais das Pontes, e polos retrasos do concurso eólico e a adxudicación final a empresas sen vinculación efectiva nin plantas de produción en Galicia.

Ora por decisións do governo central, ora por decisións do governo autonómico, os sectores marítimo, naval e enerxético, piares fundamentais pra o futuro desenvolvemento ferrolterrán, están a ser postos en tea de xuizo sen que se produza reacción cidadán diante de tanto aldraxe. Ferrol está adormecido e non é quen de espertar do seu letargo. A súa poboación, avellentada e atordoada polos sucesivos expedientes de reconversión, non é quén de arrepoñerse e os partidos políticos maioritarios e sindicatos afíns, co seu silencio, parecen bendecir este triste sino.

É triste que perdamos a memoria do que fomos. E triste que as forzas máis vivas e noutrora mobilizadoras da cidadanía ferrolá fiquen caladas mentres as nosas posibilidades de futuro se esfarelan, mentres o saber colectivo da cidade na área da construción naval, tanto no eido off shore como na construción naval militar como na fabricación de turbinas se vai esvaecendo a base de prexubilacións e xubilacións definitivas dos enxeñeiros, delineantes, técnicos e operarios expertos que fixeron da nosa cidade e das súas empresas Bazán e Astano marcas prestixio internacional na construción naval mundial. É certo que construción naval na ría de Ferrol, ao longo de todo o século XX, deixou en segundo plano os aspectos de racionalización de procesos, organización, control da produción e control de custos. A falla de capacidade directiva para resolvelos -Bazán e Astano tiveron enxeñeiros e tecnólogos de primeiro nivel nos eidos da definición técnica, pero malos xestores en orgaización, procesos e control- e o encastelamento sindical nunha actitude inmobilista e pouco flexible, impediron a modernización do sector nos últimos trinta anos.


A anterior dirección de Navantia non foi quén de acadar os obxectivos do plano estratéxico 2007/2011. Os novos xestores deben ser os responsables de impulsar un proceso de modernización tecnolóxica e orgaizativa que permita definir e fabricar novos produtos, diminuír os custos fixos e tecer redes de colaboración máis efectivas e transparentes coas empresas auxiliares. Os sindicatos no deben ficar ao marxe, polo contrario, deben implicarse nunha actitude máis pro-activa, favorecendo a flexibilidade e transladando aos seus afliados a idea de que se a empresa non aumenta a súa produtividade non é competitiva, se non é competitiva non hai mercado, se non hai mercado non hai negocio, e se non hai negocio non hai emprego nin salarios. 

Desacóugame moito a constatación dun estado de ánimo xeralizado, de derrota, que o penetra todo, que estende o bulo de que o sector naval non ten futuro, e que a única solución e a prexubilación. Algúns din que cos nosos salarios non podemos construír barcos ¡Non é certo! Alemaña é hoxe o principal construtor europeo, Noruega é o principal foco da tecnoloxía off shore en Europa e Dinamarca está a liderar a construción de plataformas de soporte para torres eólicas mariñas. En todos estes países as condicións de vida e os salarios son moito máis altos que os españois. Acontece o mesmo en Asia con Xapón e Corea. O problema non son os salarios nominais, senón a relación entre o que se cobra e o que se fai.

É imprescindible aumentar a produtividade do factor traballo, porque é moito máis baixa en España que nos países nos que a construción naval funciona. A responsabilidade cómpre en primeiro lugar aos que dirixen, aos que deberían orgaizar e non teñen capacidade, non queren ou non saben pero, tamén ás orgaizacións sindicais que non poden seguir a pasar do problema sen querer ver as ameazas que atinxen ao sector, sen ter en conta a precaria situación patrimonial da empresa e sen implicarse a prol dos procesos de maior flexibilidade, incremento da produtividade e innovación tecnolóxica.
lavozdegalicia.es

No hay comentarios: